Mostrando entradas con la etiqueta avv. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta avv. Mostrar todas las entradas

jueves, 25 de mayo de 2023

Nota de prensa da Asociación veciñal Uxío Carré de Eirís

A ASOCIACIÓN VECIÑAL DE EIRÍS PIDE ÓS PARTIDOS POLÍTICOS SENTIDIÑO... E QUE REFLEXIONEN SOBRE O FUTURO DA CIDADE

Neste tramo final da campaña electoral a asociación veciñal pide ós partidos que esquezan por un momento as campañas de márketing, os titulares de campaña e as fotos. Manifestan que a cidadanía precisa que pensen no futuro. Na cidade e na comarca que van deixar para o futuro, e polo que serán lembrados e xulgados nos próximos anos.

Falan do futuro do CHUAC e da súa polémica ampliación que durará varios anos nos que tanto profesionais, doentes e familias coma a veciñanza terán que convivir con unhas obras que cualifican de faraónicas durante moitos anos, con todas as complicacións que isto pode supoñer para a vida interna no propio hospital, como a nivel de trafico e mobilidade. Toda a cidadanía da Área Sanitaria A Coruña-Cee verase afectada polas obras de ampliación do que chaman o “Vello CHUAC”, e polo peche do centro de Especialidades do Ventorrillo, o Hospital Materno-Infantil, o Hospital Oncolóxico, e de parte do Hospital Abente y Lago.

Destacan que se leva dando voltas a un proxecto que aínda non ten nin a aprobación inicial máis de 3 anos (dende que o ex-presidente da Xunta, Nuñez Feijóo o anunciou en xaneiro de 2020), e que se se optase por facer un hospital novo nun espazo adecuado (por exemplo, no espazo exterior ós muros da antiga Fábrica de Armas, pertencentes ó Ministerio de Defensa, o hospital podería estar xa rematado. Pola contra, as datas de finalización da ampliación en 2025 dadas polo ex presidente son xa inviables. Do mesmo xeito que as necesidades de as infraestructuras tecnolóxicas (TAC, RNM, quirófanos...) actuales están xa case obsoletas e precisan renovarse porque non son suficientes para a demanda asistencial o que sería tamén máis sinxelo nun hospital de nova construcción, podendo ter así por fin o Hospital que a Coruña e a súa Área Sanitaria merecen.

A nivel de tráfico, valoran que as solucións que aporta o proxecto viario provocarán un caos en toda a contorna cando menos durante moitos meses xa que van derrubar o actual acceso dende a avenida da pasaxe para construír un novo que irá sobre as Xubias, e que será tamén o acceso para a obra. Durante todo ese tempo todo o tráfico irá polos camiños e rúas de Eirís cara a avenida de Monelos ou Elviña, zonas que cualifican xa de sobresaturadas e nas que anuncian que os atascos en horas puntas serán terribles. Sinalan ademais que se fará outro vial que cortará o parque de Eirís, afectando ó estanque, e anulando as vistas dende o mesmo, así como ós centos de persoas que a diario o desfrutan.

Recentemente a Conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez reuníase co Colexio de Enxeñeiros para pedirlles solucións para solventar os problemas das pendentes e de accesibilidade, para as que xa houbo 24 borradores diferentes. Para a asociación veciñal é motivo suficiente para que se replanteen se a ubicación escollida con tanto desnivel é a máis adecuada.

Piden, por tanto, unha reflexión ós partidos sobre que nos van deixar para o futuro:
“Poden manter as decisións tomadas ata o de agora e seguir adiante con un gasto de 22,2 millóns do Concello da Coruña, e sobre 600 millóns de euros da Xunta en ampliar un hospital vello, con anos e anos de obras, caos e e complicacións, para que siga sendo un hospital inhóspito e inaccesible, ou aceptar que se pode facer mellor, en menos tempo e menos costoso, facendo un Hospital Novo de verdade, nun espazo plano e libre, como pode ser o espacio exterior ós muros da Fábrica de Armas, no solar libre, pertencente a Defensa, de 133.000 m2, como pedía xa o Colexio de Médicos en 2018.”

