martes, 17 de diciembre de 2019

Tanxugueiras presenta este sábado 21 na Coruña o seu novo álbum, Contrapunto, un disco sen corsés que explora os lindes da música tradicional


O álbum está dispoñible dende o 22 de novembro nas plataformas dixitais.

O grupo ofrecerá un showcase en acústico e asinará discos a partir das 12.30 horas no espazo de El Corte Inglés no centro comercial Marineda.

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro plasman no seu segundo álbum a súa evolución musical para sorprender cun relato maduro, cheo de matices e renovador.

17 de decembro de 2019.- Tanxugueiras chega á cidade da Coruña o vindeiro sábado, 21 de decembro, para presentar en acústico o seu último traballo, titulado Contrapunto, e que se pode escoitar dende o 22 de novembro en todas as plataformas dixitais. O grupo regresa cun proxecto moi persoal e rebordante de enerxía no que explora os límites da música tradicional a través de dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. A presentación do disco ante o público coruñés terá lugar a partir das 12.30 horas no 2º andar de El Corte Inglés en Marineda City, nunha ocasión na que ofrecerán, nun formato próximo, un showcase que dará a oportunidade de ver unha mostra da evolución do seu sentir musical, que se enriquece con ritmos doutros estilos. 

As protagonistas en Contrapunto volven ser as voces e as pandeiretas e a proximidade á música de baile. Na intención de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro está amosar que a música tradicional galega pode avanzar, renovarse a cada paso e acadar novos escenarios: Contrapunto é, polo tanto, un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado; que contén un relato maduro, cheo de matices e renovador e no que as tres asumiron a súa definición artística e musical coa colaboración de Isaac Palacín. 

A maneira con que Tanxugueiras reinterpreta a música tradicional deixase notar nas letras cos dez temas que forman o álbum, editado por Calaverita Records e PlayPlan. Son palabras recollidas en diferentes puntos da xeografía galega e que combinan para construír un relato actual de diferentes sentimentos e situacións vitais, coas súas cara e a súa cruz. Así, o disco enténdese como un espello con cinco temas que transmiten sentimentos positivos que teñen o seu equivalente que fala sobre a cara amarga do mesmo. Desta volta, as letras tradicionais serven para cantar ao empoderamento da muller, unha temática que Tanxugueiras aborda en temas como Desposorio (o primeiro single do álbum), Irmandade e Maltraer, ou para afondar dun xeito cru na deslealdade e a traizón que se atopan en Perfidia. Son moitos os temas que Tanxugueiras toca no seu segundo disco, que ten cancións adicadas á liberdade política, a amizade, a vida e á liberdade de decisión que se complementan, na súa cara amarga, con letras como as de Autocracia, unha crítica á ditadura, ou as de Malquerenza sobre o desengano.