O festival Castelo Conta celebrará unha nova edición do 24 ao 30 de agosto nas diferentes aldeas da parroquia de Castelo, en Culleredo, cunha programación que volverá combinar narración oral, comedia, música, tradición e gastronomía.
O evento arrancará co campamento infantil Xente Miúda, que ofrecerá obradoiros artísticos, actividades na natureza, construción de instrumentos con materiais reciclados, teatro e cinema de sombras. As sesións vermú na taberna de Casa Rodríguez reunirán a recoñecidos cociñeiros e actuacións musicais.
Polas tardes chegarán os Contos de Castelo, con homenaxes, regueifas, a estrea do documental Mulleres que Contan e propostas centradas na memoria oral. Pola noite haberá concertos de artistas como Xoel López, Antía Muíño, Ailá, Kid Mount, 9Louro e a Orquestra Bravú Xangai.
O festival culminará coa Gran Gala da Comedia Galega e en Galego, presentada por Touriñán, e pecharase coa tradicional Romaría de San Ramón, que incluirá polbada popular e música de La Ocaband. Como novidade, a taberna manterá unha programación cultural durante un mes máis tras o remate do festival.
Programación completa en casteloconta.gal

