Mostrando entradas con la etiqueta tvg. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta tvg. Mostrar todas las entradas

miércoles, 21 de febrero de 2024

A CRTVG retransmitirá en directo, de xoves a domingo, as catro etapas da volta ciclista O GRAN CAMIÑO


Os espectadores poderán ver, desde as 15:30 h, a primeira etapa, unha contra o reloxo de 15 quilómetros que se desenvolverá na cidade da Coruña

Os espectadores galegos poderán seguir en directo, desde este xoves ata o vindeiro domingo, a terceira edición de O Gran Camiño, a proba que recolleu o testemuño da histórica Volta Ciclista a Galicia, que se ofrecerá a través da primeira canle da TVG e tamén de AGalega, a nova plataforma dixital dos medios públicos galegos, e da Radio Galega.

A rolda contará con catro etapas, unha por cada provincia, que se retransmitirán en directo de 15:30 a 17:30 h (o domingo, de 13:30 a 14:30 h). A participación das figuras máis importantes do pelotón internacional garante unha edición de O Gran Camiño chea de competitividade e espectáculo, mantendo a Galicia no foco do ciclismo internacional.

O danés Jonas Vingegaard volve encabezar unha lista de aspirantes en que destacan tamén o ecuatoriano Richard Caparaz, os colombianos Egan Bernal e Rigoberto Urán, o francés David Gaudu e o español Carlos Rodríguez. Todos eles aspiran a arrebatarlle o triunfo ao dobre gañador e vixente campión do Tour de Francia, que buscará revalidar o título nunha proba que supón a súa estrea na temporada.

O Gran Camiño arrancará hoxe na cidade da Coruña cunha contra o reloxo de 15 quilómetros que se desenvolverá na contorna do paseo marítimo e que rematará ao pé da Torre de Hércules.

O venres, a rolda galega desprazarase ao corazón da Ribeira Sacra lucense para disputar a segunda etapa, de 151 quilómetros, que discorrerán entre Taboada e Chantada. Ao día seguinte, será a quenda para a provincia de Ourense, cunha etapa de 173 quilómetros con saída en Xinzo de Limia e final no castelo de Ribadavia. O Gran Camiño rematará o domingo en Pontevedra, que acollerá a etapa raíña entre Ponteareas e Tui, coa subida ao Monte Aloia como un dos momentos cumio.

jueves, 4 de enero de 2024

A Televisión de Galicia ofrece este venres, en directo, a cabalgata dos Reis Magos


A partir das 18:30 h, Trisha Fernández presentará un programa especial desde A Coruña que seguirá todo o percorrido dos Magos de Oriente

O autobús da G2, cos ‘Bolechas’ e Xabarín, participará no desfile coruñés

Ao longo da tarde, a TVG conectará cos desfiles noutras cidades como Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo

Santiago, 04.01.2023.- Os espectadores da Televisión de Galicia poderán seguir este venres pola tarde, en directo, a chegada dos Reis Magos ás diferentes cidades galegas. A canle pública realizará, a partir das 18:30 h, un programa especial que retransmitirá a cabalgata da Coruña, na que tamén viaxará o autobús da canle infantil, a G2, cos personaxes do ‘Xabarín Club’ e ‘Os Bolechas’. TVG conectará tamén, en directo, cos desfiles de Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo ao longo da tarde.

Na antesala da noite máis máxica do ano para milleiros de nenos e nenas, Trisha Fernández presentará este especial ‘Cabalgata de Reis’ desde o Obelisco da Coruña, con cámaras situadas ao longo dun percorrido que este ano comezará no Barrio das Flores para, desde aí, percorrer as rúas ata a praza de María Pita. Convidados como Paco Lodeiro, Lucía Rodríguez, César Romero ou Fran Cañotas e parte do elenco da serie ‘Saudade de ti’ achegaranse tanto ao set central coma aos diversos puntos en directo para vivir coas súas familias un día tan especial.

As reporteiras Fátima Pego, Carlota Mosquera, Laura Vaqueiro, Tamara Pérez e Miguel Mandayo encargaranse de que os espectadores non perdan detalle das Cabalgatas de Reis deste ano, diferentes en cada cidade. En Vigo a decoración e espectáculos que acompañan as súas maxestades de Oriente xiran arredor do ‘Mar e a Fantasía’, mentres que en Lugo as carrozas teñen como eixo central a viaxe ata Belén. En Pontevedra, os espectadores coñecerán a figura das carboeiras, que cada ano lles lembran aos cativos e cativas que, de portárense mal, levarán carbón. En Ourense asistirán a un espectáculo de fogos de artificio e na vila de Boqueixón estarán cos Bolechas.

