Mostrando entradas con la etiqueta Tanxugueiras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tanxugueiras. Mostrar todas las entradas

lunes, 18 de diciembre de 2023

Tanxugueiras fan historia ateigando o Coliseum da Coruña no seu concerto fin de xira

Foto © Javier Bragado

Tanxugueiras pecharon a noite do sábado a súa Xira Midas da mellor maneira posible: Case 9000 persoas foron testemuñas da fazaña das tres galegas, que colgaron o cartel de sold out no Coliseum da Coruña e convertéronse así nas primeiras artistas galegas en encher a sala de concertos máis grande do noroeste peninsular.

Durante case dúas horas de set, Olaia, Sabela e Aida repasaron os seus temas máis coñecidos, en ocasións axudadas pola súa banda (Iago Pico e Isaac Palacín), os seus bailaríns (Artur Puga e Fran Sieira), as súas inseparables pandeiretas, e tamén, contando con colaboradores de luxo. Non quixeron perderse esta festa os seus amigos e compañeiros de profesión Rozalén, Guadi Galego, Rayden, Mondra, Muerdo, Fillas de Cassandra e Valeria Castro, coa que ademais estrearon unha canción inédita anunciando que estará dispoñible o próximo día 29 de decembro.
 

Foto © Javier Bragado

Vestidas para a ocasión por Manuel Escurís, o deseñador galego detrás do vestiario de toda a xira, as tres artistas non pararon de interactuar con todos os asistentes, reivindicando como xa é costume que a cultura popular pode ir da man da modernidade, a liberdade e despachando con este “Derradeiro Diluvio” un concerto xa histórico para a música en galego.

Tras este peche de luxo a dous intensos anos de xira, o traballo non para e, aínda que este concerto marca o fin da etapa de “Diluvio”, xa se están a confirmar as primeiras datas de presentacións en directo para 2024.

Foto © Javier Bragado


viernes, 1 de diciembre de 2023

SOLD OUT para "o derradeiro diluvio", o concerto fin de xira de Tanxugueiras


¡Esgotáronse! A dúas semanas aínda para a celebración dunha das datas máis importantes na carreira de Tanxugueiras ata o momento, as artistas conseguiron despachar todas as entradas para asistir ao seu show fin de xira o próximo 16 de decembro no Coliseum da Coruña.

8.500 asistentes celebrarán e corearán xunto ao trío galego os seus grandes éxitos nesta última parada da súa extensa xira, bautizada co nome de O DERRADEIRO DILUVIO, e serán partícipes dun fito histórico, ao converterse Olaia, Sabela e Aida nas primeiras artistas en galego que consigan encher o maior recinto pechado de concertos do noroeste da Península Ibérica.

Este show tan único e especial, para o que a banda e o seu equipo de PlayPlan levan ensaiando dende fai semanas, tal e como foron mostrando nas súas redes sociais, deparará moitas sorpresas e ao escenario subirán un bo feixe de convidados de luxo. Xa confirmaron a súa asistencia Rayden (a quen, á súa vez, elas acompañarán hoxe mesmo na súa despedida no Wizink madrileño), Rozalén, a nominada aos Latin Grammy e aos Premios Goya Valeria Castro, Guadi Galego ou Muerdo. Ademais, o repertorio do concerto incluirá novos temas que se incorporarán ao setlist da nova xira para o 2024.

No que respecta á estrea de nova música, a recta final do 2023 tamén foi moi prolífica para as galegas, que estrearon novos temas con Juancho Marqués ("As que tiñan que estar"), Ruth Lorenzo ("Reina"), e a máis recente, "SANGUE", xunto a Hard GZ.

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis achegados ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden), ‘Pano corado’ ou ‘Terra’, tema co que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest. Todos estes singles forman parte do seu último disco, "Diluvio", publicado en xullo de 2022 e que continúan presentando este 2023 nun potentísimo show, a Xira Midas, da man da súa oficina PlayPlan e estreando nova música editada por Calaverita Records. 

Tanxugueiras foron recentemente galardoadas co premio Artista Revelación Alternativo 2023 outorgado polos Premios Odeón. Organizados por AGEDI, (Entidade de Dereitos de Propiedade Intelectual que agrupa aos produtores fonográficos do país), estes galardóns premian aos traballos discográficos de artistas españois de 2022 máis exitosos en termos de vendas. Un recoñecemento máis que non fai senón reflexar o excelente momento de forma que atravesa a banda. Tamén obtiveron dous premios nos últimos Premios MIN correspondentes ás categorías "Mellor álbum en galego" e "Mellor álbum de música de raíz" por "Diluvio". Ademais, o mes pasado alzáronse tamén co Premio da Crítica de Galicia na categoría Música. Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile.

