O Concello de Sada, a través da concelleria de Medio Ambiente, fai un chamamento a realizar un uso axeitado do servizo de recollida do lixo, a realizar o separativo e depositalo dentro dos colectores correspondentes nas horas axeitadas, máis neste tempo onde é imprescindible concienciarnos dunha maior limpeza polo que estas actitudes incívicas supoñen un perigo para todos os veciños e veciñas.
Non é a primeira vez que desde o Concello de Sada se lembra a prohibición de depositar lixo, entullo, mobles ou residuos voluminosos en lugares non autorizados, mais, debido ao incremento detectado de depósitos incontrolados e de actitudes de mal uso dos contedores de lixo o Concello reitera a petición da necesidade de adoptar dinámicas cívicas e respectuosas co medio ambiente. Lémbrase tamén o carácter sancionable deste tipo de comportamentos e a necesidade do compromiso e a colaboración cidadá á hora de loitar contra este tipo de actitudes.
O Concello de Sada, a través do Consorcio das Mariñas, dispón dun servizo de retirada de residuos voluminosos (mobles, electrodomésticos, colchóns, somieres, etc) totalmente de balde, previa chamada ao 981 795524.