Nesta retransmisión, a TVG rescatará a ‘Cabina dos desexos’, que logo do seu paso polos programas especiais de Nadal e Aninovo, estará presente para amosar que lles piden aos Reis Magos os rapaces e rapazas galegos. O programa especial da tarde do 5 de xaneiro rescatará os Cantares de Reis, e coñecerá un grupo de veciños que mantén vivo este costume na vila de Arnoia e unha Carteira Real que realiza o seu reparto en vilas e aldeas do rural. Ademais, porá a proba a grandes e pequenos con divertidas enquisas a pé de rúa, en que terán que responder correctamente preguntas sobre Melchor, Gaspar, Baltasar e a súa gran viaxe.

viernes, 26 de agosto de 2022

A TVG emitirá dous partidos por xornada da Primeira RFEF


A FORTA e a Federación Española de Fútbol asinaron un acordo esta mañá para a retransmisión de partidos da categoría de bronce do fútbol español 

TVG, TV3 e IB3, fixéronse con dereitos de emisión que, no caso da Galega, permitirá retransmitir dous partidos por xornada e o play off e play out íntegro onde haxa presenza galega

As emisións da TVG comezan esta fin de semana co Pontevedra-Alcorcón o domingo ás 19:30 pola G2 e G24.gal

A TVG emitirá dous partidos cada xornada, que serán fundamentalmente partidos de casa, se ben nas xornadas en que ata tres dos catro equipos galegos en liza xoguen como visitantes, a TVG terá dereitos de emisión do partido que se xogue en Galicia e de un dos tres que se xoguen fóra.

O acordo coa RFEF implica que as emisións da TVG serán en aberto en TDT e a través da web con xeolocalización para España. A TVG emitirá tamén en aberto todos os partidos de play off e play out se os protagonistas son equipos galegos.

O fútbol de primeira RFEF, que este ano conta con catro representantes galegos (Racing Club de Ferrol, Real Club Deportivo da Coruña, Real Club Celta de Vigo B, e Pontevedra FC) volve á Televisión de Galicia que xa emitira o treito final da liga da pasada campaña.

Estaba previsto que as emisións comezaran co Deportivo-Dux deste sábado, pero o anuncio de incomparecencia do equipo madrileño fai que o primeiro partido desta temporada vaia ser o Pontevedra-Alcorcón desde Pasarón o domingo ás 19:30 pola G2 e pola páxina web G24.gal. Na segunda xornada a TVG televisará o Deportivo-Linense o sabado ás 19:30 horas e o domingo o Rácing de Ferrol-Castela, tamén ás 19:30 horas.

miércoles, 15 de abril de 2020

A G2 emite esta fin de semana o torneo benéfico virtual que enfronta aos tres equipos galegos de fútbol profesional



Celta de Vigo, Deportivo da Coruña e Club Deportivo Lugo competirán neste evento on line organizado por ABANCA, onde a recadación será destinada ao SERGAS

Santiago, 15.04.2020.- Esta fin de semana a segunda canle da Televisión de Galicia terá unha cita cos afeccionados ao fútbol e emitirá, en directo, o torneo solidario virtual de FIFA 20 en que competirán o Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Lugo para recadar fondos na loita contra a COVID-19. Organizado por ABANCA, este evento celebrarase o 17, 18 e 19 de abril entre as 19:30 e as 20:30 horas e destinará os fondos ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Desde o venres, os representantes de cada equipo e algunhas caras coñecidas da Televisión de Galicia collerán os mandos da consola e xogarán apoiando ao seu club. O Celta de Vigo estará representado polos futbolistas Denis Suárez e Brais Méndez e os presentadores Fran Cañotas e Duarte Galbán. No equipo do Deportivo da Coruña participarán Mujaid e Mollejo, xunto co actor Marcos Pereiro e o presentador da TVG Rodrigo Vázquez.

O Club Deportivo Lugo xogará con Yanis Rahmani e Jaime Seoane, co guionista Víctor Grande e con Brais Doval, presentador do programa da TVG `Malicia Noticias´ e colaborador do programa ‘Déitate’ da Radio Galega. A xornalista de deportes da TVG, Rocío Candal, narrará estes encontros, que poderán seguirse a través da G2, da páxina web desafio.abanca.com e por Facebook Live.

