Mostrando entradas con la etiqueta acampa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta acampa. Mostrar todas las entradas

miércoles, 19 de abril de 2023

Sete mostras fotográficas asolagarán o centro da Coruña coas mil e unha caras do odio da man da rede Acampa pola paz


Dentro do programa do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz que se inaugurará o 16 de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez 

“Odio ou convivencia” achegará á cidadanía a eses espazos sen lei nos que deambulan ou esperan millóns de seres humanos, ás fronteiras secas e líquidas da vella e bunkerizada Europa, á cuberta do Aquarius, ás rúas de todo o continente nas que crece e exhíbese o fascismo e a extrema dereita, ao masacre do valo de Melilla ou aos sistemas educativos que fan “patriotas” profundando na diferenza entre “nós” e “eles”. Tamén á  realidade dos muxes, o terceiro xénero da cultura zapoteca do sur de México, respectados na súa sociedade que lles adxudica un papel esencial nas familias da comunidade. 

 

Acampa2023 conta coa mirada de fotoperiodistas e fotógrafos documentais de recoñecido prestixio: Jordi Borràs, Javier Bernardo, Óscar Corral, Nuria López Torres, Hanna Jarzabek, Sarah Blesener, e os integrates do Colectivo Ollo. 

 

A Coruña, 19 de abril de2023.- O odio será o fío condutor do Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que se celebrará na Coruña entre os días 16 e 18 de xuño, alcanzando xa a sétima edición. Un ano máis, os Xardíns de Méndez Núñez converteranse nunha xigantesca sala de exposicións na que colgarán case 200 fotografías de gran formato de fotoperiodistas e fotógrafos documentais de recoñecido prestixio: Jordi Borràs, Javier Bernardo, Óscar Corral, Nuria López Torres, Hanna Jarzabek, Sarah Blesener, ou os integrantes do galego Colectivo Ollo. A cidadanía poderá asomarse, a través das súas miradas, ao que moitas veces prefire non ver, o odio, nos súas mil e unha caras, que medra á vez que mingua o respecto aos Dereitos Humanos e aos demais dereitos, a solidariedade, a empatía… 

 

Óscar Corral e o Colectivo Ollo  expoñen fotografías do que está a acontecer desde hai anos no Mediterráneo Central e na fronteira sur. Con Corral subiremos ao Aquarius, o buque que en 2017 deambulou semanas cheo de persoas refuxiadas exhaustas sen que ningún país lles ofrecese un porto ao que arribar ata que España permitiu o seu desembarco en Valencia. O Colectivo Ollo achéganos á Síndrome da Resignación, dos que esperan alcanzar un presente e un futuro, dos que simplemente reclaman o seu dereito para sobrevivir e a vivir con dignidade. 

 

As imaxes de Javier Bernardo convidarán a ver e a reflexionar sobre a responsabilidade que España ten como país no acontecido no masacre do valo de Melilla en xuño do pasado ano. Decenas de mortos e feridos en chan marroquí e europeo, nun espazo no que saltaron polo aire todos os dereitos, sobre o que ninguén respondeu aínda.  

 

A polaca Hanna Jarzabek achéganos á realidade contraditoria do seu país con dúas mostras, unha na que o público poderá coñecer o que acontece no bosque de Bialowieza, no que miles de persoas escóndense da Garda de Fronteiras, quedando atrapados durante longas tempada, expostos a condicións extremas, falta de auga potable e alimentos. Os habitantes dos pobos próximos acoden de noite a darlles apoio, baixo o risco de ser denunciados e detidos. A outra exposición móstranos os programas do sistema educativo público que adestra ao alumnado como pequenos soldados exacerbando o sentimento patriótico do eu fronte ao outro. 

 

A americana Sarah Blesener confronta na súa exposición “Soldados de xoguete” a formación dos mozos tanto americanos como rusos e como se pervirte a análise. Os americanos se autodefinen como patriotas fronte á súa visión crítica dos rusos, aos que consideran programados nun nacionalismo excluínte. 

 

Jordi Borràs, un dos fotoperiodistas que leva máis tempo documentando o auxe do fascismo e a extrema dereita, obrigará a reflexionar sobre o que acontece en toda Europa, con manifestacións continuas de grupos de ultradereita e coa súa entrada nas institucións de todo o continente fronte a pasividade dos demócratas.  

