miércoles, 4 de noviembre de 2020

Inés Rey insta á Xunta a pór en marcha medidas económicas urxentes para evitar a quebra da hostalaría

“Pedimos medidas xustas, equilibradas e proporcionais. Medidas anunciadas con antelación suficiente para evitar que os negocios sufran perdas imprevistas, como ocorreu a pasada fin de semana”

“A Xunta ten que ofrecer xa alternativas económicas ás persoas afectadas polos novos peches"

A Coruña, 4 de novembro de 2020.- 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, insta á Xunta a pór en marcha medidas urxentes para evitar a quebra dos negocios da hostalaría, tras as restricións anunciadas hoxe polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A rexedora mostra o seu total apoio ao sector hostaleiro que apunta, “está sufrindo de modo directo as consecuencias das limitacións impostas pola pandemia”.

Rey lamenta que a Xunta tome medidas que afectarán ao sector hostaleiro, “sen anunciar en paralelo axudas económicas ante a perda de actividade. Non podemos condenar a un sector enteiro sen ofrecerlles ao mesmo tempo unha saída”.

A alcaldesa esixe medidas “xustas, equilibradas e proporcionais”. E advirte que estas restricións deben ser anunciadas con antelación suficiente para evitar que os negocios teñan perdas imprevistas, como ocorreu a pasada fin de semana. “A Xunta ten que ofrecer xa alternativas económicas ás persoas afectadas polos novos peches.” 

Sinala, ademais, que a implantación de medidas contra a Covid non pode converterse nun castigo arbitrario para as e os afectados, xa que, por exemplo, as e os hostaleiros “non teñen ningunha posibilidade de manteren os seus ingresos á marxe dos seus negocios”.

Por outro lado, entende que estas restricións tamén afectarán a sectores como o dos mercados de abastos e á propia Lonxa. 

Insiste en que sen o preciso apoio económico, a Xunta contribuirá a converter a crise sanitaria nunha crise económica sen precedentes.