jueves, 4 de noviembre de 2021

A cantante Silvia Penide presenta este sábado 6 o seu primeiro libro ilustrado para público infantil: "Diferentes diferenzas"


 

* Silvia Penide traspasa o ámbito musical e lanza un libro para peques (e adultos) sobre a importancia de respetar a diversidade

* As ilustracións corren a cargo de Emilio Urberuaga, Premio Nacional de Ilustración e coñecido, entre outras cousas, por ser o autor de Manolito Gafotas.

* O libro está editado en galego, español e catalán de xeito simultáneo pola Editorial Bululú

* Este sábado 6, ás 12 da mañá na Rúa Real 9, na Libraría Bululú, onde tamén asinará exemplares.

* Ademáis, continúa a súa faceta musical. Estará en Ferrol o xoves 4, no ciclo Xoves na Capeta e en Melide co seu espectáculo FemininoPlural xunto a Carla López

A cabeza de Silvia Penide non para de crear. Poden ser cancións, novos espectáculos para diversos públicos, ou un libro de textos pensados para os máis peques da casa pero que, sen dúbida, provocará tamén reaccións nos adultos que os lean. Son microcontos nos que Silvia vai contando quen son os seus amigos peculiares. Pode ser a araña que xa non texe ou a tartaruga sen caparazón. Unha viaxe emocionante por todas esas amizades que soubo reflexar de xeito maxistral o ilustrador do libro Emilio Urberuaga, todo un Premio Nacional de Ilustración. Unha obra que sen dúbida deixará pouso en calquera persoa sensible que a lea e que pretende reflexar o importante que é aceptar e valorar a aqueles que teñen algo que os fai diferentes aos demáis, pero posiblemente incluso mellores.

A presentación será na propia sede da editorial Bululú que apostou ao grande por este libro que sae directamente en tres linguas oficiais: galego, español e catalán. Este sábado ás 12:00 poderán escoitarse por primeira vez as historias do libro en voz dunha contacontos, e que Silvia completará con un par de cancións en directo. Será na rúa Real 9 e a entrada é libre ata completar aforo (que é reducido).

En paralelo continúa a carreira musical de Silvia e estará este xoves 4 ás 21 horas no ciclo Os Xoves na Capela, no Centro Torrente Ballester de Ferrol por so 3 euros. Nesta ocasión en formato trío, acompañada por Paul Álvarez e Carla López. E o domingo 7 estará na Casa da Cultura de Melide co espectáculo sobre as mulleres creadoras "FemininoPlural", xunto de novo a Carla López. Será ás 19 horas e con entrada libre.