Son todos os mundos nun. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.

viernes, 29 de julio de 2022

Tanxugueiras racha co establecido e lanza DILUVIO, o seu novo disco: “Agora todo cobra sentido”

 

As pandeireteiras publican este venres 29 o seu terceiro álbum, un traballo conceptual no que descobren o significado agochado nos seus últimos sinxelos: cuestionan crenzas, pecados ou presuntas culpas instaladas na sociedade para transformalas “en aprendizaxes vitais” 

O álbum físico públicase nunha edición deluxe, cun libreto ilustrado de 24 páxinas no que Tanxugueiras expón a viaxe de autocoñecemento percorrida nestes meses 



29 de xullo de 2022.- Chega o 29 de xullo e, con el, o DILUVIO. Tanxugueiras publica este venres o seu terceiro traballo discográfico, un álbum conceptual editado por Calaverita Records e que propón rachar con todo o establecido “para sandar, para volver a aprender”. O disco, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e La Casa del Disco, conta na súa versión física cunha edición deluxe , cun libreto ilustrado de 24 páxinas no que o grupo explica, motu proprio, o significado deste diluvio. “Neste álbum que hoxe ve a luz está a resposta ao camiño percorrido nos últimos meses. De principio a fin, desde a ‘Treboada’ até o ‘Acougo’. Coa súa publicación pechamos unha etapa, unha viaxe de cuestionamento e autocoñecemento. Mergullarse no DILUVIO é abrir e pechar un círculo e hoxe, por fin, todo cobra o sentido”, sinalan Olaia ManeiroAida Tarrío e Sabela Maneiro. 

  
‘DILUVIO’ é unha viaxe de indagación e autocoñecemento que o trío percorre a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, recordar ou apoderar. Un tránsito que transcorre, en paralelo, ás vivencias de OlaiaAida e Sabela desde o inverno de 2020. Porque no disco, nado durante a pandemia, as cantareiras poñen en dúbida e enfrontan numerosas presuntas culpas ou ‘pecados capitais’ instalados na sociedade. E aos sete ‘orixinais’ (avaricia, enveza, ira, luxuria, preguiza, gula, soberbia), elas suman outros tres: patriarcado, hostilidade e homoxeneidade. Crenzas que viviron, sentiron, observaron ou compartiron e que, após a tormenta, deciden dar a volta e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida: un diluvio de autoaceptación, de diversidade, de amor libre, de apoderamento. ‘O diluvio arrasa e racha con todo o establecido, con iso que damos por sentado para sandar, para renacer, para que volvamos aprender, mais desde unha óptica aberta, feminina, xenerosa, consciente. Mergullarse no DILUVIO é percorrer a propia vida”, apuntan. 

  



Música tradicional e ritmos urbanos 

 

‘DILUVIO’, o álbum de Tanxugueiras que se pode adquirir desde hoxe en plataformas dixitais e tendas físicas, é un traballo musicalmente diverso: unha experiencia catártica na que a voz e a cultura tradicional son o fío condutor dunha viaxe evocadora que avanza a ritmo de muiñeira (‘Terra’), xota (‘Midas’), ou rumba (‘Figa), mesturadas con sonoridades máis urbanas e contemporáneas, próximas a unha xeración nova, coma elas, ávida por descubrir, explorar e reformular. “Somos cantareiras. O noso instrumento principal é a voz, mais tamén nos acompañamos de elementos tradicionais, como as pandeiretas ou as latas de pimentón, e de instrumentos máis modernos, como os sintetizadores ou a percusión electrónica”, explica o grupo. Neste sentido, ‘DILUVIO’ confirma a aposta das creadoras, que asinan todos os temas do disco, pola reinterpretación da tradición galega a través da fusión con ritmos urbanos, próximos ao traphip hop ou electrónica, para achegar a música de raíz a un público máis novo.  
 

AidaOlaia e Sabela son, en ‘DILUVIO’, intérpretes e compositoras. “Aínda que neste traballo haxa moita creación propia, bebemos da tradición”, lembran. Son tamén produtoras do álbum xunto con Iago Pico (Pouland Studios), con quen traballan desde 2021 neste proxecto. “Da voz parten todos os temas e con Iago, máis que andar na procura de harmonías, pensamos en atmósferas, en texturas, en evocar situacións. Fluimos, buscamos que a sonoridade e a musicalidade sexan afíns o que queremos expresar”, sinala o trio. Así, tanto no disco coma no directo da Xira Midas de presentación do álbum, a voz segue a ser a protagonista absoluta. O disco vai alén dunha mera declaración de intencións e manifesta unha sonoridade única, vibrante e contundente que define o propio grupo: Tanxugueiras sostén unha mensaxe que nace dun trebón de emocións, vivencias e crenzas, e reivindica as raíces máis profundas da tradición. “Os temas cunha mensaxe máis enérxica son, precisamente, aqueles que parten da muiñeira, o noso ritmo máis universal, como poden ser ‘Terra’ ou ‘Seghadoras’”, salientan.  

