O prezo das entradas oscila entre os 32 e os 26 euros, con descontos do
20% para persoas con Carné Xove, familias numerosas, maiores de 65 ou
en situación de desemprego
A Coruña, 18 de decembro de 2023.- O Concello puxo á venda as entradas para o concerto
da banda de rock Swans, que actuará este próximo mes de febreiro no Teatro Colón. O
recinto suma así unha nova cita internacional á súa programación e avanza no obxectivo do
Goberno de Inés Rey de consolidar A Coruña como cidade de referencia na programación
de grandes xiras.
A banda Swans, de orixe estadounidense, formouna no 1982 o cantante, compositor e
multinstrumentista Michael Gira. Nace no marco do movemento ‘No wave’ de Nova York e
constitúe unha das únicas representacións do dito movemento en activo. Logo da
publicación do seu último disco ‘The Beggar’ (2023), Swans arrinca unha xira europea na
que A Coruña será a única parada en Galicia. Ademais, a cidade herculina será tamén unha
das únicas tres oportunidades de velos en España na que se suma o Colón ás salas en
Madrid e Barcelona.
O concerto terá lugar o 19 de febreiro e as entradas xa se poden mercar na web oficial do
grupo, en ataquilla.com ou no despacho de billetes da praza de Ourense de luns a venres
das 11.00 ás 15.00 h e das 16.30 ás 19.30 h. O prezo das entradas oscila entre os 32 e os
26 euros, con descontos do 20% para persoas con Carné Xove, familias numerosas,
maiores de 65 ou en situación de desemprego.