Mostrando entradas con la etiqueta aradioconta. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta aradioconta. Mostrar todas las entradas

viernes, 27 de diciembre de 2024

Volve A Radio Conta cunha homenaxe solidaria ao Centenario da radio

O programa A Radio Conta converte o Salón de Actos da ONCE nunha redacción conxunta este domingo

O programa das emisoras da Coruña conmemora o centenario da Radio o 29 de decembro a beneficio do Banco de Alimentos Rías Altas

Volve A Radio Conta. O programa conxunto e anual das emisoras da Coruña chega este 2024 á súa duodécima edición e faino cunha especial ollada ao centenario da radio en España.

A solidariedade e a homenaxe á radio local son os sinais de identidade deste programa, que se emitirá desde o Salón de Actos da ONCE da Coruña o domingo, 29 de decembro de 16h a 19h. A entrada é libre e recolleranse donativos voluntarios a beneficio do Banco de Alimentos Rías Altas. A emisión tamén se poderá escoitar pola frecuencia das emisoras implicadas.

Un ano máis, Moncho Viña será o encargado de conducir un equipo conformado por profesionais das emisoras das oito radios públicas e privadas da Coruña: Radio Galega -que achega a cobertura técnica-, RNE, SER, Onda Cero, RadioVoz, COPE, Radio Marca e InterCoruña.

UNHA REDACCIÓN DESDE DENTRO

Este 2024, A Radio Conta transformará o escenario da ONCE na redacción dunha radio, grazas ao guionista Óscar Cruz. Con ese fío condutor, convidamos ás persoas asistentes a que vivan unha xornada dentro da propia emisora.

O programa xirará en torno a todos os aspectos derivados deste medio de comunicación. Así, acompañarannos grandes figuras da radio local e autonómica como Antón Luaces, Cándido Barral e María Jesús Durán.

Actualizaremos clásicos como o Consultorio de Elena Francis coa sexóloga Martina González Veiga e rememoraremos a etapa tan creativa das radionovelas. Grazas a Óscar Cruz, actualizaremos o guión de La Saga de los Porretas e Matilde, Perico e Periquín, con actores e actrices especiais: Lucía Veiga, Marita Martínez, David Perdomo e Miguel Mandayo. Amais, oiremos dúas das partes imprescindibles da radio, como son os técnicos de son e, como non, unha representación dos oíntes máis fieis para quen a FM marca o ritmo da vida.

O programa estará cheo de sorpresas, humor e conversas inusuais. Ao longo das tres horas de emisión pasarán polo salón de actos da ONCE o escritor Manuel Rivas e deportistas de elite como os medallistas Enmanuel Reyes, Carlos Arévalo e Damián Ramos, xunto co novo presidente do Comité Paralímpico español, o ferrolán Alberto Durán. A música correrá a cargo de Lucía Aldao, Daniel Ayguavives e Xurxo Souto, que fará un percorrido por algunhas das cancións que se fixeron máis populares grazas á radio.

ALTOFALANTES DA SOLIDARIEDADE

A Radio Conta dará visibilidade nesta duodécima edición ao Banco de Alimentos Rías Altas. A entidade, fundada no 2010 por un grupo de profesionais xubilados, recolle alimentos e fainos chegar a persoas desfavorecidas da provincia da Coruña. A súa actividade permite o substento de máis de 20.000 persoas, a través de máis de 120 asociacións.

A entrada ao programa é libre e non é necesaria invitación. 

Haberá un posto de venda de material para axudar ao Banco de Alimentos e un punto de recollida de víveres para quen queira colaborar.

lunes, 18 de diciembre de 2023

A Radio Conta dedica a súa 11a edición á loita contra os TCA


O programa conxunto e solidario das emisoras da Coruña emítese o sábado, 30 de decembro desde o Teatro Colón

A Radio Conta volve polo Nadal. A undécima edición desta iniciativa das radios da Coruña estará dedicada a ABAC, a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña e a visibilizar a loita contra os Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA).

O programa especial, aberto ao público, emitirase desde o Teatro Colón da Coruña o sábado, 30 de decembro de 17h a 20h, con entrada libre. A emisión poderase escoitar pola frecuencia das emisoras implicadas.

UN PROGRAMA DIFERENTE...