  
Unha viaxe de aprendizaxes capitais 

 
“Agora todo cobra sentido”, sinala Tanxugueiras. Tras máis dun ano de lanzamentos cunha clara intencionalidade agochada para as e os ouvinteso público por fin pode coñecer o verdadeiro significado de cada un dos sinxelos, os pecados e as aprendizaxes que se agochan tras eles. E esa é a clave de ‘DILUVIO’: unha viaxe, un percorrido desde a tormenta até a quietude. No medio delas, un torrente de culpas e ensinanzas vitais. 

  
No seu terceiro disco, Tanxugueiras convida ao público a fluír por unha corrente sonora que nace coa ‘Treboada’, o tema instrumental que abre o álbum. Unha choiva intensa que dá paso á primeira aprendizaxe capital: fronte a soberbia e o artificial, o trío chama á naturalidade. Diso fala ‘Arica’, o segundo tema. Do natural tamén nace a capacidade de coñecerse a unha mesma, de aceptar o que somos. E ese é o concepto de ‘Desidia’, que reivindica o dereito á pausa e a necesidade do autocoidado. 

  
A terceira aprendizaxe que proclama Tanxugueiras no seguinte corte é a xenerosidade: ‘Midas’, o primeiro sinxelo que o grupo lanzou de ‘DILUVIO’ en febreiro de 2021, fala precisamente da avaricia. “E ti tes e tes, non o queres dar, pensas que o tes todo pero non tes nada”, di o coñecido retrouso do tema, que marcou o punto de inflexión na carrera do trío. Tras el, chega ‘Pano Corado’, no que o grupo canta ao amor libre e diverso. 

  
‘DILUVIO’ flúe e leva ao público ata ‘Sorora’, un himno adicado ao matriarcado, a todas as cantareiras e pandeireteiras, fronte ao pecado colectivo que, segundo o trío, leva demasiado tempo instalado na sociedade: o patriarcado. E de seguido, fronte á hostilidade, o disco lévanos a ‘Seghadoras’, un potente canto ao apoderamento, para crer e loitar polo propio. Desta visión chega a aceptación que avanza contra a ira: ese ´e o ‘Averno’ que interpretan co rapeiro Rayden 
  
O disco complétase cunha tríade de grandes temas: ‘Figa’, un chamado contra a envexa e a favor da autoaceptación; ‘Fame de Odio’, que aposta pola diversidade e a beleza de todos os corpos, e ‘Terra’, a canción coa que as pandeiretiras queren amosar que vivimos nun mundo heteroxéneo, repleto de particularidades e de esencias, no que “non hai fronteiras”. Finalmente, Tanxugueiras pecha o álbum coa chegada do ‘Acougo’, o segundo e último tema instrumental do disco: a calma, a reflexión. É, como elas mesmas expoñen, “a fin do diluvio, da vida alterada. É o círculo que se pecha, o percorrido da vida”. 

martes, 4 de enero de 2022

Tanxugueiras regresa o 26 de marzo aos escenarios coa presentación da Xira Midas, que incorpora temas como Terra ou Figa


O concerto terá lugar o sábado 26 de marzo, a partir das 21.00 horas, na Coruña, na Sala Pelícano, e as entradas sairán á venda este mércores 5 de xaneiro no sitio web oficial do grupo, www.tanxugueiras.gal, e na plataforma Enterticket

4 de xaneiro de 2022.- Arranca a Xira Midas. O vindeiro 26 de marzo, Tanxugueiras presentará na Coruña o seu novo directo, unha proposta vibrante na que o trío de pandeireteiras presenta a nova sonoridade do grupo e que incorpora a interpretación, ao vivo, dos novos sinxelos do grupo, como Terra, Figa, Telo ou Midas.

A presentación da Xira Midas terá lugar o sábado 26 de marzo na Sala Pelícano da Coruña. A cita comezará ás 22.00 horas, mais a apertura de portas será unha hora antes. As entradas para o concerto de presentación sairán á venda este mércores 5 de xaneiro, a partir das 12.00 horas, na plataforma Enterticket, á que se poderá acceder desde o sitio web oficial do grupo, www.tanxugueiras.gal. Os billetes estarán á disposición do público desde 15 euros (máis gastos de xestión) e as persoas menores de 16 anos que desexen acudir ao concerto deberán facelo acompañadas da nai, pai ou titora legal.

