jueves, 7 de mayo de 2020

O concello amplía a zona peonil entre Catro Camiños e Matogrande


Desde hoxe, a veciñanza contará nas súas saídas con máis espazo para pasear en Fernández Latorre e nas avenidas de Monelos, Pérez Ardá e Salvador de Madariaga 

A Coruña, 7 de maio de 2020.- O concello ampliará desde hoxe as zonas peonís no itinerario que vai desde Catro Camiños até Matogrande, para favorecer o tránsito das e dos coruñeses nas saídas permitidas dentro desta desescalada. En Fernández Latorre, desde Alcalde Marchesi até Ramón y Cajal, manterase un único carril de circulación en sentido Catro Camiños, para o que se desprazará a parada de taxis ao carril dereito. A dita parada quedará sinalizada cunha barreira Newyersys. Tamén se suprimirá o estacionamento fronte á farmacia Castro, que se reservará xunto ao carril dereito, co fin de lle facilitar o paso a pé á veciñanza. Neste punto, respectaranse a reserva do hotel e a praza para persoas con mobilidade   reducida. En Benito Blanco Rajoy, eliminaranse temporalmente as reservas de motos. 

Por outra banda, na avenida Pérez Ardá, actuarase na marxe de El Corte Inglés e manterase como mínimo un carril de circulación. No tramo onde está o centro comercial, habilitaranse beirarrúas unidireccionais para as peoas e peóns, usarase a medianeira vexetal como separación. Instalaranse carteis informativos coma os que xa hai na avenida da Habana, sen que estes invadan en ningún momento a calzada. 

No tramo do colexio San Francisco Javier, desprazarase o estacionamento ao carril dereito e suprimirase o carril bici. O espazo gañado para o tránsito peonil sinalarase mediante unha barreira Newyersy. En Joaquín Galiacho non se realizará ningún cambio, ao considerar que a beirarrúa existente ten o ancho suficiente e que, en caso de necesidade, poderíase suprimir o carril bici para ampliar a zona peonil.   Canto ao cruzamento coa avenida de Monelos, manterase o paso peonil e  habilitaranse beirarrúas unidireccionais para as persoas que se despracen a pé.  Tomarase a medianeira como barreira. 

Na avenida Salvador de Madariaga, actuarase na marxe esquerda en sentido  Matogrande e manteranse os dous carrís de circulación. Ademais, suprimirase o  carril bici case na súa totalidade e habilitaranse beirarrúas unidireccionais para as  peoas e peóns, que usarán a beirarrúa existente para se dirixiren á avenida  Monelos, e o carril bici para iren en sentido a Matogrande. Con esta medida, non hai  que retirar os elementos de balizamento do carril bus e aproveitarase para facer  unha separación nos cruzamentos coas prazas intermedias a través de barreiras  Newyersys, coa finalidade de definir eses puntos críticos.