Mostrando entradas con la etiqueta Monelos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Monelos. Mostrar todas las entradas

martes, 21 de enero de 2020

Carmen Pomar destaca un investimento de máis de 800.000 euros na rehabilitación integral do IES de Monelos


As obras beneficiarán ao equipo docente e aos máis de 460 estudantes do instituto

Ademais redundan nun aforro enerxético de máis do 50% e nun maior confort para a comunidade educativa

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2020.- A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o IES Monelos, onde destacou que o seu departamento vén de investir 838.261,07 euros na obra de rehabilitación integral do centro, unhas obras que beneficiarán aos máis de 460 estudantes do centro e ao equipo docente. A actuación, segundo explicou, redunda nun maior confort para a comunidade educativa, ademais de nun aforro enerxético de máis do 50%. Nestes momentos a obra está a piques de concluír, pendente só dalgúns remates.

Co fin de mellorar a eficiencia enerxética do centro colocouse sistema illante de envolvente continua polo exterior da fachada mediante sistema SATE e mudáronse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Así mesmo renováronse as persianas e substituíronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con regulación lumínica e detectores de presenza. Ademais cambiouse a caldeira de gasoil por tres caldeiras de combustión de Gas Natural e instaláronse paneis solares. A maiores cambiouse o material de cubrición por panel sándwich de chapa prelacada de aceiro na zona antiga do centro e con illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro do 59,1% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 67,7% en emisións de CO2.

A obra incluíu, por outra banda, a reparación e pintado dos paramentos interiores, as portas, os radiadores e tubaxes; o pulido do pavimento de terrazo e a colocación dun novo falso teito. Así mesmo, realizáronse melloras nun dos aseos femininos.

Traballo do equipo docente
Carmen Pomar aproveitou a súa visita ao centro para salientar o traballo do equipo docente, que implica o alumnado en numerosas accións complementarias ao currículo. De feito o IES de Monelos participa no programa de Voluntariado de Lectura na Biblioteca Escolar e conta cun club de lectura ao abeiro da convocatoria da Consellería.

Por outra banda, o centro participa no Plan Proxecta, en concreto nos programas MeteoEscolas, que ten como obxectivo o coñecemento do clima e meteoroloxía de Galicia a partir da observación na escola; e Proxecto Ríos, que pretende involucrar á cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Así mesmo o instituto conta con seccións bilingües.