O concerto da Coruña supón a presentación ao vivo da Xira Midas e, polo tanto, do vindeiro traballo de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, un álbum que se publicará este 2022 e no que o grupo segue a reformular a música tradicional desde unha óptica contemporánea, que está a sorprender en todo o territorio estatal grazas ao seu último tema, Terra, co cal as cantareiras participarán no Benidorm Fest neste mes de xaneiro. A iniciativa gañadora deste certame, promovido por RTVE, participará en Eurovisión o próximo mes de maio.

Cifras históricas para a música en galego

No seu primeiro día de publicación, o 21 de decembro, Terra superou as 500.000 reproducións no conxunto de plataformas. Á semana, o tema sumaba máis dun millón de visualizacións en Youtube -ocupando os sete días os primeiros postos na lista de tendencias musicais- e máis de 500.000 en Spotify. O mesmo día, o 28 de decembro, outro dos últimos sinxelos das cantareiras, Figa, tamén acadaba o millón de visualizacións en Youtube.

viernes, 26 de noviembre de 2021

Tanxugueiras despídese esta fin de semana dos escenarios até o 2022 co peche da Xira Contrapunto na Coruña e Pontevedra


As entradas para os dous directos están esgotadas e no concerto do domingo 28, no marco da feira Culturgal, as cantareiras estarán acompañadas por Xabier Díaz, Sabela, Uxía Senlle, Lilaina ou Edelmiro Fernández

A Xira Contrapunto comezou o 29 de novembro de 2019 en Mos e desde entón o trío ofreceu case un cento de concertos en diferentes puntos da península

26 de novembro de 2021.- A Xira Contapunto bota o pano esta fin de semana. Primeiro na Coruña, e despois en Pontevedra, Tanxugueiras despedirase da serie de concertos de presentación de Contrapuntoo seu segundo álbum, dous anos depois do inicio da mesma. Serán os dous últimos directos que as cantareiras ofrezan até o ano que vén e, coma vén sendo habitual desde o pasado mes de setembro, todas as localidades están esgotadas.

A primeira cita terá lugar mañá sábado, 27 de novembro, na Coruña. O centro Ágora acollerá, contra ás 20.00 horas, unha actuación das pandeireteiras no marco do Festival de Artes pola Inclusión Social Festigual. Á xornada, seguinte, o domingo 28 de novembro (un día antes de que se cumpran os dous anos do primeiro concerto de presentación de Contrapunto),  temas como O querer, Irmandade, Albedrío ou Malquerenza soarán no auditorio de Pontevedra, mais desta vez as cantareiras estarán acompañadas, sobre o escenario, por grandes voces e instrumentistas da escena galega. Figuras como Xabier Díaz, Sabela, Uxía Senlle, Lilaina ou Edelmiro Fernández participarán nun directo moi especial, no que tamén soarán algúns dos novo temas das cantareiras, como Midas ou Figa; e co que se despedirán dos escenarios até 2022. A cita, recollida na programación da Culturgal, comezará ás 18.00 horas.


Contrapunto (2019)


Contrapunto naceu como convicción: as pandeireteiras querían explorar os límites da música tradicional. Presentouse como un segundo disco maduro, cheo de matices e renovador, no que Tanxugueiras fiou cinco relatos, cada un coa súa cara e coa súa cruz, nos que cantaron sobre o empoderamento da muller, a amizade, a deslealdade, a liberdade ou a traizón. Singles como Desposorio ou Perfidia, cuxo videoclip foi finalista dos Premios Mestre Mateo, deron boa conta da proposta do álbum, que situou ao trío no epicentro da renovación da escena trad.  

Desde a publicación de Contrapunto en novembro de 2019, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro visitaron ducias de escenarios, sumando máis de noventa actuacions. Xa desde o inicio da xira, cunha actuación por provincia e fóra dos circuitos habituais, Tanxugueiras amosou as súas cartas: o grupo tiña unha proposta diferente e harmónica, que partía da intimidade do escenario para acadar a máxima potencia cunha grande execución vocal. Logo de visitar Mos, Burela e Celanova, en febreiro de 2020 chegaron a Santiago de Compostela, localidade na que esgotaron todas as entradas da Sala Capitol; un ritmo que mantiveron ao encher os auditorios en Oleiros, As Pontes e Cangas.

