martes, 17 de septiembre de 2019

A Coruña acolle a IX Xuntanza de Bloggers Gastronómicos de Galicia


Máis de 30 bloggers participarán no evento os días 21 e 22 de setembro

A Coruña, 17 de setembro de 2019. A cidade da Coruña acollerá o vindeiro fin de semana a IX Xuntanza de Bloggers Gastronómicos de Galicia na que máis de 30 bloggers chegados de moitos puntos da nosa comunidade, e algún doutros lugares como Canarias, Asturias ou os EUA, coñecerán os produtos e locais de hostalaría coruñeses.

Esta xuntanza está organizada anualmente por blogueiros especializados no sector gastronómico que busca coñecer de primeira man a gastronomía dun lugar distinto en cada ocasión. O lugar escollido este ano foi a nosa cidade.

Nesta ocasión, os bloggers participantes comezarán o sábado almorzando en Bonilla a la Vista e participarán nunha visita caracterizada pola Cidade Vella e unha cata-degustación no restaurante Ecléctic esa mesma mañá.

No mediodía realizarase o acto central que será un xantar no Hotel Finisterre co chef Tito Fernández e máis cociñeiros sorpresa que realizarán demostracións culinarias para os participantes.

Xa pola tarde realizarase un tour panorámico pola cidade, o Monte de San Pedro e a Torre de Hércules e os participantes probarán petiscos do XVI Concurso de Tapas Picadillo para a cea.

A visita completarase o domingo con máis degustacións entre as que se inclúe a visita ao Mundo Estrella Galicia.

Esta xuntanza permitirá achegar a estes bloggers e aos seus seguidores a cidade da Coruña como destino gastronómico e berce da Cociña Atlántica.