Máis da metade son de acceso libre e permitirán unha mellora da calidade
de diferentes servizos municipais
A Coruña, 4 de abril de 2022.- O Concello da Coruña aprobará este mes a convocatoria de
cen novas prazas de oferta pública de emprego para este ano 2022. Os postos de acceso
libre son, entre outros, os de técnico de administración xeral (6), técnico medio de xestión (5),
auxiliar administrativo (5), arquitecto superior (3) e axentes da policía local (20).
Do total de 100 novas prazas ofertadas, hai 53 que son de acceso libre. Hai tamén 16 prazas
de estabilización ás que se accede por concurso-oposición e 31 prazas de promoción interna.
Por outra banda, existen outras 109 prazas de estabilización que corresponden a procesos
abertos en anos anteriores e ás que se poderá optar por concurso público. Os procesos de
estabilización permitirán, de acordo coa actual normativa, reducir a temporalidade do
emprego público.
“Con esta nova convocatoria o Goberno de Inés Rey mantén o seu firme compromiso coa
mellora dos servizos municipais, así como co emprego público e a dinamización económica”,
apuntou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage. Nos
últimos meses pecháronse diferentes procesos de promoción interna para máis de 200
persoas, entre persoal de Bombeiros e auxiliares administrativos.
Por outra banda, está en marcha o proceso de selección de 22 prazas de Administración xeral
(A1) e 17 de Técnicos de xestión (A2) froito da última convocatoria de emprego público
municipal. O Concello convocou, ou ten previsto convocar durante este mandato, un total de
129 postos de acceso libre, 283 de promoción interna e 125 de estabilización. O obxectivo,
indicou Lage Tuñas, “é reforzar os servizos públicos para a prestación de mellores servizos
aos cidadáns e cidadás, á vez que se fomenta a creación de emprego desde o sector público”.