Co obxectivo de que os peóns que transitan pola zona conten cunha ruta
segura, construirase unha senda peonil que contará cunha pasarela metálica
por riba das liñas de ferroviarias.
Dentro do proxecto tamén se inclúen dous novos pasos de peóns e a
modificación dun para facelo elevado.
A Coruña, 27 de xuño de 2020. A Deputación da Coruña mellorará a seguridade
peonil na DP 1702 na zona da estación de tren de Cambre. A actuación permitirá a
construción dunha senda peonil que contará cunha pasarela metálica sobre as vías
ferroviarias. O proxecto, cun investimento previsto de 286.069,10 euros foi aprobado
onte por unanimidade no pleno da institución provincial.
Actualmente o tramo da estrada provincial comprendido entre o punto quilométrico
0+910 e o 1+070 non conta con itinerario peonil que conecte as beirarrúas existentes
antes e despois da ruta, poñendo en risco a seguridade dos peóns que transcorren
pola zona.
Para dar solución a esta problemática e mellorar a seguridade, a Deputación
construirá unha senda peonil de 143 metros de lonxitude e 2 metros de ancho na
marxe esquerda do tramo, que é polo que máis transitan as persoas do lugar ao
haber máis vivendas nesa zona. A senda estará conformada por pavimento de
formigón e quedará enmarcada por dous bordillos, un na zona da calzada, que
contará cun alto de 28 centímetros, e outro na zona contraria.
Pasarela metálica, pasos de peóns e alumeado LED
Esta senda contará ademais cunha pasarela metálica de 12,27 metros de lonxitude
cunha anchura tamén de 2 metros, dando continuidade á senda sobre a estrada. A
estrutura desta será de aceiro patinable.
Dentro da iniciativa tamén se construirán dous novos pasos de peóns elevados, un ao
final do tramo e outro no acceso á marxe esquerda da vía. Modificarase tamén o paso
de peóns existente no comezo da ruta sinalada para convertelo nun paso elevado.
Reporase o firme da estrada, necesario para a construción dos pasos de peóns e os
cruces de servizos.
Á súa vez, repoñerase a sinalización horizontal e vertical afectada e pintaranse os
pasos de peóns da nova construción, así como se soterrarán as liñas de baixa tensión
e iluminación e unha liña de telecomunicacións. A iluminación proxectada na zona
será LED.
Este iniciativa mellorará deste xeito as condicións de circulación dos peóns na zona,
ofrecendo un camiño seguro, e terá un máximo de execución de 5 meses.