O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, presentou no barrio de
Labañou o proxecto que se licitará a finais de 2020
A actuación permitirá mellorar o aspecto urbano desta zona e dará
prioridade aos espazos peonís
A Coruña, 25 de xaneiro de 2020.- O concello prevé levar a cabo a reurbanización do
espazo público do grupo de vivendas de María Pita, en Labañou, co obxectivo de mellorar a
calidade urbana do barrio e de garantir a acesibilidade en todas as súas rúas. Este
proxecto responde ao compromiso do Goberno local cos barrios e cos grupos de vivendas
sociais, un compromiso que estivo presente sempre nas políticas urbanísticas dos gobernos
socialistas. De feito, o primeiro ARI na Sagrada Familia leva a súa firma.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuniuse cos veciños o pasado día 22
para presentarlles o anteproxecto, redactado polo estudio de arquitectura RVR, e
explicarlles que a intervención servirá para incrementar a seguridade e accesibilidade na
zona, ademais de mellorar o espazo público. Á reunión acudiu parte do equipo redactor, a
directora da área de Urbanismo e o xefe do Servizo de Rehabilitación e Vivenda, xa que os
traballos de mellora do espazo público do barrio están vinculadas á Área de Rehabilitación
Integral (ARI) delimitada no grupo María Pita e realizaranse en varias fases en base á
dispoñibilidade orzamentaria. A primeira fase licitarase a finais de ano.
O plan, explican desde a concellería, suporá unha mellora notable da calidade urbana da
zona, apostando por rúas en plataforma única de preferencia peonil, maior número de
árbores e zonas verdes e dúas zonas de xogos infantís.
Ademais proxéctanse dúas
pérgolas, unha na parada do bus e outra no apartado infantil. O concelleiro explicou que o proxecto obrigará a realizar algunhas modificacións como a
recolocación das prazas de aparcamento. A intención é manter o número existente, pero
levándoas ás rúas perimetrais. Deste xeito, os espazos interiores serán zonas de estancia e
de xogo.
Unha das prioridades do Goberno local, compartida pola veciñanza, é a de garantir a
accesibilidade total das rúas e espazos públicos do barrio. Para iso, está previsto a
instalación de ramplas que comuniquen as diferentes plataformas en que se organizan os
bloques de vivendas e o cambio de rasantes dalgunhas das rúas. Ademais, aínda que non é
obxecto do anteproxecto, prevíronse no espazo público as ocupacións que suporía a
instalación de ascensores nos diferentes bloques, estudando caso a caso e achegando
diferentes solucións construtivas e de ocupación. A instalación destes elevadores correría a
cargo de cada comunidade de propietarios, existindo subvencións vinculadas á Área de
Rehabilitación Integral de ata o 80%.