A CRTVG demostra, unha vez máis, o seu apoio ao deporte galego e ás iniciativas solidarias que se desenvolven en moitos eidos sociais e deportivos nesta crise sanitaria fronte a coronavirus. Na primeira fin de semana de abril xa a Radio Galega narrara o Torneo de Fútbol Virtual LFM, participado por clubs de 2ª División B e da Terceira galega.

lunes, 10 de febrero de 2020

A segunda canle da Galega, a G2, e a web da CRTVG ofrecen este martes, en directo, o partido que disputarán o Deportivo e o Valencia da Copa da Raíña


COPA RAÍÑA DE FÚTBOL

A segunda canle da Galega, a G2, e a web da CRTVG ofrecen este martes, en directo, o partido que disputarán o Deportivo e o Valencia, correspondente aos oitavos de final da Copa Raíña de Fútbol, competición nacional feminina, que se xoga a partido único e onde se enfrontan os 16 mellores clubs de España, integrantes da Primeira División.

Os medios públicos galegos transmitirán, a partir das 20.00 horas, este partido histórico, primeiro en competición oficial que xogue o conxunto branco e azul feminino no estadio de Riazor, despois de acoller varios trofeos Teresa Herrera nesta categoría. O encontro contará cos comentarios de Roberto Prado e Rocío Candal.

Na competición da Copa da Raíña, creada en 1983, o Real Club Deportivo acadou a condición de ‘Campión de España’ en 3 ocasións consecutivas. As coruñesas acoden agora esta cita situadas no quinto posto da táboa fronte ao posto de cola que ocupa o Valencia, nunha décimo cuarta posición, e cun xogo que está a sorprender a toda a afección na súa estrea na máxima categoría.

viernes, 10 de enero de 2020

A película "A Galiña Turuleca" chega a semana que vén, en galego, a sete hospitais de Galicia



- O obxectivo desta acción, promovida pola Fundación Andrea, é achegar unhas horas de maxia e ilusión aos nenos e nenas ingresados en centros das sete cidades galegas

- Dirixida especialmente ao público infantil, esta coprodución internacional coa Arxentina, apoiada pola TVG, retoma o personaxe da famosa canción popularizada por Los Payasos de la Tele

Santiago, 10.01.2019.- Nenos/as ingresados en centros hospitalarios das sete cidades galegas gozarán a partir do vindeiro luns das aventuras de ‘A Galiña Turuleca’, unha das películas apoiadas pola CRTVG en 2018, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. Dirixido especialmente ao público infantil, o filme, unha coprodución internacional coa Arxentina, retoma o personaxe da famosa canción popularizada por Los Payasos de la Tele e acaba de chegar ás pantallas de cine de toda España.

Grazas ao apoio da Xunta de Galicia e Filmax, que secundaron a iniciativa da Fundación Andrea de levar aos hospitais galegos a maxia das aventuras de ‘A Galiña Turuleca’, nas vindeiras semanas todos os nenos e nenas ingresados nestes centros poderán gozar, na súa versión en galego, dunhas horas cheas de maxia, agasallos e ilusión.

Tere Santamaría e Luís Iglesia póñenlle voz á galiña Turuleca e ao malvado Armando Tramas na versión en galego deste filme de animación, unha aventura chea de humor, cunha mensaxe de superación para nenos e pais. ‘A Galiña Turuleca’ conta a historia de como un ser diferente atopa o seu lugar no mundo e, a partir do seu talento persoal e único, consegue vencer os seus medos para comezar unha aventura que lle permite reencontrarse cos seres que ama.

A película tivo a súa preestrea mundial no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián o 21 de setembro. A Premiére solidaria en España realizouse o pasado 19 de decembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, nunha sesión especial ofrecida a máis dun milleiro de cativos e cativas de toda Galicia, previa á súa estrea en cinemas o 1 de xaneiro.

O obxectivo desta acción é poder achegar a maxia do cinema e irromper na rutina dos nenos e nenas hospitalizados cunhas horas de ilusión e entretemento en que, xunto aos seus pais, poidan gozar en familia desta preciosa experiencia. Ao final da proxección faráselles entrega dalgúns obxectos de merchandising realizados expresamente para a ocasión e tamén poderán facerse fotos coas figuras a tamaño real dos personaxes da película.

‘A Galiña Turuleca’ poderá verse o 13 de xaneiro no Hospital Provincial de Pontevedra (16.00 h); o día 14, no Hospital Clínico de Santiago (17.30 h); o 15 de xaneiro, no Arquitecto Marcide de Ferrol (11.30 h); o 16, no Hospital Lucus Augusti de Lugo (16.30 h); o venres 17, no Hospital Universitario de Ourense (11.00 h); o 20 de xaneiro, no Álvaro Cunqueiro de Vigo (18.00 h), e o día 21, no Materno Infantil da Coruña (12.00 h).