A chegada da pandemia freou en marzo de 2020 a xira de presentación do disco, que retomaron no mes de xullo no TradFest compostelán, e da que deron boa conta neste 2021 por numerosas localidades de toda a península e en citas de referencia como La Mar de Músicas (Cartaxena), EXIB (Setúbal) ou Goikoorts (Bélxica), e que compaxinaron coa presentación do seu novo espectáculo en citas como Womex (Porto), Fira Mediterrànea (Manresa) ou Trovam (Castellón). Nos últimos meses as pandeireteiras tamén sumaron colaboracións con primeiras espadas da escena musical estatal, como Kiko Veneno (Festival Terraceo), Rayden (Marín é música e Concerto especial 20º aniversario no Wizink Center) ou La Pegatina (SonRías Baixas), entre outras. Este 2021 tamén tiveron ocasión de colaborar e gravar temas cos galegos Carlos Núñez, Iván Ferreiro ou Dakidarría; coa banda catalana Roba Estesa, os valenciáns Niuss ou o vasco Xabi Aburruzaga, entre outros. 

jueves, 21 de octubre de 2021

A final do Premio Narf celébrase o 21 de novembro na Coruña coas bandas Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho


 

A final terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 21 de novembro ás 19.30h, que será retransmitida en directo a través do canal de Youtube da Deputación da Coruña

Os grupos elixidos son boa mostra da calidade e diversidade que poboa hoxe en día a música galega, desde electrónica ata música tradicional

Actuará como banda convidada Grande Amore nunha gala conducida pola xornalista Neves Rodríguez

Dentro das actividades paralelas do Premio, o 20 de novembro terá lugar unha Xornada Formativa para músicos

A Coruña, 21 de outubro de 2021. A final do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar dentro dun mes, o domingo 21 de novembro no Teatro Colón da Coruña ás 19.30 horas nun espectáculo aberto ao público que tamén será retransmitido en directo a través do canal de Youtube da Deputación da Coruña. Nel participarán as cinco bandas finalistas: Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho, ademais de GrandeAmore, o grupo convidado, nun acto que estará conducido pola xornalista Neves Rodríguez.

O Concurso Fran Pérez “Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

O xurado que elixiu os finalistas e escollerá os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais da cantora Uxía, os xornalistas Carlos Crespo, María Yáñez e Teresa Cuíñas, e o crítico musical Pepe Cunha. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 21 de novembro e que seemitirá tamén a través de ‘streaming’.


Xornada formativa

Dentro das actividades paralelas do Premio, o 20 de novembro terá lugar na sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña unha Xornada Formativa para grupos e artistas musicais que incluirá as seguintes conferencias:

- Marisa Moya: "Claves para conseguir unha carreira artística de longo percorrido”. Directora de Emerge Producciones, é manager de León Benavente, Sidonie e Marwan, entre outros.

- Lucía Martínez: ”A comunicación: Conceptos e ferramentas básicas (I): identidade dixital e redes sociais”. Responsable de redes sociais en The Office Comunicación, axencia especializada en comunicación cultural.

- Lucía Pita: ”A comunicación. Conceptos e ferramentas básicas (II): a relación cos medios de comunicación”. Prensa de The Office Comunicación: Festival Noroeste, Festival Sinsal ou SonRías Baixas; e bandas como Tanxugueiras, Sés ou Luar Na Lubre.

- Xabier Alonso: "Coida os teus dereitos de autor no mundo dixital”. Avogado especializado en propiedade intelectual e dereito da cultura e o espectáculo.


As bandas finalistas

PEÑA veñen de publicar o seu primeiro longa duración titulado ‘Carreiro’, logo do EP ‘Fórmula’. A banda formada por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate) foi quen de fiar un corpo de cancións exquisito, que casa sinxeleza con idiosincrasia e valentía formal.

TANDUB é a fusión da música tradicional Gnawa (norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, o drum&bass e a electrónica, cun potente directo. Acadan un son vibrante, intenso e sólido empregando instrumentos clásicos nas bandas de fusión (guitarra, baixo ou percusión) coas novas tecnoloxías (electrónica), co hajhouh e as karkabas (instrumento tradicional marroquino). Os seus compoñentes proceden de bandas como Lamatumbá, Dar Gnawa, Tabú ou Kondiós.

SLEEPY SPICE é unha artista de música urbana en galego e castelán que compón, grava e mestura os seus temas nun móbil. O que comezou como un proxecto de autoaprendizaxe de produción musical e beatmaking foise convertendo pouco a pouco nun proxecto musical e artístico sólido, con varios singles publicados, como “Yo me dejo” (2020) e “Outro lado” (2020).

ELBA comeza na música xa na infancia, formando parte do coro infantil do Orfeón Terra a Nosa e posteriormente no coro de voces brancas da orquestra sinfónica do CMUS de Santiago. Con 18 anos funda Ivy Moon e participa en diversos festivais. No seu proxecto actual mestura diferentes estilos como synth pop, new wave ou post-punk con elementos tan clásicos como o canto lírico, e mesmo reinterpreta nos seus concertos en vivo obras puramente líricas con instrumentos cargados de sintetizadores.

