[Imaxe da sesión vermú en 2024]
Esteiro [Muros] volverá encherse esta fin de semana, do 17 ao 19 de xullo, coa celebración dunha nova edición do Festival das Carrilanas, tres días de música cun cartel formado integramente por artistas galegos e entrada libre ata completar un aforo de máis de 6.000 persoas.
Nun recinto situado co mar como pano de fondo e a poucos metros dunha marabilla de praia, actuarán Baiuca, The Rapants, Treixadura, De Ninghures, Familia Caamagno, 9Louro, Alddara ou Xián Pais, entre outros, repartidos en tres escenarios con concertos nocturnos, sesión vermú, DJs e animación de rúa. O festival mantén a súa aposta pola cultura do país, con 14 propostas musicais, todas elas galegas e maioritariamente en lingua galega, ademais de ofrecer tres zonas de acampada gratuítas.
Segundo informan na súa páxina web, os concertos nocturnos no escenario Águila comezarán ás 21h00. E os concertos da sesión vermú no escenario Vegalsa-Eroski comezarán ás 13h30.
A edición deste ano terá un significado especial. Despois do parón do pasado verán, o Festival das Carrilanas regresa para devolverlle a Esteiro unha das fins de semana máis esperadas do ano. Tras dous anos de espera, a música soará de novo xunto ao mar e milleiros de persoas compartirán unha cita na que se mesturan bo ambiente, concertos e tradición.
A programación culminará o domingo 19 co tradicional Gran Premio de Carrilanas, unha competición de vehículos de madeira impulsados unicamente pola forza da gravidade que recupera un dos xogos populares máis emblemáticos de Galicia. A proba rematará coa entrega de premios ás mellores carrilanas e ás distintas categorías.