 

Se a expo de Borràs ten que ver coa cor negra, Nuria López Torres poñerá sen dúbida a cor neste VII Encontro ao achegarnos á realidade dos Muxes, un auténtico terceiro xénero respectado nas comunidades zapotecas do sur de México aos que as familias adxudican un papel esencial no funcionamento desta sociedade. 

lunes, 2 de mayo de 2022

O centro da cidade da Coruña acollerá de novo, entre xuño e xullo, unha das exposicións de fotografía humanitaria máis importantes de todo o país


 Un total de oito prestixiosos fotoxornalistas, entre os que figuran Juan Carlos Tomasi, Ricard García Vilanova, Javier Teniente, Olmo Calvo e Pablo Tosco, asinan as imaxes en gran formato que se exhibirán ao aire libre nos Xardíns de Méndez Núñez. Ilustrarán o tema da edición do Encontro deste ano, a pandemia da fame, que afecta a 881 millóns de seres humanos no mundo, segundo as Nacions Unidas. 

 

A Coruña, 2 maio 2022.- O centro de A Coruña volverá acoller este verán, entre o 9 de xuño e o 7 de xullo, unha das exposicións colectivas de fotografía humanitaria máis importantes que se poden contemplar en España. Será no marco do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz “Fame e Refuxio”. Prestixiosos fotoxornalistas asinan máis dun centenar de imaxes en gran formato que se exhibirán ao aire libre nos Cantóns e Xardíns de Méndez Núñez. A fotografía é un dos ingredientes principais desta cita anual que converte á cidade coruñesa durante tres días, co apoio do Concello, a Deputación e a Universidade, nun foro de reflexión e debate sobre a situación das persoas migrantes e refuxiadas e a defensa dos Dereitos Humanos. As imaxes ilustrarán o tema desta sexta edición: a pandemia da fame, que afecta a 881 millóns de seres humanos no mundo (segundo a ONU) e que está presente na orixe da maioría dos desprazamentos humanos forzosos. 

A mostra fotográfica exhibirá o traballo de oito fotoxornalistas, entre os que figuran nomes como os de Juan Carlos Tomasi, Ricard García Vilanova, Olmo Calvo ou o galego Javier Teniente que ostentan algún dos máis prestixiosos premios de Fotografía como o World Press Photo ou o Premio Internacional Luís Valtueña de fotografía humanitaria. As súas imaxes, tomadas nos lugares máis castigados do planeta por guerras, secas, desastres naturais ou o espolio de recursos, mostrarán os efectos da escaseza alimentaria e a súa consecuencia principal, a desnutrición en todos os seus graos, que sofren as poboacións de países de África, América Latina ou Asia, aínda que tamén sectores da poboación do primeiro mundo afectados pola crecente desigualdade.  

 

“A memoria do esquecemento”, de Juan Carlos Tomasi, fotógrafo que leva 25 anos acompañando á ONG Médicos Sen Fronteiras nos seus desprazamentos humanitarios por todo o mundo, será unha viaxe a eses países “esquecidos”, onde a crise alimentaria, a fame, é xa crónica. Falamos de Somalia, Sudán do Sur, Etiopía ou Afganistán. “Guerra e fame”, do fotoxornalista especializado en zonas de conflito e crise humanitarias Ricard García Vilanova, achegará aos visitantes da exposición a situación de fame que sempre acompaña a todos os conflitos armados. Da man do fotógrafo arxentino, fincado en Barcelona, Pablo Tosco, que asina a mostra “Sen refuxio para a fame”, veremos a realidade dun deses países no que conflúen o esquecemento do mundo e a guerra sen fin, Iemen, onde a desnutrición crónica e a fame negra son unha realidade desde hai tempo.  A mostra “Sobrevivir en pandemia” de Olmo Calvo, profesional que dedicou boa parte do seu tempo nos últimos anos a documentar as consecuencias da crise económica en España, reflectirá as dificultades de centos de familias españolas pola paralización da economía por mor da Covid 19. 

