Mostrando entradas con la etiqueta nortecinemadiverso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta nortecinemadiverso. Mostrar todas las entradas

lunes, 26 de febrero de 2024

A programación do Norte Cinema Diverso potencia a pluralidade do colectivo: “Están representadas todas as orientacións e identidades"


Catorce curtametraxes e catro longametraxes proxectaranse entre o xoves e o sábado no Teatro Colón

A curtametraxe galega Habitar, da pontevedresa Anxos Fazáns, e a longametraxe portuguesa Lobo e Cão, da directora Cláudia Varejão, abrirán o 29 de febreiro, ás 21,00 horas, a segunda edición do festival de cine Norte Cinema Diverso da Coruña. O certame celebrarase no Teatro Colón entre o xoves e o sábado desta semana. “O ano pasado”, lembra Fernando Cayazzo, director do festival, “pechamos a primeira edición cunha película portuguesa. Este ano abrimos con Lobo e Cão, unha longametraxe do país irmán. Queremos que Norte Cinema Diverso sexa un festival que coide da lingua galega e que tamén se irmande coa lusofonía. Tamén haberá unha película brasileira”.

O venres haberá dobre sesión. A primeira empezará ás 19,00 horas coa curtametraxe Espejismos e seguirá co documental Homofobia de estado. Na sesión nocturna, a partir das 21,00 horas, incluiránse os pases de 17 minutos con Nora e a película brasileira Pedágio.

“Todas as orientacións ou identidades de xénero do colectivo LGTBIQ+ están representadas na programación. Este é o eixo principal do Norte Cinema Diverso”, asegura Fernando Cayazzo.

Durante os tres días proxectaranse catro longametraxes e catorce curtametraxes. Dez destas últimas protagonizarán a xornada de portas abertas que se celebrará o sábado pola mañá con entrada de balde. Entre os títulos, figuran dous dirixidos por cineastas coruñeses: O Coidado, de Miguel Canalejo, e Lique, de Anita Pico. Tamén de balde será o encontro con realizadores, actores e actrices do festival, que se celebrará o sábado ás 18,00 horas cun debate moderado polo xornalista de La Voz de Galicia, Alexandre Chouciño.

Para o resto das sesións, a entrada custa tres euros e pódese retirar ben na web do Colón, ben no despacho de billetes ás portas do teatro.

A película Te estoy amando locamente poñerálle o ramo ao festival tras o seu paso polos Premios Goya 2024. Será o sábado ás 21,30, xusto despois da exhibición da curtametraxe que están a realizar as persoas asistentes ao obradoiro Creando diversidade: introdución ao cine con móbil, impartido por Domingo D. Docampo nos días previos ao festival. Nesa sesión desvelarase o gañador do premio Marieta á mellor curtametraxe, patrocinado polas adegas Martín Codax e elaborado pola artesá, Elena Ferro. O festival Norte Cinema Diverso está organizado pola asociación Palestra, a cinemateca Pedro Zerolo e o concello da Coruña, coa colaboración da Universidade da Coruña, a Academia Galega do Audiovisual e as adegas Martín Codax.

lunes, 18 de diciembre de 2023

Norte Cinema Diverso amplíase a tres días e abre unha sección de curtametraxes en galego


 

O festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso, que empezou a súa andaina en 2023, xa ten datas para a segunda edición. Serán os días 29 de febreiro, 1 e 2 de marzo de 2024, polo que o certame amplía de dous a tres días a súa duración. Serán tres días, con cinco sesións e un novo encontro con algúns dos artistas e cineastas participantes.

NCD celebrarase un ano máis no teatro Colón e coa mesma idea da primeira edición. “En 2023 superamos as expectativas que tiñamos na organización”, asegura Fernando Cayazzo, codirector do festival.

“Nestes momentos, a asociación Palestra e a cinemateca da Fundación Pedro Zerolo estamos a pechar a programación de 2024. Queremos que cada ano Norte Cinema Diverso creza e sexa máis forte.”

A finalidade da mostra é amosar as diferentes realidades do colectivo LGTBIQ+. “Que mellor que facelo a través do cinema, unha ferramenta fundamental para a transformación da sociedade e un atallo que nos axude a chegar axiña á igualdade real das persoas do noso colectivo”, comenta Cayazzo.

Outra das novidades de 2024 será a sección de curtametraxes en idioma galego. “Todas aquelas obras gravadas en galego, e que non vaian máis aló dos trinta minutos, poden inscribirse antes do 12 de xaneiro. Para participar só é necesario enviar a obra a nortecinemadiverso@gmail.com ", explica Fernando Cayazzo.

Tamén en 2024 entregarase o premio Marieta á mellor curtametraxe, que o ano pasado recibiu Una dedicatoria a lo bestia, dirixida por Nucbeade, formado pola madrileña Quiela Nuc e a coruñesa Andrea Beade.