Cada día con máis razón, NOVO CHUAC SI, PERO NON ASÍ, NON AQUÍ !

miércoles, 11 de mayo de 2022

Nota de prensa: A AVV de Eirís presenta alegacións ó proxecto avaliación ambiental para os viais do CHUAC


 

A Asociación Veciñal de Eirís ven de presentar ALEGACIÓNS ó ESTUDO de AVALIACIÓN AMBIENTAL que presentou recentemente a Xunta Galicia.

O documento da Xunta está feito á medida do que pretenden xustificar. Un monstruo de formigón o doble de grande que o actual, e rodeado de viáis en altura no alto dun monte.

Montruo que levará por diante 28 vivendas, restos arqueolóxicos, a Lagoa do Parque de Eirís e parte do Propio parque, fontes, árbores,... que ameazará o alto a quen mire dende boa parte da comarca, nomeadamente dende Santa Cristrina.

E todo enmascarado nun procedemento “SIMPLE” que acurta o proceso para evitar ter que cumplir coa lexislación vixente.

E finalmente aprobarán o contrario do anunciado: Nin humanizar nin dar accesibilidade, nin hospital novo.

Na proposta hai 2 imaxes significativas:

A como vai quedar o CHUAC , e a de como vai qudar o vial que da cara a avenida da Pasaxe.
Da a sensación de que non se atreveron a mostrar todo xunto, o monstruo de formigón no seu máximo explendor

Cada día con máis razón, NOVO CHUAC SI, PERO NON ASÍ, NON AQUÍ !




As imaxes saen deste documento: https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/

lunes, 29 de marzo de 2021

Nota de prensa: ASOCIACIÓN VECIÑAL DE EIRÍS - Plataforma de afectadas pola ampliación do CHUAC


 

Iniciamos unha campaña informativa e de recollida de sinaturas:

A semán pasada iniciamos unha campaña de información á poboación coruñesa do que supón que se faga a ampliación do vello CHUAC tal e como pretenden Xunta e Concello.

É moita a xente que pensa que se vai facer un “NOVO CHUAC”, que é o que se publicita. Un hospital novo, coma o que teñen en Lugo, en Vigo, en Santiago, En Pontevedra...

Non saben que realmente se vai hipotecar a inversión en sanidade da Xunta en máis de 400 millóns de euros para parchear un hospital vello e facerlle unha ampliación.

Non saben que se van pechar o Hospital Oncolóxico, o Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera, o Centro de Especialidades Ventorrillo, e parte das especialidades do Abente e Lago.

Non saben os problemas que vai haber e como vai interferir isto no funcionamento normal do hospital, nin os riscos sanitarios que se van correr.

Non saben que hai moitas opcións menos costosas para facer un hospital novo e con futuro.

Nin que van tirar un montón de vivendas para facer detrás do CHUAC unha praza de formigón.

Por iso estamos facendo unha campaña de difusión a pé de rúa, e tamén por iso creamos un blogue no que a cidadanía se poida informar:


E abrimos unha recollida de sinaturas en Change.org para pedir o apoio á nosa proposta: http://chng.it/PhGnmRsycg

NOVO CHUAC SI, PERO NON ASÍ
MENOS CEMENTO, MÁIS PERSOAL!

domingo, 25 de octubre de 2020

Nota de prensa da Plataforma de afectadas pola ampliación do CHUAC


 

Esta semán a Plataforma de afectadas pola ampliación do CHUAC retomou a súa actividade, en pausa polos novos nomeamentos na Xunta. Avaliamos a información que recolle a prensa sobre as negociacións para a ampliación do CHUAC, que nos afectan directamente, xa que é a nosa única fonte de información, como o foi dende o comezo.

Comezamos pedindo novamente xuntanzas:

- Coa Alcaldesa da Coruña, para manifestar o noso apoio na súa defensa de que a ampliación do hospital debe ser abríndoo cara o Parque de Eirís, e non sobre as vivendas, como propuxo dende un principio.

- Co novo Conselleiro de Sanidade e co novo responsable do SERGAS, para coñecer de primeira man cal é o seu proxecto para a ampliación do CHUAC, darlles a coñecer as nosas peticións, e facerlles chegar as nosas inquedanzas en que non se teña feito unha fonda reflexión para adaptar unha inversión de 400 millóns de Euros á nova realidade do Covid-19, sin reforzar a Atención Primaria e acumulando nuns poucos metros no alto dunha rocha todas as instalacións hospitalarias para os 28 concellos da Área Sanitaria da Coruña, con cerca de 550.000 habitantes.