SECHO escribía cancións para si mesmo desde os albores deste século ata que en 2009 a banda Medomedá o convida a abrir un dos seus concertos en Compostela. Nese verán rexistra en Pouland Studios o seu primeiro EP, que sae co nome de “Secho y los Invisibles”. Despois de varias formacións e concertos por todo o país, publica en 2016 ‘Xa fai un tempo’ (Discos da Máquina). E agora regresa en 2021 con ‘Recuperar’, o seu terceiro traballo gravado con Iago Pico e rodeado de músicos como Dani Riveiro, Lois Carlín e Tomás Porteiro, ademais doutras colaboracións. Outro feixe de cancións que van do folk americano ao pop intimista adubiado polas montañas do Barbanza.

Toda a información en https://premionarf.gal

viernes, 5 de febrero de 2021

Tanxugueiras marca “un punto de inflexión” na súa traxectoria e aposta por sonoridades máis urbanas co lanzamento de Midas



O grupo publica este venres 5 o tema, no que colaboran Fer Peleteiro e Iago Pico, e que se acompaña dun videoclip cos bailaríns Fran Sieira, Xisco Feijoó e Artur Puga.

“Midas é unha peza empoderada e motivadora coa que queremos chegar ás novas xeracións, que van seguir coa tradición e termar dela”, apuntan as músicas.

4 de febreiro de 2021.-

Este venres, 5 de febreiro, Tanxugueiras presenta o seu novo tema, Midas, unha enérxica peza na que o trío marca un punto de inflexión na súa traxectoria ao explorar a fusión da música de base tradicional con sonoridades e estilos máis modernos. A peza, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural e que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip marcado pola pegada das cantareiras e a posta en valor do baile do país.

“Midas é un single empoderado, motivador e con moito carácter; e que define moi ben tanto o son actual de Tanxugueiras como a falta de medo que temos hoxe en día, como músicas, a explorar novas sonoridades”, sinala o grupo. Con Midas, as cantareiras despéganse dos seus anteriores traballos e da pandeireta para dar un maior protagonismo as súas voces, á vez que empregan estruturas máis contemporáneas e apostan por un retrouso pegadizo e con forza. Neste sinxelo avanzan na procura da fusión da tradición con estilos máis modernos e electrónicos, pero sen perder o contacto coa orixe e a base tradicional. Para iso, sérvense da colaboración de Fer Peleteiro -tanto no apartado musical coma na produción- e de Iago Pico, de Pouland Studios -na produción, gravación, mestura e masterización- . O resultado, a ollos das creadoras, é “unha proposta redonda”.

”Quen escoite a peza atopará conexións co tradicional, alén dos ritmos, nas coplas e no carácter das mesmas”; sinala o grupo, que con Midas tamén afonda na súa vertente creativa a través do desenvolvemento de textos propios que conectan con outras líricas da creación colectiva galega. “Non é a nosa pretensión situarnos na proa da reformulación, pero si que queremos dar un pasiño máis na evolución e achegar a música tradicional a outros públicos máis novos”, expoñen. Neste sentido, as cantareiras destacan a importancia de poñer en valor a creación popular galega entre as novas xeracións, “xa que é a poboación que vai seguir coa tradición e van termar dela, tamén desde a evolución.”

Videoclip con baile tradicional

O lanzamento deste venres 5 de febreiro acompáñase dun videoclip producido por Trece Amarillo e PlayPlan Cultural no que, precisamente, as músicas queren visualizar o baile tradicional. O teaser está dispoñible desde o martes 2 en Youtube.

Se no 2019 o tema Desposorio, de corte tradicional, atopaba o seu contrapunto no baile contemporáneo, nesta ocasión, cun vídeo moderno e rompedor, as cantareiras acompáñanse do baile do país coa colaboración de Xisco Feijoó, Fran Sieira e Artur Puga, membros de Fran Sieira Compañía de Danza. “Escollimos tres bailadores que nos gustan moitísimo, cada un co seu propio estilo e que transmiten moitísima forza. Ao cabo, falamos dun tema con moito carácter e que non deixa indiferente, que é o que sempre pretendemos desde Tanxugueiras”, sinalan. O vídeo, no que avaricia é protagonista, poderase ver tamén este venres na canle de Youtube do grupo.