Un ano máis, Moncho Viña será o encargado de conducir un equipo conformado por profesionais das emisoras das radios públicas e privadas da Coruña: Radio Galega -que achega a cobertura técnica-, RNE, SER, Onda Cero, RadioVoz, COPE, Radio Marca e InterCoruña. Preto dunha trintena de persoas conforman a redacción única e coral dunha iniciativa que ten como obxectivos a solidariedade e a homenaxe á radio local.

Nesta undécima edición, estarán no Teatro Colón o humorista David Perdomo, a artista Cristina Pato, o actor Juanillo Esteban ou os presentadores Rodrigo Vázquez e Paco Lodeiro. Pasarán polo escenario o reitor da Universidade da Coruña Ricardo Cao e os representantes dos grupos políticos na cidade herculina, nun programa cheo de sorpresas, dinamismo e conversas inusuais.

Ao longo das tres horas de programa, actuarán The Rapants, o Grupo Fua, Lúa Mosquetera e Namy and The Band. Un ano máis, non faltará o radioteatro con guión de Óscar Cruz, sen esquecer unha homenaxe ás figuras da radio e da vida pública galega que nos deixaron, como Pepe Domingo Castaño ou Arsenio Iglesias.

...E SOLIDARIO 

A emisión dará visibilidade nesta undécima edición a ABAC, a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña. A entidade leva 27 anos como referencia no tratamento integral dos Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA). No 2023 atenderon no seu centro terapéutico máis de 200 pacientes con idades comprendidas entre 12 e 64 anos, cunha demanda que se incrementou nun 75% respecto a antes da pandemia. Ademais de coñecer o labor de ABAC, o programa dará voz a profesionais, familias e persoas afectadas por algún destes trastornos.

A entrada ao programa é libre e non é necesaria invitación. Haberá un posto de venda de material para axudar a ABAC e deixar donativos. Quen queira colaborar coa asociación pode tamén facelo a través do Bizum no número 01903.

miércoles, 30 de noviembre de 2022

A Radio Conta, 10 anos de solidariedade


O programa que une as radios coruñesas dedica a ADACECO a súa décima edición cun programa aberto ao público tras dous anos de pandemia

A Radio Conta cumpre 10 anos. A iniciativa que une oito radios públicas e privadas da Coruña chega á súa décima edición este 2022, e faino cun programa solidario dedicado a ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña.

Tras dous anos marcados polas restricións da pandemia, o programa recupera o formato presencial e estará aberto ao público. Deste xeito, a gravación terá lugar o mércores, 14 de decembro no Teatro Rosalía da Coruña, de 17h a 20h, con entrada libre. Posteriormente, as tres horas de radio emitiranse o sábado, 24 de decembro desde as 17h na frecuencia das emisoras implicadas.

A Radio Conta celebrará cun programa máis especial ca nunca os dez anos dunha acción coral que ten dous obxectivos, a solidariedade e a homenaxe á radio más próxima. Moncho Viña será o encargado de conducir unha redacción única que conforman arredor dunha trintena de profesionais de Radio Galega -que achega a cobertura técnica-, Radio Nacional de España, RadioVoz, Radio Intercoruña, Radio Coruña-Cadena Ser, Onda Cero, Radio Marca e COPE.

Nesta décima edición, pasarán polo Rosalía os cineastas Jorge e Pepe Coira xunto coa actriz Mabel Rivera. A música será tamén a protagonista coas actuacións de Merchy Treviño, Ortiga e Sés, ademais da presenza do barítono Borja Quiza e do multiintrumenstista Abraham Cupeiro.

Os xornalistas Luís Pousa e José Manuel Gutiérrez, o humor de Xosé Antonio Touriñán e o radioteatro a cargo do guionista Óscar Cruz completan o menú dun programa divertido, dinámico e inusual. Ao longo das tres horas de radio repasará os mellores momentos destes dez anos e mirará cara a outra efeméride: o 50 aniversario do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Neste 2022, A Radio Conta dará visibilidade a ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña. A entidade, con 22 anos de existencia, é a referencia na comarca da Coruña en atención ao dano cerebral adquirido (DCA). Actualmente, dá servizo a máis de 150 persoas e as súas familias grazas a profesionais con formación nas últimas tendencias en tratamentos.

Será a décima asociación coa que colabora A Radio Conta. A iniciativa solidaria naceu no 2013 cun primeiro programa especial dedicado á ONG Renacer. Desde entón, a radio da Coruña foi fiel á súa cita anual e axudou, nas sucesivas edicións, a Antonio Noche, Ecos do Sur, Agalure, Aspace, Asperga, Asanog, a loita contra a pandemia da COVID e Apem.