- Co Presidente da Deputación da Coruña, recentemente implicado a traves dos medios de comunicación, para darlle a coñecer a problemática que vimos denunciando e as nosas propostas.

Seguiremos reclamando que se nos facilite como dí a Lei, a documentación pública que solicitamos hai meses e que a Xunta de Galicia oculta: “Plan Funcional e de espazos”.

Reclamaremos claridade sobre as vías de saída e entrada, xa que segundo a prensa, a Xunta manten a proposta de 3 viáis atravesando Eirís con milleiros de coches sen ningunha saída, o que podería levar a expropiar unhas 50 vivendas máis para ampliar os viáis existentes.

jueves, 30 de julio de 2020

Nota de prensa da ASOCIACIÓN VECIÑAL DE EIRÍS “UXÍO CARRÉ”: Cambios no rueiro en Eirís




Esta maña o Pleno do Concello da Coruña aprobou o nome de varias rúas para o Polígono de Xuxán, ata agora mal chamado Ofimático.

A proposta apróbase por maioría, e sen que ningún dos grupos falase en ningún momento coa veciñanza nin con esta asociación veciñal, que levaba anos tentando ser escoitada.

Tras anos facendo propostas, entre elas o nome de Xuxán para o novo polígono, presentamos por escrito unha proposta hai máis dun ano, que o goberno anterior (e o actual) viron en Xunta de Goberno a finais de xuño de 2019. Parece que o que sí se tivo en conta foi un informe da Real Academia da Língua Galega, que coincidía segundo parece coa nosa proposta do nome de Xuxán. Informe que tamén descoñecemos. A nosa proposta, ante a falta de resposta, reenviouse por mail e entregouse de novo a semana pasada en man a quen eventualmente era responsable da área, o Concelleiro Sr. Borrego, que o ía revisar.

O Concello da Coruña segue ignorando á xente nas súas tomas de decisións. Non escoita á veciñanza nin ás asociacións veciñais nin siquera para poñer de novo nome ás rúas que xa o tiñan antes de que as excabadoras derribaran parte do barrio de Eirís.

Así chegamos a ter outra vez nomes duplicados e fóra do seu lugar real. E é que en Eirís hai moitos anos que dá medo pedir que poñan unha placa co nome da rúa (que en moitas das rúas non hai) porque o resultado final soe ser que cambien o nome da rúa, como se se pensase que a xente que vive nela non tiña un enderezo... O que non hai é placa!!

Temos a rúa Casanova de Eirís no Castrillón, e a quen vivía en Casanova de Eirís resulta que vive agora en Eirís de Arriba. Quen vivía na Calexa vive tamén en Eirís de Arriba porque a Calexa agora está máis abaixo (nunha rúa que nada ten que ver con unha calexa...) e poderiamos seguir así ata a Avenida de Nueva York no veciño barrio da Zapateira... Hai xente que leva máis de 60 anos vivindo na Canteira de Eirís, que é un núcleo de rúas de edificios altos, ben identificables, e onde a rúa do medio chámase Rúa Canteira de Eirís.

Agora van ver como lles cambian o nome da súa rúa para darllo a outra??

Duplicamos nomes facendo que se perdan outros: As Peladas, Fonte Dos Caños (que case nos deixan sen fonte tamén, unha fonte antiga, de pedra e catalogada), Praza do Campo, Fonte Marusca ...

Temos xa unha rúa que leva o nome do noso ilustre escritor e mestre “Uxío Carré”, pero perdemos a oportunidade de homenaxear a un veciño escritor e xornalista, Xosé Lesta Meis, que naceu e viviu en Eirís de Abaixo, na baixada ó Río de Xuxán.

Eses lugares existían e tiñan nome antes de que as escavadoras derrubasen as casas da veciñanza, e deberan manterse para as novas veciñas e veciños.

O respecto e a sensibilidade que ten este Concello e toda a corporación pola historia do barrio, pola súa toponimia e pola xente de Eirís, pola que foi desaloxada en nome da especulación urbanística, e pola que o viviu quedou patente de novo hoxe, xa que seguen tomando decisións por Eirís pero sen contar con Eirís!!!