martes, 25 de abril de 2023

Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta, Premios EMHU 2023

Fotografía: © Leo López

Os galardóns entregaranse o domingo 7 de maio no marco da gala Fantastic Colofon, que contará coa participación de Luis Piedrahita, Carolina Iglesias e Pantomima Full

A Coruña, 25 de abril de 2023.- O Encontro Mundial de Humorismo anuncia o palmarés da súa terceira edición, que se celebrará na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta recibirán os Premios EMHU 2023, cuxos galardóns se entregarán na gala de peche Fantastic Colofon. O espectáculo, que será o ramo do evento e contará coa participación de Luis Piedrahita, Carolina Iglesias e Pantomima Full, terá lugar o domingo 7 a partir das 20.30 no Teatro Colón. As entradas para a cita están esgotadas desde hai semanas.

Leo Harlem recibirá o Premio EMHU Wenceslao Fernández Flórez, un galardón honorífico que recoñece a unha figura española cuxa traxectoria, talento e tesón supoñan unha achega significativa na forma de facer comedia. “Con máis de 20 anos de carreira, Leo é un dos iconos máis recoñecibles do xénero do monólogo a nivel nacional, sendo exempelo do humor amable”, sinala o director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, quen destaca “a alegría infatigable” do cómico “e a súa maneira divertidísima de estar sempre enfadado”:

Pola súa banda, o Premio EMHU Fenómeno, que se outorga ao fenómeno humorístico revelación do ano, recaerá neste 2023 en Laura Caballero, creadora, directora e guionista dalgunhas das comedias máis exitosas dos últimos tempos en España. Nos últimos meses, Caballero e a súa produtora, Contubernio Films, estrearon a serie Machos Alfa e as novas tempadas de La que se avecina e El pueblo. Tal e como afirma Luis Piedrahita, o EMHU recoñece “o seu traballo inxente, o seu olfato para a comedia e a súa capacidade para reinventar o humor capítulo a capítulo, tempada tras tempada e ano tras ano”.

O humorista gráfico coruñés Siro López, “unha columna na que o EMHU apoiouse desde a primeira edición, gozando e aproveitando o seu coñecemento, cariño e humor”, asevera Piedrahita, será o galardoado do Premio EMHU Fugas que se outorga a unha figura galega de proxección global, e que no 2022 recibiu Cristina Castaño. Finalmente, o Premio EMHU Álvaro Cunqueiro a unha figura internacional da comedia recoñecerá ao mexicano Carlos Ballarta, que o director artístico do EMHU define “como un dos cómicos latinoamericanos máis orixinais, modernos e inspiradores”, e do que destaca “o seu compromiso coa comedia e co humor de altura demostrado nos seus espectáculos Falso profeta, Furla Ñera ou Rebelde Comodino”.

EMHU 2023

A terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. O evento, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e El Espectador (Madrid), e que conta co apoio do Concello da Coruña, Xunta de Galicia e Estrella Galicia, reunirá durante dez días na cidade herculina os espectáculos a as figuras máis destacadas da comedia a nivel estatal. Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dani Rovira, David Amor, Eva Hache, Eva Soriano, Leo Harlem, Ignatius Farray, Javier Cansado, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Marta Hazas, Pantomima Full, Sílvia Abril, Victoria Martín e Xosé A. Touriñán estarán presentes na cita, que tamén contará coa participación de Buenismo Show (Henar Álvarez, Manuel Burque e Quique Peinado), Estirando el chicle (que se gravará desde o Castelo de Santo Antón) ou La Ruina (con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes). Ademais, figuras galegas das comedia estrearán espectáculo: é o caso de Carmen Méndez, Ledicia Sola, Marta Doviro e Oswaldo Digón, que presentarán As R(h)umorosas e Ansia viva, respectivamente; o arxentino Juan Barraza estreará en España Garabato controlado e ‘influencers’ como Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño regresarán ao Teatro Colón coa súa proposta Sin datos no hay paraíso.

As últimas entradas dispoñibles para a programación de espectáculos pódense conseguir en www.emhu.es. Ademais, EMHU contará con actividades gratuítas e de acceso libre até completar aforo, como a exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (desde o 28 de abril na Casa Museo Picasso), a charla Picasso e a caricatura (venres 28, 19;00 horas, na Casa Museo Picasso) ou a función da Escuela de Impro A Coruña (sábado 29, 12:30 horas, na sede de Afundación).