A entrada ao programa é libre e non é necesaria invitación. Haberá un posto de venda de material para axudar a ADACECO e deixar donativos. A iniciativa está aberta xa a colaboracións de particulares e empresas a través dunha fila cero:

ES45 2080 0000 7855 0046 4732 (ABANCA)

martes, 14 de diciembre de 2021

As radios da Coruña, unidas por APEM, Novena edición do programa A Radio Conta o 26 de decembro de 17h a 20h



Oito emisoras da Coruña volven unir as súas voces no programa solidario 'A Radio Conta'. Esta iniciativa chega á súa novena edición o domingo, 26 de decembro de 2021 de 17h a 20h. Desta volta, dedicada a APEM, a Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña.

Regresa un ano máis un programa coral que ten dous obxectivos: “a solidariedade e a homenaxe á radio más próxima”, tal e como manifestou na rolda de prensa de presentación o xornalista Moncho Viña. Será o encargado de conducir unha redacción única que conforman profesionais de Radio Nacional de España, Radio Coruña-Cadena Ser, Onda Cero, RadioVoz, Radio Marca, COPE, Intercoruña e Radio Galega, que achega a cobertura técnica.

De novo, están convidadas unha chea de persoas de todo tipo de eidos da sociedade galega. Xosé Antonio Touriñán e David Perdomo serán uns máis do equipo da Radio Conta. A novena edición contará coa música en directo do Coro Xove da Orquesta Sinfónica de Galicia, Radio Océano, Lucía Pérez e Vizcaíno e unha competición de Cantares de Bar entre a Coruña e A Veiga-Vegadeo.

Contaremos con Paco Lodeiro, Suso Martínez e Diana Sieira, e cun medallista olímpico: o boxeador Enmanuel Reyes. Tamén pasarán polo escenario dous supercampións octoxenarios: un do atletismo, Pepín Rioseco, e outro da moda, Andrés García-Carro.

Alén diso, volve unha sección xa clásica nestas últimas edicións: o radioteatro, con tres pezas escritas especialmente para o programa polo guionista Óscar Cruz. A Radio Conta tamén renderá homenaxe á actriz María Casares e ao cineasta José Sellier, a piques de cumprirse os centenarios do seu nacemento e a súa morte, respectivamente.

Esta novena edición dará visibilidade tanto á directiva como a persoas usuarias de APEM. A entidade ofrece rehabilitación psicosocial e laboral a persoas con enfermidades mentais, uns apoios cos que poden levar unha vida independente, normalizada e integrada na sociedade.

O programa A Radio Conta realizarase no teatro Rosalía Castro da Coruña e poderase escoitar nas ondas das radios participantes. Amais, retransmitirase por streaming, grazas á colaboración do Concello da Coruña. A emisión comezará o domingo 26 ás 17h, o que permitirá achegar esta novena edición ao público malia as limitacións ás que obriga a pandemia da covid-19





 

sábado, 19 de diciembre de 2020

As radios da Coruña únense pola pandemia, oitava edición do programa A Radio Conta o 26 de decembro de 17h a 20h


Oito emisoras da Coruña volven unir as súas voces no programa solidario 'A Radio Conta'. Esta iniciativa chega á súa oitava edición o sábado, 26 de decembro de 2020 de 17h a 20h. Será unha retransmisión especial, dedicada ás persoas e entidades que deixaron a pel polos demais debido á pandemia do coronavirus.

O xornalista Moncho Viña conducirá unha vez máis esta homenaxe á radio más próxima, única en Europa. A elaboración corre pola conta dunha redacción que conforman profesionais de Radio Galega, Radio Nacional de España, Radio Coruña-Cadena Ser, RadioVoz, Radio Marca, Onda Cero, COPE e Intercoruña.

Unha chea de convidados aparecerán nestas tres horas de radio coa ollada posta nas persoas que o deron todo na crise sanitaria. Nesta edición especial, poderanse oír voces desde a Garda Civil, a investigación sanitaria, as entidades sociais, as residencias de maiores, o empresariado, o deporte e mesmo a propia radio. Cada unha, co seu compromiso e a súa experiencia marcada polo coronavirus, que tamén deixa historias cotiás entrañables dignas de contar.

