O concelleiro Juan Manuel Díaz Villoslada anunciou a intención de reducir a
velocidade na circulación en todo o conxunto da cidade e afirmou que traballarán
por humanizala cunha rolda peonil desde San Diego ata o Agra
O edil presentou xunto co director da Compañía de Tranvías de La Coruña,
Ignacio Prada, os resultados das persoas usuarias dos autobús urbano, que se
incrementaron nun 5,08% con respecto ás rexistradas en 2018
Villoslada confirmou que xa tramitaron o expediente para que a Xunta aprobe a
extensión do percorrido urbano dos buses ata Santa Cristina
A Coruña, 22 de xaneiro de 2020.- O concelleiro Juan Manuel Díaz Villoslada
anunciou esta mañá que na próxima mesa de mobilidade programada para o día 29
aprobarán a declaración da Coruña como “cidade 30”, nesa intención de aumentar a
presenza peonil e seguindo a estela doutras para que teña unha limitación de
velocidade na circulación a 30 kilómetros por hora, que nas rúas con plataformas
únicas se reducirá a 20 e incluso a 10 kilómetros por hora. A medida terá validez en
todo o conxunto urbano agás nesas partes do viario que teñan que manterse por ser
de dobre carril. O edil informou que A Coruña se incorporará á Rede de Cidades
que Camiñan, xa que segundo datos como os que revela a Organización Mundial da
Saúde, a redución da velocidade baixa tamén a siniestralidade e as emisións de
CO2.
Por outra parte, na mesa do 29, presentarán un borrador para regular
provisionalmente como teñen que circular os Vehículos de Mobilidade Persoal
(VMP), “os patinetes, pero tamén outros”, tendo en conta a instrución técnica
anunciada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) a finais de 2019, e que “esperamos
que sexa aprobada rápido porque queremos levar adiante unha nova ordenanza xeral de mobilidade na cidade”. En todo este proceso, Villoslada engadiu que
seguirán humanizando e peonalizando os eidos comerciais e outros puntos que
necesitan unha mellor calidade urbana do seu espazo público e que proxectan xa
algúns tramos de cara a conseguir que a rolda peonil sexa unha realidade, “cosendo
sendas para transitar a pé desde San Diego ata o Agra”. En concreto, manifestou
que algunhas rúas que xa o son como A Gaiteira, pero “estamos preparando Alcalde
Marchesi, xa comezamos as obras de Puga y Parga e temos prevista inicialas en
Mariscal Pardo de Cela”.
Esa rolda peonil sumarase a outras actuacións como “converter Santo André nun
auténtico bulevar, estender o modelo da Mariña á praza de Mina, e traballar moito
máis a humanización do entorno da praza de Lugo e Catro Camiños, cuestións que
esixen unha definición técnica que estamos desenvolvendo co fin de acadar
melloras na mobilidade sostible, no medio ambiente e na saúde pública”. Neste
aspecto, Villoslada asegurou que están traballando a partir de documentos
elaborados polos executores do anterior Plan de Mobilidade Urbana Sostible, e que
nese contrastar de datos, están tamén colaborando de forma intensa os grupos de
investigación da Universidade, porque “queremos presentar propostas para realizar
plataformas reservadas ao transporte público, que dean cabida ao bus, taxi,
bicicletas e VMP”, e que despois se desenvolverán tecnicamente. Analizaranse e
validaranse”.
Nese punto, o concelleiro afirmou que non recuperarán o formato anterior de carril
bici con aletas de tiburón, senón que acudirán a outras propostas. Na actualidade,
estudan as posibilidades para incorporar estas plataformas en rolda de Outeiro e na
conexión entre Juan Flórez con Santo André, que responde a un proceso distinto de
bulevarización, ademais de analizaren o impacto de bus que se produce en praza
de Ourense. Canto a redución de prazas de aparcamento, Villoslada sinalou que
apostarán por aumentar as de residentes a costa da zona azul, para o que “estamos
buscando outras opcións”.
RESULTADOS 2019 DO USO DO AUTOBÚS URBANO
O concelleiro e mais o director da Compañía de Tranvías de La Coruña, Ignacio
Prada, presentaron esta mañá as estatísticas de persoas usuarias do autobús
urbano en 2019, que chegaron ás 23.003.516, un 5,08% máis que no ano anterior,
en que utilizaron este medio un total de 1.112.726 persoas. O responsable da
empresa concesionaria explicou que os usos foron semellantes aos últimos
resultados e que a cidade evolucionou en paralelo á media española segundo datos
do INE, salvo unha pequena variación no Entroido e a partir do verán, cando o uso
medrou un punto por riba do cómputo xeral do estado “algo que achacamos ao
billete gratuíto para menores de 13 anos ao coincidir co período vacacional”. Tras el,
notouse en setembro un lixeiro trasvase de viaxeiros e viaxeiras que deixaron de
utilizar o transporte privado e os autocares escolares para se desprazaren no
servizo público. En total, foron 636.325 os traxectos gratuítos que se realizaron, o
que supón un 57% do incremento total. A veciñanza que pagou a tarifa normal xunto
coas persoas usuarias da tarxeta Millennium aumentaron un 2,58%, sendo a liña 14
a máis solicitada como vén sendo habitual, seguida da 6, a 11 e a 24. Tamén se
rexistrou un crecemento da liña 1A pola extensión este pasado verán do seu
percorrido ata Santa Cristina.
CONEXIÓN METROPOLITANA
En todo caso, Villoslada falou dunha maior concienciación e “da necesidade cidadá
dunha mellora progresiva do servizo de transporte do noso bus”, polo que tramitaron
xa o expediente coa Xunta para que se autorice o paso de autobuses urbanos por
municipios limítrofes e están traballando xunto co concello de Oleiros para que esa
extensión a Santa Cristina sexa definitiva.
Dentro deses avances, está a nova app para poder pagar no bus sen necesidade
dunha tarxeta e para a que realizarán desde o concello unha convocatoria aberta a
través do portal web municipal en que 200 persoas voluntarias a probarán: “Creo que será un cambio importante desde o punto de vista da operatividade do sistema,
xa que non precisará o pagamento de ningunha taxa”. Desde Mobilidade, están
ultimando conxuntamente co Citic da Universidade os traballos para adaptaren a
app aos distintos perfís da novidade que valerá para o bus urbano e Bici Coruña en
nun futuro, para outros servizos: “Neste momento, hai activas preto de 160.000
tarxetas Millennium, pero cremos que o cambio coa aplicación será substancial”.
Estas melloras iranse incorporando ao proxecto que se enmarca dentro da
Estratexia EidusCoruña, que está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do eixo de desenvolvemento
urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 e co
que se dispoñerá de paradas intelixentes nos principais nodos da cidade.