Prestixiosos arquitectos coma Miguel Ángel Baldellou, César Portela e
Javier Harguindey lembraron a figura de Andrés Fernández-Albalat
A Coruña, 3 de marzo de 2020. A Escola de Arquitectura da Universidade da
Coruña (UDC) acolle dende hoxe unha exposición baseada no Libro "A Cidade
das Rías", editado pola Deputación en 2018 con motivo do 50 aniversario do
proxecto máis ambicioso e vangardista de planificación conxunta do territorio
enmarcado entre as cidades da Coruña e Ferrol.
A exposición compila parte dos documentos orixinais e inéditos recollidos no
libro, froito dun longo proceso de investigación, no que tamén hai lugar para a
reflexión e análise realizados desde a perspectiva actual por expertos en temas
como urbanismo, socioloxía ou arquitectura.
Homenaxe a Fernández-Albalat
A exposición enmáracase na homenaxe ao autor do proxecto, Andrés
Fernández-Albalat, que hoxe tivo lugar na ETSAC da UDC e na que
prestixiosos arquitectos coma Miguel Ángel Baldellou, César Portela e Javier
Harguindey lembraron a súa figura e as súas importantes aportacións ao
mundo da arquitectura.
A Cidade das Rías constitúe, ademais dun proxecto vangardista e evocador, a
primeira e máis ambiciosa proposta para planificar conxuntamente o territorio
comprendido entre as cidades da Coruña e Ferrol. A organización urbanística
do Golfo Ártabro foi un tema recorrente que, desde o proxecto iniciado por
Andrés Fernández-Albalat Lois, que suscitou numerosos debates, críticas e
reflexións, como mostra a gran cantidade de artigos de prensa e revistas
especializadas que ao longo dos anos trataron esta cuestión.