 

O fotógrafo galego Javier Teniente mostrará con “Terra Seca” un resumo do seu percorrido, no ano 2021, polo corredor seco de Guatemala ata a fronteira de México, para documentar como a pobreza, a violencia e a desertificación provocada polo cambio climático conminan a miles de persoas centroamericanas a unha viaxe desesperada cara aos Estados Unidos. Sen saír do continente americano, as imaxes do fotógrafo brasileiro, Rodrigo Zaim, “Brasil, país da fame”, reflectirán a pobreza e a escaseza alimentaria que sofren millóns dos seus compatriotas. 

 

 “Ata que o millo volva crecer”, de fotoxornalista madrileña, Lys Arango, quen entre os anos 2016 e 2019 centrou o seu traballo en retratar a fame en todas as súas formas, percorre desde a desnutrición crónica en Guatemala á fame negra en Sudán do Sur; a fame provocada pola guerra no Kurdistán iraquí ou a derivada do cambio climático nos países do Sahel, por mor da desertificación do seu territorio. Completará a exposición “ Globesity”, da fotodocumentalista italiana, Silvia Landi, que aborda o tema da obesidade, outra das caras da escaseza alimentaria, relacionada coa desigualdade en todas as sociedades, especialmente nas máis desenvolvidas. 

jueves, 3 de marzo de 2022

Las organizaciones sociales, políticas y del tercer sector de A Coruña saldrán juntas a la calle el domingo para reclamar el fin de la guerra en Ucrania



En la reunión, promovida por la Red Acampa por la Paz y el Derecho a Refugio -convocante de la movilización- se acordó exigir que las partes implicadas se sienten, de manera inmediata, a negociar una salida que impida más muertes civiles y más desplazamientos masivos de ciudadanos

Un lema, “Paz en Ucrania. Salida negociada Ya!. Bajo él, la ciudadanía coruñesa y de su entorno está llamada a gritar en masa a favor de la Paz. La concentración tendrá lugar este domingo, 6 de marzo, a las 12 horas, en el Obelisco.

A Coruña, 3 de marzo de 2022.- Una veintena de organizaciones sociales, políticas y de defensa de los Derechos Humanos respondieron presencialmente a la llamada de la Red Acampa para consensuar una acción unitaria de rechazo de la ocupación militar de Ucrania por parte de Rusia. Los representantes de estas, y otros que aunque no pudieron acudir personalmente anunciaron su apoyo, determinaron ayer sumarse a la propuesta del Movimiento Acampa para exigir el fin de la guerra. Bajo el lema “Paz en Ucrania. Salida negociada Ya!”, la ciudadanía de A Coruña y su entorno está llamada a una concentración este domingo, a las 12 horas, en el Obelisco coruñés.

“Ya tenemos nuevamente que lamentar el horror de personas muertas, sufrimiento y desplazamientos masivos. Nos oponemos a esta dinámica criminal. Exigimos a los gobiernos de Rusia, Ucrania, EEUU y Europa que se sienten a negociar la Paz de manera inmediata, evitando el sufrimiento innecesario de la población”, señalan en su manifiesto. Los participantes exigen el alto el fuego, la retirada de las tropas invasoras y la acogida inmediata de TODAS las personas refugiadas que están llegando a los países limítrofes con Ucrania.

La sociedad civil tiene que mostrar el rechazo a la violencia en Ucrania, señalan, donde otra vez el pueblo está pagando con su vida por los intereses de sus dirigentes. El mensaje a esos dirigentes tiene que llegar clara: Paz en Ucrania. Por eso, la Red Acampa por la Paz y el Derecho a Refugio invita a todos los ciudadanos y ciudadanas de A Coruña y de los municipios limítrofes a alzar la voz el domingo y a participar en la concentración convocada a tal efecto. El manifiesto será leído por el comunicador y músico Xurxo Souto, y en ella participará activamente la comunidad ucraniana de A Coruña que, sin duda alguna, sentirá el calor y el apoyo de la sociedad gallega.

Las asociaciones y colectivos presentes en la reunión de ayer y que respaldan la iniciativa son: Mundo sen Guerras, Foro Galego da Inmigración, Integra Coruña, Simbiose, Aire, Vangarda Obreira, Sen Valos, Solidariedade Galega, Refugees Welcome, Fotos contra a Guerra y RefuCoru. Junto a ellos, también asistieron representantes de la Asociación sociocultural Campo de Pena-Palavea, Defensa do Común, UGT, CCOO y CGT, Marea Atlántica, BNG y PSOE. También se han sumado Families4Peace y Coordinadora Galega de ONGs. 

