A nova instrución será aprobada a próxima semana a través
dunha resolución da Concellería de Urbanismo e Mobilidade
A Coruña, 23 de maio de 2020.- O Concello da Coruña conta xa cunha instrución
que regula o uso de patinetes e monopatins eléctricos na cidade, e que será
aprobada a próxima semana. A nova normativa, que elaborou a Concellería de
Urbanismo e Mobilidade, prohibe aos Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP),
tamén coñecidos como Vehículos de Mobilidade Urbana (VMU), circular pola
beirarrúa e obrígaos a circular por vías cuxa velocidade máxima permitida non
supere os 30 km/h, polo carril bici e polas sendas ciclables.
A instrución municipal autorizalles as persoas propietarias dos VMP a circular a
unha velocidade máxima de 25 km/h pola calzada, mentres que polos carrís bici
terán que facelo no sentido sinalizado e sen superar o 20 km/h. Polas sendas
ciclables onde comparten espazo cos peóns, os VMP poderán transitar sen superar
o 10 km/h. En todas elas, terán que respectar a sinalización xeral e a normativa
sobre tráfico, circulación e seguridade viaria, sempre dando preferencia ás peoas e
aos peóns.
No que se refire á circulación pola calzada, permítese o uso de VMP en zonas
declaradas como “Zona 30”, “Zona 20” ou “Zona 10”, así como nas vías cun único
carril de circulación cuxa velocidade máxima permitida estea limitada a 30 km/h,
sempre que nas mesmas non exista vía ciclista e a circulación prodúzase polo centro da calzada. Excepcionalmente, en ausencia de zonas habilitadas para a
circulación de VMP, poderán circular naquelas vías de único sentido e dun só carril
de circulación a unha velocidade máxima de 25 km/h. Non se autoriza a circulación
de VMP pola calzada do resto de vías.
A idade mínima permitida para circular é de 15 anos (de maneira excepcional
permitirase utilizar os patinetes a persoas menores de 15 anos por vías ciclistas
acompañados dunha persoa adulta). As e os menores deberán levar sempre casco.
Do mesmo xeito que outros vehículos non se poderá transitar baixo os efectos do
alcol e as drogas nin utilizar auriculares con aparellos reprodutores de son, nin
teléfono móbil. As persoas usuarias deberán levar pezas reflectoras cando circulen
pola noite ou en condicións de baixa visibilidade. E só autorízase o uso unipersoal
do vehículo.
Canto á documentación, as usuarias e os usuarios deberán levar consigo a
documentación técnica do vehículo. Os patinetes privados non comerciais poderán
estacionarse en espazos destinados ás bicicletas. Prohíbese o seu estacionamento
en beirarrúas e zona peonís e non poden suxeitarse a mobiliario urbano ou árbores.
Quedan excluídos desta regulación os vehículos utilizados por persoas con
mobilidade reducida e os ciclos de máis de dúas rodas con ou sen motor.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, aclarou que non se trata dunha
ordenanza, senón dunha instrución que regula o uso na cidade destes patinetes
eléctricos á espera de que o Goberno aprobe unha normativa de carácter xeral. “O
concello, ante a recente aparición e proliferación de novos medios de mobilidade e
transporte no ámbito urbano, considerou conveniente a elaboración dunha instrución
municipal que regule as condicións de utilización e circulación dos mesmos”,
sinalou.
Trátase, insistiu, de favorecer a seguridade viaria e garantir que o uso destes
vehículos se realice dunha forma regulada e segura, facéndoa compatible cos
diferentes usos da vía pública, especialmente no ámbito das beirarrúas e zonas
peonís. Para o concelleiro esta normativa faise agora máis necesaria que nunca
para faciltarlle a cidadanía o uso de estos vehículos “que nesta etapa da
desescalada debemos fomentar de cara a unha mobilidade máis sostible”.
A instrución é resultado do traballo realizado pola comisión técnica de regulación
normativa da Mesa pola Mobilidade Sostible da Coruña, que tamén abordou a
declaración da Coruña como “Cidade 30”.