A alcaldesa destacou o carácter innovador dun programa que prioriza a
dimensión social e inclusiva das iniciativas seleccionadas
A Coruña, 10 de xaneiro de 2020.- María Pita acolleu esta mañá o acto da sinatura dos
convenios coas entidades deportivas seleccionadas na VI convocatoria de “Deporte
Solidario e Inclusivo”, impulsada pola Fundación Emalcsa. O obxectivo do programa é
fomentar o deporte base como instrumento de intervención social para a integración de
colectivos en risco ou en situación de exclusión social. En total, destinaranse 250.000 euros
a 26 entidades que empregan un total de 354 traballadoras/es e mobilizan a 484
voluntarias/os. Estas entidades suman un total de 16.712 persoas socias e 3.406 licenzas
de deporte federado das que o 35% son femininas.
O acto contou coa presenza da alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey, da
súa vicepresidenta, Yoya Neira, do concelleiro de Deportes Juan Ignacio Borrego, e o
director do departamento de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis, Antonio Cortés,
así como das persoas representantes das 26 entidades deportivas seleccionadas.
A rexedora destacou o carácter innovador desta sexta convocatoria ao impulsar o deporte
como instrumento de intervención social, “estamos convencidos de que o deporte solidario e
inclusivo vai constituír un vector de transformación da cidade, das entidades deportivas e da
acción social”. Neste senso, Inés Rey subliñou que as e os principais destinatarias/os
destas axudas son as cativas e os cativos e adolescentes.
Nesta convocatoria priorizouse a dimensión social e inclusiva das iniciativas. Un 75% do
financiamento destínase ao proxecto social e o outro 25% á actividade deportiva de base.
Os proxectos e entidades beneficiarios supoñen unha ampla representación da diversidade
de deportes que se practican na cidade: tenis, pádel, baloncesto, patinaxe, escalada, fútbol e fútbol sala, esgrima, piragüismo, tenis, tenis de mesa, natación, rugby, hípica, wáterpolo,
tríatlon, péntatlon moderno, halterofilia, tiro con arco e rugby.
Inés Rey encomiou o labor desenvolto desde a fundación ao “abrir novas liñas de
intervención e abordar problemas vellos desde perspectivas novas” e felicitou as entidades
deportivas pola calidade dos proxectos presentados, de maneira especial “pola
sensibilidade que amosastes nas vosas propostas”, que abarcan distintos ámbitos de
actuación co obxectivo de favorecer a práctica deportiva para persoas en situación de risco
social.
As 26 entidades que formalizaron coa súa firma o convenio presentaron proxectos que
beneficiarán a preto de 14.300 persoas. Unha cifra, dixo, que inclúe, 600 prazas para gozar
de maneira gratuíta de diversas actividades deportivas destinadas a nenas e nenos que
foron derivadas por profesionais de Servizos Sociais.
Para o desenvolvemento dos proxectos seleccionados, as entidades deportivas contarán
coa colaboración de entidades sociais especializadas na atención dos distintos colectivos
beneficiarios dos proxectos da convocatoria, como son: Down Coruña, Aspronaga,
Fundación Ingada, Aspace Coruña, ONG Ecos do Sur e Fundación Camiña Social, entre
outras.
Con esta son seis as convocatorias promovidas pola Fundación Emalcsa cun total de 1,5
millóns de euros de investimento total. O programa conta desde o seu inicio coa
colaboración de Gadis para o seu impulso e desenvolvemento. O representante de Gadis,
Antonio Cortés, agradeceu durante o acto o labor social desenvolto polo Concello no ámbito
do deporte inclusivo e puxo en valor as máis de 1.000 colaboracións da empresa no mundo
do deporte.
As entidades seleccionadas son:
- Club Escuela Tenis Marineda
- Agrupación Montañeros Independientes
- Club Torre S.D.
- Club Zalaeta100Tolos
- Club Halterofilia Coruña
- Club Básquet Coruña
- Club del Mar San Amaro
- Sporting Club Casino de La Coruña
- Athletic Coruña Hockey Club
- Unión Vecinal Ventorrillo
- Club Hércules Termaria
- Club Ximnasia Rítmica María Barbeito
- Club Natación Coruña
- Club Maristas
- Club Viaxes Amarelle
- Galicia Rollers
- Club Marítimo Oza (O Puntal)
- Real Club Náutico de La Coruña
- S. D. As Xubias
- Asociación Coruñesa Waterpolo
- A.C.D. Salvador de Madariaga
- Club Eirís S.D.
- Victoria C.F.