Cualquier organización que quiera sumarse a la iniciativa puede contactar con la Red Acampa a través del mail acampa@redeacampa.org.

lunes, 20 de septiembre de 2021

O vandalismo cébase sobre a exposición fotográfica “A Vida Negada” que a rede Acampa ten instalada nos xardíns coruñeses de Méndez Núñez




 

A mostra, que forma parte do V Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio celebrado entre o 9 e o 11 deste mes, pretende sensibilizar sobre os gravísimos danos que o saqueo de recursos xera nas comunidades locais en distintos puntos do planeta.

“Nestes anos, en todas as nosas propostas concienciadoras, a cidadanía coruñesa deunos exemplos máis que sobrados sobre o seu compromiso cívico e o seu interese por reflexionar ao redor dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio, sinalan desde o Movemento Acampa. Por iso resulta máis triste se cabe comprobar como a intolerancia ou a irresponsabilidade duns poucos, no medio da noite, furta aos coruñeses do seu dereito a estar informados e a asomar ao traballo de fotoperiodistas internacionais que nos achegan mundos nos que os dereitos están conculcados.

A Coruña, 20 de setembro de 2021.- O vandalismo está a cebarse, noite si, noite tamén, coa exposición fotográfica “A vida Negada” que a Rede Acampa despregou nos Xardíns de Méndez Núñez no marco do seu V Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio. Na última semana roubaron varias lonas con imaxes a gran formato, danado ou desprendido outras e mesmo dobrado os resistentes valos metálicos que lle dan soporte. “É bastante desolador”, confesan desde o Movemento Acampa, porque o que nace para convidar á cidadanía a reflexionar sobre os gravísimos efectos do saqueo de recursos nas comunidades locais de distintos puntos do planeta acaba, inesperadamente, facéndonos reflexionar sobre a sociedade máis próxima, sobre eses poucos que, aproveitando a noite, cren que é unha valentía levar unha fotografía para casa ou que reafirman o seu liderado desprendendo varias ou dobrando os seus soportes.

Desde o Movemento Acampa pola Paz insisten en defender e agradecer o comportamento cívico dos coruñeses. “Ao longo destes últimos anos, a cidadanía coruñesa deunos exemplos máis que sobrados sobre o seu compromiso e o seu interese por reflexionar ao redor das nosas propostas, participando en cada un dos cinco Encontros Internacionais que tivemos. Desde o ano pasado, forzados pola COVID-19, as exposicións fotográficas saíron das salas de exposicións e tomaron a rúa, unha fórmula ademais que garante que miles de coruñeses poidan gozalas, poidan reflexionar, durante o seu paseo polo centro. “Gústanos abrir esas xanelas, neste caso aos espazos de espolio, e interpelar á cidadanía”. Sabemos, engaden desde a Rede Acampa, que “o vandalismo non é responsabilidade máis que do que o practica, pero sen dúbida minimízase se os que camiñan ao carón desa persoa, con cuxa acción non están de acordo, teñen a valentía de cuestionarlle, de afearlle a conduta”.

A Rede Acampa pola Paz é unha organización sen ánimo de lucro que na actualidade integra a perto de 70 organizacións, asociacións, oenegués que traballan no ámbito social, así como a partidos políticos, entidades de todo tipo e particulares sensibles á necesidade de defender os Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. Organizar cada ano o Encontro Internacional no que se enmarca esta proposta expositiva supón moitas horas e moito esforzo de traballo voluntario, desinteresado. Por iso é aínda máis doloroso comprobar que esa proposta, asentada no centro da cidade, nun dos xardíns sen dúbida con máis vixilancia por cámaras de toda a cidade, é danada unha e outra vez.

