martes, 28 de septiembre de 2021

Afundación impulsa un programa de acción social no que a cultura anima á solidariedade


 

Grazas á colaboración subscrita con FESBAL, todas as persoas que participen nas actividades da Obra Social de ABANCA poderán depositar as súas doazóns nos contedores destinados a este fin

O programa «Cultura por Alimentos» traslada a idea de intercambio a todas as actividades culturais de Afundación, invitando a doar alimentos a cambio da participación da oferta cultural da entidade

28.09.2021. Afundación, a Obra Social de ABANCA, no marco do seu fomento de propostas de acción social, poñerá en marcha a partir deste mes de setembro e ao longo do próximo ano 2022, un ambicioso programa no que os eventos culturais desenvolvidos nos centros da entidade, e tamén naqueles espazos nos que se leven a cabo actividades de Afundación, animen á solidariedade. Mediante a colaboración cos Bancos de Alimentos locais, nas sedes da Obra Social de ABANCA habilitaranse, de modo gradual, contedores que servirán como puntos de recollida dos alimentos que os visitantes das iniciativas culturais de Afundación queiran doar. Así, «Cultura por alimentos», apela á participación da cidadanía e responde ao chamamento solidario dos Bancos de Alimentos e dará comezo o próximo 30 de setembro, co gallo da inauguración da mostra na Sede Afundación Vigo de «This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas». Ao acto de presentación de «Cultura por alimentos», que tivo lugar esta mañá ás 10.00 h na Sede Afundación A Coruña, asistiron Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación; e Gregorio Pérez, tesoureiro de FESBAL. Estiveron tamén Pedro Otero, director xerente de Afundación; M.ª Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación; e Concepción Rey Pedreira, presidenta do Banco de Alimentos Rías Altas.

O presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, describiu a motivación da entidade por poñer en marcha este programa, xa que «Afundación, como Obra Social de ABANCA e entidade socialmente responsable e comprometida co seu contorno, cuxa acción estratéxica se centra nas persoas, non pode deixar de facerse eco e actuar ante as devastadoras cifras do aumento da pobreza e reclama o compromiso de todos os beneficiarios das súas actividades e servizos culturais para a causa de destinar alimentos ás persoas máis vulnerables». Ademais, destaca que «é un programa notable que non só ofrece respostas ás situacións de fame e falta de alimentos en persoas vulnerables, senón que é un proxecto transversal que recolle, ademais, na súa misión e filosofía importantes liñas estratéxicas de Afundación como son: a acción social co obxectivo posto en persoas vulnerables; a cultura como motor do crecemento das persoas; o voluntariado, porque serán voluntarias e voluntarios quen xestionen a organización e envío dos alimentos a FESBAL en contedores; e a educación en valores, pois promove a solidariedade entre as persoas e sensibiliza á poboación na fraternidade entre iguais».

Pola súa parte, Gregorio Pérez, tesoureiro de FESBAL resaltou que «desde a federación agradecemos a Afundación a posta en marcha dun proxecto que é, sen dúbida, un aliciente para que os bancos de alimentos galegos sigan atendendo os máis de 65 000 beneficiarios anuais, dos que 12 000 son nenos. A solidariedade deste pobo é ben loable, xa que, as diferentes campañas que impulsamos no panorama nacional, foron excepcionalmente ben acollidas en Galicia. O certo é que nos diriximos a un segmento de poboación crítico, os maiores de 50 anos expulsados do mercado laboral e toda axuda é fundamental. Este programa para min ten tres campos moi interesantes: apoiar os colectivos máis vulnerables no escenario actual, que é imprevisible; propiciar a solidariedade e sensibilizar os usuarios; e intentar a formación da xente nova, crear inquietude. Este valor holístico é esencial nun programa coma este».

Esta iniciativa de contribuír cun alimento con motivo da participación nos eventos gratuítos de Afundación, estenderase, tamén, a outras actividades con entrada, nas que o pago será unha equivalencia en forma de alimentos. Así, na Coruña coa serie de concertos de «Butaca de jazz», a entrada será a doazón do equivalente do prezo do pase en comida non perecedoira. Nesta ocasión, e para seguir garantindo o cumprimento da capacidade establecida, poderán realizar as reservas a través de Ataquilla.com. De maneira gradual, iranse sumando todos os centros e sedes de Afundación, desde os de carácter sociocultural, ata os educativos e lúdico-formativos, desde IESIDE, ata as bibliotecas e espazos +60.

Este programa complementarase cunha serie de accións de visibilización para favorecer a interacción do público e conseguir, deste modo, un impacto solidario de envergadura coa cultura como pano de fondo. De feito, os recipientes destinados para a recolección das doazóns son as propias caixas de madeira nas que se transportan as obras de arte, habilitadas para a ocasión.

As efemérides destacadas, como as conmemoracións do libro, o medio ambiente ou a infancia, contarán tamén con propostas de intercambio específicos. Así, máis de mil exemplares das obras publicadas por Afundación poderán ser adquiridos a cambio da doazón de alimentos. De igual maneira, Naturnova realizará actividades concretas baixo estas mesmas premisas.