A Coruña, 22 de xullo de 2020.- Música, escritura, pintura, cine, unha xornada profesional... forman parte da programación desta nova edición do Festival Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade, Elas Son Artistas, que se levará a cabo nos próximos meses baixo a nomenclatura de “Ciclo” en vez de festival como nas dúas anteriores edicións.
Propostas moi variadas en estilos e disciplinas artísticas que suporán un importante movemento de persoas da área Metropolitana da Coruña en busca de espectáculos culturais que teñen á muller creadora como protagonista.
Trátase dunha cita anual, en fase de consolidación, e que nesta edición de 2020 xa colgou o seu primeiro “entradas esgotadas” coa actuación do dúo zaragozano TéCanela no centro cultural A Fábrica de Oleiros hai un par de semanas e baixo unhas estritas medidas sanitarias.
CONCELLOS:
Os eventos terán lugar en oito concellos da área metropolitana da Coruña, unha forte aposta para que a cultura sexa quen de esquecer barreiras burocráticas: A Coruña, Arteixo, Bergondo, Carral, Cambre, Betanzos, Oleiros e Sada, con case 360.000 habitantes, serán as localidades nas que se poda disfrutar do festival.
MÚSICA:
É un dos grandes eixos desta iniciativa e a programación se prolongará ata o próximo mes de decembro, deixando o groso das actuacións de pago nas salas e no Teatro Colón, para outono. O abono para estes concertos pódese adquirir a través de Ataquilla.
26 de xullo - Las Antonias - Concello de Arteixo.
1 de agosto - Silvia Penide - Concello de Bergondo.
15 de agosto - Agoraphobia + Eme dj - Concello de Sada.
6 de setembro - Belém Tajes - Concello de Cambre.
6 de setembro - Mounqup e Lúa Mosquetera xunto a Artesás Galegas - Fundación Luis Seoane.
18 de setembro - Ede - Concello de Betanzos.
8 de outubro - Estrea documental 'Amazing Grace (Aretha Franklin)' - Sede Afundación da Coruña.
10 de outubro - Ainoa Buitrago - Sala Bâbâ Bar, A Coruña.
10 de outubro - The Riven - Sala Mardi Gras, A Coruña.
15 de outubro - 'Freedom (very best of Aretha)' - Teatro Colón, A Coruña.
30, 31 octubre e 1 novembro - Lau e Elas Tamén Pintan- Concello de Carral.
13 de novembro - Carmen Boza - Sala Garufa Club, A Coruña.
11 de decembro - Mourn + Grises - Sala Mardi Gras, A Coruña
PINTURA:
No Concello de Carral, e da man de 7hCoop, contaremos tamén con Elas tamén pintan, unha actividade que pretende dar visibilidade e recoñecemento ás artistas locais ao tempo que se visibiliza ás numeras mulleres na historia da arte urbana.
ESCRITURA:
No mes de setembro, volveremos contar co obradoiro de escritura na Casa Museo Emilia Pardo Bazán, na Coruña, con Andrea Pazos.
CINE:
En outubro, na Sede Afundación da Coruña teremos a estrea do documental ’Amazing Grace. Aretha Franklin’, a película que rescata as imaxes que o director Sydney Pollack tomou en 1972 durante a gravación do disco máis famoso da raíña do soul e que levaban tres décadas sen ver a luz. O documental non só ofrece un retrato familiar da Aretha que acompañaba a un tempo as misas do seu pai, senón tamén da sociedade afroamericana da época.
-
Elas Son Artistas é un micro festival no que a creatividade da muller é protagonista e que achega eventos culturais a 8 concellos da área Metropolitana da Coruña cunha programación máis intensa na capital, na que conta con múltiples sedes.
En todos os espectáculos, sexan de música, pintura... a característica que os une é que hai mulleres creadoras á fronte deles, aínda que iso non exclúe aos homes dos nosos escenarios. Trátase dun proxecto que pretende visibilizar a igualdade na cultura e que incorpora tamén unha xornada profesional para traballar no ámbito das boas prácticas que permitan unha igualdade real no ámbito das artes, tanto por parte das administracións públicas como desde o sector privado. Na edición actual damos traballo a 96 artistas e profesionais do sector cultural, ademais do equipo principal do festival que somos catro persoas e duas máis que se suman como colaboradoras.