Acampa confía en que estes ataques deixen de suceder para evitar ter que retirar antes de tempo as exposicións dos fotoxornalistas Judith Prat, Javier Corso, Xosé Abad, Akinlunde Akinlenye, Luís de Vega, Victor Moriyama e Ernesto Piovano, pois tiñan previsto manterse ata o día 10 de outubro. “O que é inviable é estar todas as mañás arranxando as desfeitas, substituíndo valos ou copiando lonas desaparecidas ou ter que pagar vixiancia nocturna”, conclúen.

viernes, 3 de septiembre de 2021

“A Vida Negada”, o V Encontro Internacional Acampa Pola Paz, volve ás rúas para denunciar os dramáticos efectos do saqueo de recursos nas poboacións locais, condenadas a buscar refuxio



A Coruña será de novo, os días 9, 10 e 11 de setembro, unha cidade refuxio para a defensa dos Dereitos Humanos 

A líder indíxena brasileira Luana Kaingang, a activista congolesa Julienne Lusenge ou a representante do  Movimento de Trabalhadores sem Terra de Brasil ( MST), Marina dos Santos, son algunhas das convidadas da Rede Acampa para achegarlle ao público as durísimas realidades que viven centos de comunidades no mundo baixo o drama do espolio dos seus recursos e fontes de supervivencia. Millóns de persoas aos que outros países e intereses, coa súa rapina, lles negan literalmente o dereito á vida. Tamén asistirán os xornalistas Rosa María Calaf, Nicolás Castellano e mais o profesor de Ciencia Política, Carlos Taibo.  

Nesta edición, o campo simulado que se monta nos Xardíns de Méndez Núñez, epicentro das actividades, reproducirá un dos moitos asentamentos que o MST ten en Brasil. Neste V Encontro, ademais, entregaranse os I Recoñecementos Internacionais Acampa á defensa dos Dereitos Humanos, que recaeron precisamente no MST e no activista local Nicanor Acosta.  

 

Exposicións fotográficas, charlas e encontros presenciais e mais en liña cos activistas internacionais máis destacados, proxeccións documentais, teatro, música en directo e actividades das organizacións e colectivos que integran o Movemento Acampa tecen o programa de “A Vida Negada”.  


 

A Coruña, 3 de setembro de 2021.- “O espolio e o empobrecemento de moitos países por causa da avaricia  colonialista non pertence ao pasado: é o presente que acotío narran as persoas que foxen da violencia, da pobreza, da seca, da fame e da extrema desigualdade, incompatibles coa vida. O espolio e a violencia que este leva asociada desequilibran o mundo. A inxustiza non acaba aí.  Ao tempo, eses países espoliadores péchanlle as fronteiras ás persoas que foxen na procura de alternativas vitais”. Con estas palabras do coordinador da rede Acampa, o fotodocumentalista Xosé Abad, queda máis que xustificada a razón de ser de “A Vida Negada”, o V Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que, entre o 9 e o 11 de setembro, converterá A Coruña na cidade refuxio dos dereitos humanos. 


 “A solidariedade e a garantía dos dereitos humanos debe ser o principal obxectivo político de todo goberno que se defina como democrático e, porén, a Unión Europea e as principais potencias mundiais levan décadas pagando a terceiros países con réximes nada democráticos para que fagan o traballo sucio do control de fronteiras, sen importarlles os medios que utilicen para logralo”, denuncia a Rede Acampa. Neste marco desenvolverase “A Vida Negada”, que traerá a Coruña o drama das comunidades indíxenas brasileiras na voz dunha das súas líder máis internacionais, a xoven Luana Kaingang, ou a violencia intrínseca ao saqueo das terras raras que nos revelará a activista  congolesa Julienne  Lusenge.  


Ata Coruña viaxará o profesor de Ciencia Política Carlos Taibo, autor de títulos como “Colapso” e “En defensa do decrecemento”, referente nacional na teoría de que hai que parar a deriva do consumo desaforado. Tamén asistirá outra das observadoras da desigualdade máis autorizadas, a xornalista Rosa María Calaf, correspondente de televisión por medio mundo durante décadas, e mais Nicolás Castellano, analista experto na durísima realidade dos movementos migratorios que na actualidade camiñan cara a Europa.  


A Xunta de Galicia, ausente na iniciativa Acampa 


Acampa pola Paz quere expresar o seu agradecemento ás administracións e organismos públicos que fan posible este V Encontro Internacional (o Concello da Coruña, Deputación Provincial e Universidade da Coruña) así como ás empresas patrocinadoras e simpatizantes (Tórculo edicións, Gadis, Desarrolla, Terras Gauda, ITH Pro ou Byled). A Rede fai tamén pública a súa crítica ao desinterese que, ano tras ano, mostra a Xunta de Galicia cara á iniciativa deste movemento transversal que sostén o tecido social máis activo da comunidade na defensa dos Dereitos Humanos e que suma máis de 70 organizacións, asociacións sociais, culturais, oenegués, partidos políticos… “É cando menos sorprendente que a Xunta dea as costas, un ano máis, a unha proposta como esta. Máis sendo o goberno dun pobo tan historicamente solidario como o galego”, aseguran desde a organización do encontro internacional.  