De novo, non faltará o humor. David Perdomo, Xosé Antonio Touriñán, Fede Pérez, Marcos Pereiro, Pedro Brandariz e Oswaldo Digón estarán nesta oitava A Radio Conta e lembrarán os momentos nos que animaron o confinamento de moitas persoas. Contaremos coa gaiteira Susana Seivane e co actor Tamar Novas, e estará tamén unha habitual dos concursos televisivos, Victoria Folgueira.

O radioteatro terá un especial protagonismo nesta edición da Radio Conta. O guionista Óscar Cruz escribiu e dirixiu tres pezas dedicadas a falar, de xeito nada habitual, da pandemia da gripe española ou da Real Expedición Filantrópica da Vacina. Contará coas voces de Paco Lodeiro, Carlos Jiménez, Suso Martínez e os xornalistas das diferentes radios. Darán primicias inéditas e ofrecerán entrevistas exclusivas relacionadas co eido sanitario.

Esta oitava edición de ‘A Radio Conta’ poderá seguirse exclusivamente polas ondas das radios participantes, debido ás restricións sanitarias obrigadas pola COVID-19. Nas redes sociais poderanse ver imaxes e sons dos convidados e dos profesionais participantes, a tempo real, co cancelo #aradioconta2020.

miércoles, 18 de diciembre de 2019

A sétima edición da Radio Conta axudará a Asanog


As radios da Coruña únense nun programa conxunto o sábado 28 ás 17h no Teatro Rosalía Castro.

A Radio Conta chega á súa sétima edición. Uns 40 profesionais de todas as emisoras da Coruña (Radio Galega, Radio Marca, Onda Cero, Radio Nacional de España, InterCoruña, Radio Coruña-Cadena Ser, COPE e RadioVoz) deseña, produce, elabora e emite conxuntamente un programa de radio que se realizará o día 28 deste mes desde o teatro Rosalía Castro da cidade herculina. Será de 17 a 20h, con entrada libre. 

O programa que une ás radios da Coruña repítese, segundo o seu presentador, o xornalista Moncho Viña, co desexo de “superar” a “calidade radiofónica das seis edicións anteriores” e co mesmo dobre obxectivo: “a solidariedade e a homenaxe á radio local”. Así, xorde un proxecto único na historia de España “e paramos de investigar, pero cremos que tampouco se fixo en Europa”, declarou Viña na presentación, á que tamén asistiu a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.  

Este ano A Radio Conta colabora con Asanog, que traballa con nenos oncolóxicos, que sofren cancro, e que ofrece todo tipo de apoio ás súas familias. A entidade, segundo explicou a súa vogal, Lorena Collazo, busca fondos para poder abrir na Coruña un piso de acollida para que os familiares destes cativos poidan residir mentres permanezan hospitalizados. 

Para o día 28 prepárase un programa radiofónico de calidade e moi elaborado “pensado e repensado durante meses, moi solidario pero moi, moi divertido”, segundo definiu Moncho Viña. "Vai ser unha festa e ímolo pasar que ides flipar" dixo esta mañá Xosé Touriñán. O humorista e actor é un dos convidados do programa, que cualificou como "un exemplo" pola unión das radios participantes.  

Xunto a Touriñán, neste sétimo A Radio Conta estarán os humoristas Xosé Touriñán e Moncho Borrajo, os actores Luís Iglesia e Marita Martínez ou o deseñador Antón Lezcano. A música porana Pablo Díaz, Brais Morán e As Tanxugueiras. Poderemos oír as regueifas de Lupe Blanco e a voz do actor de dobraxe Javier López. Estarán as deportistas olímpicas Sofía Toro e Julia Benedetti. Nas redes, contaremos con tuiteiros como Carolina Regueira, Uxío, Javier Varela, Sindo Novoa e Silcerino. E especial mención merece oguionista Óscar Cruz, grazas ao que a rexedora e os grupos municipais da Coruña van ter “algún tipo de papel” no programa, que estará cheo de sorpresas.  

A Radio Conta poderase seguir no teatro, pola frecuencia das radios participantes e, por vez primeira, por ‘streaming’ na web do Concello da Coruña. no propio teatro. A entrada ao recinto é libre, con donativo voluntario. 

A iniciativa está aberta a colaboracións a través da fila cero e o número de conta:  ES61 2100 1453 2102 0025 9900 (La Caixa)