O Goberno local leva días achegando material quirúrxico a varias entidades da cidade e xa traballa nunha próxima partida para os profesionais municipais e de sevizos esenciais
A Coruña, 2 de abril de 2020.- O concello repartiu no día de hoxe preto de 10.000 equipos de protección da Covid-19 entre os traballadores e traballadoras municipais e nas empresas concesionarias que están levando a cabo servizos esenciais. Nesta achega, o executivo local entregou o seguinte número de máscaras quirúrxicas a estas entidades:
- 1.500 máscaras para o colectivo de taxistas, incluíndo Radiotaxi e Teletaxi.
- 1.500 máscaras para os condutores e condutoras de autobuses da Compañía de Tranvías da Coruña.
- Máis de 200 para Emalcsa.
- 1.000 máscaras para a Concellería de Benestar Social, xunto a 50 máscaras de alta protección CPR, 50 traxes de buzo e 3.000 luvas.
- 1.000 máscaras para os profesionais municipais de Seguridade Cidadá (Policía Local, Bombeiros e Protección Civil), xunto a 30 traxes de buzo e 1.000 pares de luvas.
- Abastecemento de diverso material de EPIs para as concesionarias de tratamento e contenerización de lixo, así como máscaras para a concesionaria do servizo de limpeza e de recollida de lixo, xa que esta xa dota aos traballadores de lentes, botas, traxes de buzo e luvas.
Este reparto vén precedido da achega de material de protección ás traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), e das pantallas protectoras que confeccionou Protección Civil e tamén a empresa pública de augas Edar de Bens e que están empregando membros de todos os corpos de seguridade na cidade. Ademais, os e as profesionais do taxi, persoal de Benestar Social e do Dispositivo especial de voluntariado tamén recibiron unha pequena partida días atrás.
O Goberno local espera repartir unha nova partida na vindeira semana a pesar da dificultade de facerse con este equipos básicos co fin de seguir dotando tanto aos nosos profesionais como aos das empresas concesionarias de servizos esenciais deste material co que non se poden facer debido á situación de desabastecemento xeral. É por iso que o concello quere seguir abastecendo ao persoal, sempre priorizando a aquelas persoas que traballan no ámbito sanitario e nos Servizos Sociais.