O campo simulado reproducirá un asentamento do MST brasileiro 


O  Movimento de Trabalhadores sem Terra de Brasil (MST) será unha referencia protagonista deste V  Encontro Internacional. O campo simulado, epicentro de todas as actividades, acolle nesta quinta edición unha reprodución dun dos moitos asentamentos que o MST ten na vasta xeografía brasileira, ao recuperar a terra para os campesiños creando comunidades perfectamente articuladas ao seu redor.  


A Rede entregará neste V Encontro os I Recoñecementos Internacionais Acampa á defensa dos Dereitos Humanos, que recaeron precisamente no MST (na súa categoría internacional) e no activista Nicanor Acosta (na categoría local). Por parte dese movemento, será a activista Marina dos Santos, convidada de Acampa, a que lle conte ao público asistente a fórmula da súa organización e o funcionamento dos asentamentos poboacionais creados por el.  


Exposicións de fotoperiodistas de recoñecido prestixio 


As exposicións fotográficas son outra das esencias dos Encontros Internacionais Acampa pola Paz. Nesta ocasión as rúas do centro da Coruña converteranse nunha sorte de pano de fondo das imaxes dos fotoperiodistas Judith Prat, Víctor Moriyama, Xosé Abad, Luís de Vega,  Akintunde  Akinleye, Pablo  Piovano e Javier Corso. Todos eles enfrontarán ao visitante a espazos de devastación resultado da rapina duns poucos, en escenarios tan diversos como a Arxentina do agronegocio contaminado polo uso do glifosato, a morte e a desolación que as explotacións petrolíferas deixan no delta do Níxer ou a explotación ao redor das minas de pedras preciosas de Colombia. Tamén estará presente o espolio e o abandono sufrido polo pobo saharauí desde hai máis de 45 anos, o dano irrecuperable que as explotacións agrícolas e gandeiras están a causar en toda a Amazonia arrasada polo lume, ou a vida que rexorde coa recuperación das terras por parte do MST  brasileiro,  exemplificada nas imaxes do campamento “Marielle Vive”. Por último, a cidadanía poderá comprobar á dura realidade das mulleres campesiñas en distintos continentes, defendendo a terra da seca, a violencia ou o espolio; mans femininas que, en todo o planeta, defenden a supervivencia e a soberanía alimentaria. 


En definitiva, “A Vida Negada” -que se inaugurará o día 9 de setembro cun programa de radio en vivo conducido por Xurxo Souto- achegará á cidadanía participante nas súas distintas actividades programadas as durísimas realidades que viven centos de comunidades no mundo baixo o drama do espolio dos seus recursos e fontes de supervivencia. Millóns de persoas aos que outros países e complexas estruturas multinacionais, coa súa feroz rapina, lles negan literalmente a vida.  


Teatro en vivo, música en directo, documentais, visitas guiadas, obradoiros, presentacións de libros, actividades propias das distintas organizacións que conforman o movemento Acampa… En definitiva, unha amplísima oferta para poñerlle cara ao espolio e para conformar unha conciencia social crítica sobre os abusos que uns poucos exercen sobre millóns de persoas en moitos puntos do planeta. Ou o que é o mesmo, sobre “A Vida Negada”. 


Acceso ao programa completo na ligazón,

https://coruna.redeacampa.org/gl/

martes, 10 de noviembre de 2020

A exposición Espolio, protagonista do IV Encontro Internacional de Acampa Pola Paz, documentará na rúa o roubo de recursos, terras e futuro a moitas comunidades



 

Desde pasadomañá xoves, a fronte dos Xardíns de Méndez Núñez énchese de imaxes de destacados fotoxornalistas que nos prestan a súa mirada para que vexamos como uns poucos rapinan a riqueza de millóns de persoas 

A mostra poderase visitar tamén de maneira virtual a través da web da Rede Acampa ou da plataforma www.peopleartfactory.com 

