- O obxectivo desta acción, promovida pola Fundación Andrea, é achegar unhas horas de maxia e ilusión aos nenos e nenas ingresados en centros das sete cidades galegas
- Dirixida especialmente ao público infantil, esta coprodución internacional
coa Arxentina, apoiada pola TVG, retoma o personaxe
da famosa canción popularizada por Los Payasos de la Tele
Santiago, 10.01.2019.- Nenos/as ingresados en centros hospitalarios das sete cidades galegas gozarán a partir do vindeiro luns das aventuras de ‘A Galiña Turuleca’, unha das películas apoiadas pola CRTVG en 2018, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. Dirixido especialmente ao público infantil, o filme, unha coprodución internacional coa Arxentina, retoma o personaxe da famosa canción popularizada por Los Payasos de la Tele e acaba de chegar ás pantallas de cine de toda España.
Grazas ao apoio da Xunta de Galicia e Filmax, que secundaron a iniciativa da Fundación Andrea de levar aos hospitais galegos a maxia das aventuras de ‘A Galiña Turuleca’, nas vindeiras semanas todos os nenos e nenas ingresados nestes centros poderán gozar, na súa versión en galego, dunhas horas cheas de maxia, agasallos e ilusión.
Tere Santamaría e Luís Iglesia póñenlle voz á galiña Turuleca e ao malvado Armando Tramas na versión en galego deste filme de animación, unha aventura chea de humor, cunha mensaxe de superación para nenos e pais. ‘A Galiña Turuleca’ conta a historia de como un ser diferente atopa o seu lugar no mundo e, a partir do seu talento persoal e único, consegue vencer os seus medos para comezar unha aventura que lle permite reencontrarse cos seres que ama.
A película tivo a súa preestrea mundial no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián o 21 de setembro. A Premiére solidaria en España realizouse o pasado 19 de decembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, nunha sesión especial ofrecida a máis dun milleiro de cativos e cativas de toda Galicia, previa á súa estrea en cinemas o 1 de xaneiro.
O obxectivo desta acción é poder achegar a maxia do cinema e irromper na rutina dos nenos e nenas hospitalizados cunhas horas de ilusión e entretemento en que, xunto aos seus pais, poidan gozar en familia desta preciosa experiencia. Ao final da proxección faráselles entrega dalgúns obxectos de merchandising realizados expresamente para a ocasión e tamén poderán facerse fotos coas figuras a tamaño real dos personaxes da película.
‘A Galiña Turuleca’ poderá verse o 13 de xaneiro no Hospital Provincial de Pontevedra (16.00 h); o día 14, no Hospital Clínico de Santiago (17.30 h); o 15 de xaneiro, no Arquitecto Marcide de Ferrol (11.30 h); o 16, no Hospital Lucus Augusti de Lugo (16.30 h); o venres 17, no Hospital Universitario de Ourense (11.00 h); o 20 de xaneiro, no Álvaro Cunqueiro de Vigo (18.00 h), e o día 21, no Materno Infantil da Coruña (12.00 h).