Precisamente o bailador e músico Xisco Feijoó, que vén de lanzar o seu proxecto Peixe, será o vindeiro convidado do Mira unha cousiña..., as conversas virtuais que as creadoras manteñen con figuras do mundo da cultura e do lecer e que se emiten os luns, a partir das 21.00 horas, a través da web de Tanxugueiras e no seu perfil en Facebook.

miércoles, 12 de febrero de 2020

Tanxugueiras presenta este sábado 15 en Oleiros o seu novo álbum, Contrapunto, e asinarán discos na FNAC o venres 14


A nova cita ao vivo da xira, rebordante da enerxía que caracteriza ao trío de pandereteiras, terá lugar ás 20.30 horas no centro cultural A Fábrica

O grupo tamén ofrecerá este venres 14 un showcase e asinará discos a partir das 19.00 horas na Coruña, no espazo da FNAC situado na praza de Lugo

12 de febreiro de 2020.- Tanxugueiras presenta este sábado 15 en Oleiros o seu segundo disco, Contrapunto, un álbum no que as pandereteiras Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro exploran os límites da música tradicional a partir da recollida de letras populares.

Logo de encher a Sala Capitol de Santiago de Compostela o pasado 2 de febreiro, a nova cita da xira de presentación de Contrapunto terá lugar o vindeiro día 15, a partir das 20.30 horas, no auditorio do centro cultural A Fábrica, no marco do ciclo Voces cálidas para noites de inverno. O directo do grupo, ateigado da rebordante da enerxía que caracteriza as pandereteiras, conta cunha coidada posta en escena acompañada dun xogo de luces que pretende implicar ao público cos relatos que transmiten as cancións. As entradas para o concerto poderanse adquirir, por 2,50 euros, no propio centro cultural dende unha hora antes do seu inicio.

O novo disco de Tanxugueiras contén un relato maduro, cheo de matices e renovador. Contrapunto, no que Aida, Olaia e Sabela asumiron a súa definición artística e musical coa colaboración de Isaac Palacín, propón dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. Con elas, o grupo fía cinco relatos, cada un coa súa cara e a súa cruz, nos que cantan ao empoderamento da muller, á deslealdade e á traizón, á liberdade política, á amizade, á vida, á liberdade de decisión, a crítica á ditadura ou ao desengano.

O álbum, editado por Calaverita Records e PlayPlan, está dispoñible en todas as plataformas dixitais para a súa escoita e para a venda en tendas físicas e online, así como nos concertos do grupo, nunha xira que continuará o domingo 23 de febreiro nas Pontes de García Rodríguez e no mes de marzo nas localidades de Cangas, Vilalba e Monterroso.

Ademais da actuación desta fin de semana na Fábrica, Tanxugueiras regresa este venres á cidade da Coruña nun formato de encontro co público máis próximo. O trío ofrecerá este venres, 14 de febreiro, a partir das 19.00 horas, un showcase en acústico no espazo FNAC situado na praza de Lugo. Na cita, que dará pé a unha sinatura de discos, o grupo interpretará unha pequena mostra dos temas do novo álbum.

Tanxugueiras nos Mestre Mateo 2020
Tanxugueiras estará presente na cerimonia dos XVIII Premios Mestre Mateo. A peza audiovisual que acompaña o single Perfidia é un dos traballos finalistas da categoría Mellor videoclip nos galardóns que outorga a Academia Galega do Audiovisual (AGA) e que se entregarán o vindeiro 7 de marzo na cidade da Coruña.

Perfidia, o segundo single de Contrapunto, é un canto sobre deslealdade e traizón que, mediante letras recollidas en diferentes puntos do país, constrúen un relato actual da ruptura da confianza na amizade. O videoclip, que se gravou na cidade de Pontevedra, estreouse o pasado 15 de novembro nas redes sociais. Con esta candidatura, as e os membros da AGA recoñecen cos seus votos o impactante traballo da produtora Trece Amarillo que ten ás propias pandereteiras como protagonistas.

miércoles, 18 de diciembre de 2019

A sétima edición da Radio Conta axudará a Asanog


As radios da Coruña únense nun programa conxunto o sábado 28 ás 17h no Teatro Rosalía Castro.

A Radio Conta chega á súa sétima edición. Uns 40 profesionais de todas as emisoras da Coruña (Radio Galega, Radio Marca, Onda Cero, Radio Nacional de España, InterCoruña, Radio Coruña-Cadena Ser, COPE e RadioVoz) deseña, produce, elabora e emite conxuntamente un programa de radio que se realizará o día 28 deste mes desde o teatro Rosalía Castro da cidade herculina. Será de 17 a 20h, con entrada libre. 

O programa que une ás radios da Coruña repítese, segundo o seu presentador, o xornalista Moncho Viña, co desexo de “superar” a “calidade radiofónica das seis edicións anteriores” e co mesmo dobre obxectivo: “a solidariedade e a homenaxe á radio local”. Así, xorde un proxecto único na historia de España “e paramos de investigar, pero cremos que tampouco se fixo en Europa”, declarou Viña na presentación, á que tamén asistiu a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.  

