martes, 4 de abril de 2023

O Concello organiza o festival Istmo, un evento de arte urbana con muralistas de todo o mundo e concertos de balde en Santa Margarida


 

As persoas participantes crearán seis murais de gran formato en espazos da cidade do 13 ao 23 de abril

Bejo, Boyanka Kostova e Fillas de Cassandra actuarán no auditorio do parque o sábado 22 de abril

A Coruña, 4 de abril de 2023.- O Concello da Coruña organiza o festival Istmo, un evento de arte urbana que contará con seis prestixiosos muralistas chegados de diferentes lugares do mundo. A primeira edición deste proxecto achegará varias intervencións muralísticas en diferentes espazos da cidade, co obxectivo de poñer en valor este tipo de arte como un elemento de atracción turística e un exemplo de rexeneración e dinamización urbana.

Estas distintas accións levaranse a cabo do 13 ao 23 de abril, por unha selección de artistas do máis destacado do panorama internacional, nacional e galego. A dita selección está formada por: Miguel Peralta (Andalucía), Sekone (Galicia), Peeta (Italia), Alba Fabre (Cataluña), Mr. Sortwo (Euskadi) e Iria Fafián (Galicia). Os espazos escollidos para a creación dos diferentes murais serán: a praza das Conchiñas, CEIP María Barbeito, CEIP Alborada, Escola Municipal de Música, Piscina Municipal de Riazor e CEIP Rosalía de Castro.

O evento pretende servir como motor rehabilitador, cultural, social e económico para a cidade, mediante a rexeneración urbana, potenciando tamén un novo tipo de turismo diferenciado e especializado en arte na rúa e que servirá para complementar a oferta cultural e de ocio da cidade.

O evento complétase cunha xornada musical no parque de Santa Margarida, unha xornada gratuíta na que se reúne unha mostra da música urbana máis actual coa fusión tradicional e electrónica de Fillas de Cassandra, o trap sen complexos de Boyanka Kostova ou un dos máis destacados artistas do hip hop nacional como é Bejo. Todo isto acompañado dunha exhibición de pintura ao vivo de dous artistas destacados do panorama galego como son Nove Noel ou Yoe33.