viernes, 31 de julio de 2020

A Deputación investirá 770.000 euros para mellorar a seguridade da Travesía de Oleiros a Coruxo de Arriba (Rúa do Souto)




O proxecto servirá para eliminar os estreitamentos da calzada e construír un itinerario diferenciado e seguro para o tráfico peonil 

A travesía conecta Oleiros e Santa Cruz, pola que transitan máis de 15.000 vehículos ao día e numerosos peóns. 

A Coruña, 31 de xullo de 2020. 

A Deputación da Coruña aprobou hoxe máis de 2,6 millóns de euros para obras de mellora en diversos puntos da rede viaria provincial. 

Entre elas destaca un investimento de 770.183,68 euros para as obras de mellora da seguridade viaria na estrada DP 5811 Oleiros a Coruxo de Arriba (Ramal Rúa do Souto), que conecta dous importantes núcleos do municipio: Oleiros e Santa Cruz e que rexistra un tráfico diario de máis de 15.000 vehículos.

A vía presenta actualmente diversos estreitamentos, zonas sen espazo para o tránsito de peóns e cruces con pouca visibilidade, debido en moitos casos á proximidade de muros e peches das leiras que limitan directamente coa estrada, cuestións que pretenden solucionarse con este proxecto.

A mellora basearase en ampliar a plataforma actual, dotándoa dun espazo diferenciado e seguro para o tránsito peonil. A ampliación irá precedida da roza e limpeza de marxes da estrada e demolición e reposición de peches e muros, así como o retranqueo dos servizos afectados, a readaptación dos accesos e mellora do sistema de drenaxe, que actualmente presenta problemas puntuais, o que ocasiona entradas de auga nalgunhas vivendas.

O proxecto inclúe tamén o transplante de árbores que lindan coa calzada e a canalización subterránea da iluminación pública, rede eléctrica e telecomunicacións (actualmente son tendidos aéreos sobre postes de formigón ou madeira) e a instalación de 20 farois de 6 metros de altura con luminarias LED. Fresarase e e repararase o firme existente nas zonas máis deterioradas e executarase unha nova capa de rodadura de 5 cm de espesor. A senda, en mestura bituminosa, estará delimitada con bordo de formigón que a separe do tráfico rodado. Pintarase as marcas viarias da estrada, incluíndo marcas de separación de aparcamentos e os pasos de peóns existentes nos puntos quilométricos 0+008, 0+265 e 0+500, nos que se instalará nova sinalización e fitos captafaros para mellorar a súa visibilidade. 

A Deputación xa investiu 189.574 na creación dunha senda peonil nos dous primeiros quilómetros da DP 5811, que abarcan parte da Avenida de Venezuela e Rúa Ferrala.