viernes, 31 de julio de 2020

Borja Quiza, Luar na Lubre ou Sés protagonizan as festas de María Pita nun ano marcado polas medidas de seguridade






Para asistir aos espectáculos, poderase reservar até dúas localidades por persoa a través de https://corunacultura.sacatuentrada.es/. As entradas, que serán nominais, estarán dispoñibles dous días antes da cita, desde as 10.00 horas

A Coruña, 31 de xullo de 2020.- 

O concelleiro Juan Ignacio Borrego presentou este mediodía o programa de festas de María Pita, que darán comezo mañá coa actuación dentro das “Noites de María Pita” do barítono coruñés Borja Quiza, ás 22.00 horas. O edil agradeceulles a súa presenza ao propio Quiza, que acudiu á presentación xunto con Bieito Romero, de Luar na Lubre, que estarán o domingo á mesma hora, e a Olga Kirk, que participará este luns no Parque Europa co espectáculo “Coas miñas mans”, de Pablo Díaz no ciclo “Cascarillarte”, dirixido ao público familiar: “Elas e eles son, sen dúbida, a razón pola que organizamos estas festas”, sinalou Borrego.

Os tres creadores forman parte dun cartel 100% galego en que a cidadanía terá a oportunidade de se reencontrar co directo e cos seus artistas favoritos e “cremos que non hai nada máis terapéutico que a música e a interpretación para un ano tan raro coma este”. O concelleiro realizou un chamado á veciñanza porque debemos “responder todas e todos con responsabilidade. Pola nosa parte, coidaremos de que os eventos se realicen seguindo estritas medidas de seguridade”.

Serán un total 49 eventos desde mañá até o domingo 9, entre os que haberá 22 actuacións musicais, 10 espectáculos de Cascarillarte e unha da Banda Municipal mais as 16 citas programadas dentro do Festival Noroeste Estrella Galicia: “Desde o estilo senlleiro da nosa Sés ás raíces que tantos anos levan aloumiñando os de Luar na Lubre pasando polas corais e grupos como Hot Chocolates ou Dequenvessendo, o público terá onde escoller, pero todos os espectáculos terán o denominador común de seren do país”, nunha posta en escena que se repartirá entre a praza de María Pita, o Parque de Santa Margarida, o Parque Europa e o Parque de Eirís.

O programa será simultáneo desde o luns até o domingo coas tres primeiras xornadas dedicadas a bandas locais e galegas dentro de “Música ao vivo” e ás montaxes incluídas en Cascarillarte para pasar a unha cuarta entrega, a do xoves, protagonizada por agrupacións culturais e corais. Por último, o Festival Noroeste Estrella Galicia celebrarase de venres a domingo, combinado con outros espectáculos infantís e musicais.

Os eventos serán todos gratuítos, pero para evitar aglomeracións e que se cumpra coa capacidade máxima permitida, será necesario reservar entrada a través de https://corunacultura.sacatuentrada.es/.

En cada operación poderanse reservar un máximo de dúas localidades que serán nominais. As entradas estarán dispoñibles dous días antes da cita desde as 10.00 horas. A reserva dos tickets para este sábado e domingo poderase formalizar desde as 16.00 horas desta tarde.

Canto ás medidas de seguridade, os asentos estarán separados cunha distancia de 1,5 metros. Borrego pediulle ao público que non se presente se ten síntomas que poidan seren compatibles coa Covid-19 e tamén que as e os espectadores estean 30 minutos antes de cada actuación. Haberá xel hidroalcólico no acceso aos recintos e desinfectarase todo o mobiliario entre montaxe e montaxe: “O que temos moi claro é que suspenderemos os eventos se a situación supón un risco para poboación”. Pola súa parte, os tres artistas agradecéronlle ao concello a valentía de sacar adiante un programa de festas co fin de apoiar a escena local e contentar a un público que necesita da cultura como ben se comprobou durante o estado de alarma.