Este ano A Radio Conta colabora con Asanog, que traballa con nenos oncolóxicos, que sofren cancro, e que ofrece todo tipo de apoio ás súas familias. A entidade, segundo explicou a súa vogal, Lorena Collazo, busca fondos para poder abrir na Coruña un piso de acollida para que os familiares destes cativos poidan residir mentres permanezan hospitalizados. 

Para o día 28 prepárase un programa radiofónico de calidade e moi elaborado “pensado e repensado durante meses, moi solidario pero moi, moi divertido”, segundo definiu Moncho Viña. "Vai ser unha festa e ímolo pasar que ides flipar" dixo esta mañá Xosé Touriñán. O humorista e actor é un dos convidados do programa, que cualificou como "un exemplo" pola unión das radios participantes.  

Xunto a Touriñán, neste sétimo A Radio Conta estarán os humoristas Xosé Touriñán e Moncho Borrajo, os actores Luís Iglesia e Marita Martínez ou o deseñador Antón Lezcano. A música porana Pablo Díaz, Brais Morán e As Tanxugueiras. Poderemos oír as regueifas de Lupe Blanco e a voz do actor de dobraxe Javier López. Estarán as deportistas olímpicas Sofía Toro e Julia Benedetti. Nas redes, contaremos con tuiteiros como Carolina Regueira, Uxío, Javier Varela, Sindo Novoa e Silcerino. E especial mención merece oguionista Óscar Cruz, grazas ao que a rexedora e os grupos municipais da Coruña van ter “algún tipo de papel” no programa, que estará cheo de sorpresas.  

A Radio Conta poderase seguir no teatro, pola frecuencia das radios participantes e, por vez primeira, por ‘streaming’ na web do Concello da Coruña. no propio teatro. A entrada ao recinto é libre, con donativo voluntario. 

A iniciativa está aberta a colaboracións a través da fila cero e o número de conta:  ES61 2100 1453 2102 0025 9900 (La Caixa)

martes, 17 de diciembre de 2019

Tanxugueiras presenta este sábado 21 na Coruña o seu novo álbum, Contrapunto, un disco sen corsés que explora os lindes da música tradicional


O álbum está dispoñible dende o 22 de novembro nas plataformas dixitais.

O grupo ofrecerá un showcase en acústico e asinará discos a partir das 12.30 horas no espazo de El Corte Inglés no centro comercial Marineda.

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro plasman no seu segundo álbum a súa evolución musical para sorprender cun relato maduro, cheo de matices e renovador.

17 de decembro de 2019.- Tanxugueiras chega á cidade da Coruña o vindeiro sábado, 21 de decembro, para presentar en acústico o seu último traballo, titulado Contrapunto, e que se pode escoitar dende o 22 de novembro en todas as plataformas dixitais. O grupo regresa cun proxecto moi persoal e rebordante de enerxía no que explora os límites da música tradicional a través de dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. A presentación do disco ante o público coruñés terá lugar a partir das 12.30 horas no 2º andar de El Corte Inglés en Marineda City, nunha ocasión na que ofrecerán, nun formato próximo, un showcase que dará a oportunidade de ver unha mostra da evolución do seu sentir musical, que se enriquece con ritmos doutros estilos. 

As protagonistas en Contrapunto volven ser as voces e as pandeiretas e a proximidade á música de baile. Na intención de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro está amosar que a música tradicional galega pode avanzar, renovarse a cada paso e acadar novos escenarios: Contrapunto é, polo tanto, un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado; que contén un relato maduro, cheo de matices e renovador e no que as tres asumiron a súa definición artística e musical coa colaboración de Isaac Palacín. 

A maneira con que Tanxugueiras reinterpreta a música tradicional deixase notar nas letras cos dez temas que forman o álbum, editado por Calaverita Records e PlayPlan. Son palabras recollidas en diferentes puntos da xeografía galega e que combinan para construír un relato actual de diferentes sentimentos e situacións vitais, coas súas cara e a súa cruz. Así, o disco enténdese como un espello con cinco temas que transmiten sentimentos positivos que teñen o seu equivalente que fala sobre a cara amarga do mesmo. Desta volta, as letras tradicionais serven para cantar ao empoderamento da muller, unha temática que Tanxugueiras aborda en temas como Desposorio (o primeiro single do álbum), Irmandade e Maltraer, ou para afondar dun xeito cru na deslealdade e a traizón que se atopan en Perfidia. Son moitos os temas que Tanxugueiras toca no seu segundo disco, que ten cancións adicadas á liberdade política, a amizade, a vida e á liberdade de decisión que se complementan, na súa cara amarga, con letras como as de Autocracia, unha crítica á ditadura, ou as de Malquerenza sobre o desengano.