Lugar: Sala de Exposicións da Casa da Cultura Salvador de Madariaga, do 4 ao 8
de marzo. Apertura ao público o mércores 4, as 12 horas.
Organiza: Concello da Coruña.
Horario: de 12 a 14 e de 18 a 21 horas.
O 31 de xaneiro cumpríronse douscentos anos do nacemento da escritora e penalista
Concepción Arenal.
De tendencias humanitarias e feministas, exaltou o concepto de asistencia social na súa
obra La beneficencia, filantropía y caridad (1861), interesouse polos problemas penais
en Cartas a los delincuentes (1865), sociais en El pauperismo (1867), feministas en La
mujer del porvenir (1869) e xurídicos en Ensayo histórico sobre el derecho de las
gentes (1879), entre outros moitos traballos. A súa obra literaria comprende Cuadros de
la guerra (1880) de intención pacifista, a novela Historia de un corazón e unhas
Fábulas orixinais en verso.
Nomeada Visitadora xeral de prisións de mulleres chegou a esta cidade en 1863 e, aínda
que residiu pouco tempo nela, viviu nas rúas Herrerías e Real.
Concepción Arenal foi a primeira muller en España en asistir á Universidade, na Central
de Madrid, a mediados dos anos 40 do século XIX, vestida de home e, pese a que nunca
lle deron o título, abriu un camiño que tivo que agardar ata o 8 de marzo de 1910, cando
se lles permitiu ás mulleres matriculárense libremente en estudos superiores nas
universidades españolas. Coincidindo co 8 de marzo, o Concello da Coruña organiza
esta mostra que lembra o seu inxente traballo en diferentes campos e o seu labor en
defensa dos dereitos e da igualdade entre mulleres e homes.
A mostra está formada por documentos e publicacións procedentes do Arquivo
municipal e da Biblioteca de Estudos Locais, organizada en catro vitrinas onde se poden
ver: obxectos pertencentes a Concepción Arenal, coma un documento do seu puño e
letra e o vaciado da súa man en xeso; os recoñecementos e as homenaxes que lle fixo
esta cidade, coma poñerlle nome a unha rúa, a un colexio ou dedicarlle un monumento
nos xardíns de Méndez Núñez; diferentes edicións dos seus traballos e os estudos de
distintas épocas sobre a súa vida e obra.