Coma na anterior edición, na que reclamou o recoñecemento da categoría de refuxiado por cambio climático, a rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio suma agora outra esixencia, a protección e o recoñecemento internacional do Dereito a Refuxio por Espolio

A Coruña, 10 de novembro de 2020.- 

Un ano máis, os xardíns coruñeses de Méndez Núñez serán sede do Encontro Internacional Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio. A aparición do COVID-19, que obrigou en xuño a aprazar a cuarta edición desta cita, esixe agora igualmente adecuar o programa da mesma ás limitacións impostas pola pandemia. Por iso, o núcleo central da proposta será unha exposición urbana a gran formato sobre os distintos escenarios do Espolio. Desde pasado mañá xoves, día en que se inaugura a mostra, e ata o 14 de decembro, todos os que ata alí se acheguen poderán asomarse aos principais escenarios do espolio. Algúns afastados e outros non tanto. Pero todos baixo un denominador común, o abuso duns poucos, dun sistema capitalista cobizoso sobre os recursos e sobre os seus propietarios naturais. 

En cumprimento da normativa de protección fronte ao virus COVID-19 e para garantir a seguridade dos visitantes, os responsables de infraestruturas da rede Acampa planificaron un circuíto de entrada e saída perfectamente delimitado para que o público poida manter a distancia de seguridade en todo o percorrido pola mostra. 

Ao longo da mesma, asaltarannos escenas da escravitude do século XXI fotografadas por Judith Prat nas minas de coltán da República Democrática do Congo. As apreciadas terras raras, vitais para a produción tecnolóxica de uso masivo nos países desenvolvidos, converteron o país nun escenario de guerra e morte. A súa riqueza, lonxe de reportar beneficios aos seus habitantes, decimou aldeas e sementou de asasinatos cruentos a súa xeografía e a súa memoria. Poderemos tamén sumarnos á viaxe ao abandono á que nos conduce Luis de Vega, no que fotografía o presente do pobo saharauí, esquilmado en todos os seus recursos (fosfatos, area, pesca, hidrocarburos…) por Rabat e esquecido por España, por Europa e pola ONU. 

Sen saír do continente africano, o fotoperiodista nixeriano Akintunde Akinleye convídanos a reflexionar sobre como asgrandes petroleiras estadounidenses extraen o ouro negro das súas terras ancestrais, no delta do Níxer, un negocio de millóns de dólares do que só se benefician sociedades estranxeiras e as elites locais. 

Os escenarios americanos de espolio levarannos a Arxentina, Brasil e Colombia. O fotoperiodista Pablo Ernesto Piovano préstanos a súa mirada sobre o dano xerado polo agronegocio nas comunidades arxentinas que habitan na contorna destas explotacións, documentando a enfermidade, o sufrimento e a morte que veu causando o uso do herbicida glifosato durante décadas. E Javier Corso enfrontaranos á dura realidade das explotacións mineiras de xade en Colombia, con imaxes da mina de Muzo, capital mundial da esmeralda. 

A realidade da Amazonía e o espolio en todo Brasil chega da man do fotógrafo documental Víctor Moriyama, da fotoperiodista Clara Belchior e dunha mostra colectiva organizada polo CIMI (Conselho Indigenista Missionário). Moriyama repasa o tráxico 2019 no pulmón do mundo. Os grupos que operan a talla e a minería ilegais, ou a produción de soia e a gandería intensivas, crecéronse desde que Bolsonaro está no poder. Os conflitos agrarios e as mortes de activistas ambientais e indíxenas hanse exacerbado. O pasado ano detectáronse máis de 80.000 puntos de incendio na Amazonía brasileira, provocando unha crise climática mundial. A chegada do virus COVID-19 supón, ademais, unha arma de guerra do poder económico contra as comunidades indíxenas defensoras do seu territorio, máis vulnerables que calquera outro colectivo. Clara Belchior e a mostra colectiva do CIMI, con fotografías de Guilherme Cavalli, Tiago Miotto e Christian Braga, enfróntannos á loita indíxena e mostran a dignidade e fortaleza desas comunidades mobilizándose en defensa da terra que habitan e que interpretan non como propiedade senón como legado. 

