O concello adianta un protocolo de transición sobre o uso dos areais no inicio da
Fase 2 mentres non se publiquen as normas definitivas da Administración central e
autonómica
A Coruña, 21 de maio de 2020.- A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán,
mantivo esta mañá unha reunión co persoal técnico municipal desta concellería e co
director da Área de Seguridade Cidadá do Concello, Carlos García Touriñán, para
establecer un protocolo de transición sobre o uso das praias na Coruña co comezo
da Fase 2. Estas medidas, que se implementarán desde o 25 de maio ata o 15 de
xuño, serán provisionais, mentres non se publique un protocolo definitivo coas
instrucións do Ministerio de Sanidade e da Consellería de Sanidade.
O obxectivo, destacan desde a Concellería de Medio Ambiente, é non desmarcarse
das medidas hixiénicas e de protección que se indican tanto desde o Ministerio
como desde a Consellería de Sanidade.
As normas deste protocolo de transición para o uso das praias consistirán en:
- A Policía Local controlará de forma presencial a capacidade en todos os
areais da cidade. No caso de que os/as axentes atopen unha praia cun
número desmesurado de persoas, pecharase a entrada desta ata que se
controle a situación. Haberá un posto principal na coiraza do Orzán, desde
onde se xestionará a capacidade de todas as praias urbanas da cidade.
Neste caso, os/as axentes empregarán as cámaras do Paseo Marítimo e a
información das e dos axentes que van a pé para verificar que a capacidade
é a correcta e que se poida garantir a distancia mínima de 2 metros.
- Haberá unha vía única para entrar e saír dos areais. Nas praias de Riazor e
de Oza delimitaranse estas vías de acceso e saída cun balado perimetral co
fin de evitar a proximidade entre as persoas.
- Estará prohibido usar as duchas das praias, pero poderanse utilizar os aseos.
- A caseta que habitualmente utilizaba Medio Ambiente para actividades de
educación medioambiental será ocupada para informar as persoas usuarias
das medidas de hixiene e control que o concello porá en marcha.
- O sistema tamén contará cunha aplicación que informará as usuarias e
usuarios do estado da marea e da capacidade da praia en tempo real.
Lembramos que ata o vindeiro luns, 25 de maio, está prohibido tomar o sol na praia.