A exposición ten tamén espazo para espolios moi próximos. En Europa. En España. En Galicia, concretamente. Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio quere tamén reflexionar sobre a perversión do sistema capitalista que está a desbaratar o potencial industrial da comunidade galega nestes días. As plantas de Alcoa están tocadas de morte. E por causas do todo alleas á súa produtividade ou á calidade do seu produto. A loita dos seus traballadores estes últimos anos asoma nos xardíns da man das fotógrafas V. Casteleiro e Sandra García Rey. 

Destacar que esta exposición urbana poderá tamén visitarse, de maneira virtual, a través da web de Acampa www.redeacampa.org ou da plataforma www.peopleartfactory.com 

O día 26, encontro virtual sobre Espolio en Guatemala 

O programa desta cuarta edición de Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio tamén inclúe un encontro en liña organizado en colaboración coa OCV (Oficina de Cooperación e Voluntariado) da Universidade da Coruña e a ONG Ecos do Sur. A charla, que terá lugar o 26 de novembro ás 19.30 horas (hora de Galicia) e 12.30 horas (hora guatemalteca) contará coa participación do avogado e notario de Guatemala Juan Carlos Pelaez Villalobos e o responsable de Incidencia Política e Campañas na CONGDE e coordinador da campaña “Pobreza Cero” Pablo Martínez Osés. A charla estará moderada polo escritor e músico Xurxo Souto. A realidade de Guatemala, coas comunidades indíxenas perseguidas na súa defensa do territorio fronte ao espolio ten moito que ver co noso país. Non en balde, son varias as empresas “marca España” que han desecado os seus ríos coa construción de minicentrais hidroeléctricas, deixando a estes pobos sen hábitat e sen recursos de supervivencia. 

Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, rede nada na Coruña en 2016, con ramificacións en Madrid, Brasil e xestándose en Portugal, é un movemento sen fins de lucro; unha rede transversal da que forman parte máis de sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, oenegués e organizacións de defensa dos Dereitos Humanos, partidos políticos e organizacións sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país. O seu obxectivo é a reflexión e a acción colectiva. Só unha sociedade formada e informada ten conciencia crítica, aseguran os seus promotores. Cada encontro internacional organizado pola rede ten o mesmo fin, conformar unha voz colectiva contra o abuso e a favor da Paz e o Dereito a Refuxio.

lunes, 20 de enero de 2020

ACAMPA 2020 precisa persoas voluntarias


"A cotío recibimos informacións de acontecementos graves que nos impactan: guerras, fame, escravitude, paro, violencia, exclusión… e que provocan o éxodo de millóns de persoas. Seres humanos que foxen da dor, o sufrimento e a morte, buscando refuxio. Somos moitas as persoas que queremos actuar pero non sempre sabemos cómo. Con esa intención nace Acampa.

Actualmente Acampa desenvólvese nas cidades de A Coruña, Madrid, e Piracicaba (Brasil). Noutras cidades como Araras (Brasil) ou Lisboa (Portugal) están a dar os primeiros pasos para sumarse a esta Rede Internacional en defensa dos dereitos humanos.

Desde Acampa traballamos para crear un espazo unitario no que se loita contra a desinformación e creamos redes capaces de aproveitar toda a enerxía e capacidade transformadora de centos de persoas e organizacións.

Durante todo o ano organizamos diferentes actividades, pero o noso traballo mais recoñecido desemboca nun encontro que convoca á cidadanía e que se celebra desde 2017 en forma dun gran campo de persoas refuxiadas situado no centro de A Coruña, onde teñen lugar intensas charlas impartidas por expertos, activistas e protagonistas dos acontecementos, exposicións fotográficas, actividades lúdicas e educativas, debates, cinema e moitas outras accións de gran repercusión pública e mediática.

Para levar a cabo este evento fai falta traballo previo e buscamos xente motivada e comprometida que queira sumarse a este movemento internacional tan necesario para fortalecer a defensa dos dereitos humanos.

Os equipos que necesitan apoio son os seguintes:
-Loxística e xestión
-Coordinación do equipo de voluntariado
-Comunicación con entidades sociais
-Deseño Gráfico
-Secretaría
-Coordinación de actividades
-Captación de fondos

Necesitamos a túa axuda. Se cumpres con algún destes perfís ou tes outras habilidades que poidan encaixar en Acampa, escríbenos: voluntariado@redeacampa.org

Esperámosche!"