martes, 13 de diciembre de 2022

O Concello abre o vindeiro luns 19 o prazo para solicitar praza como figurante na Cabalgata de Reis


 

A Coruña, 13 de decembro de 2022.- O Concello da Coruña abrirá o vindeiro día 19 a convocatoria para a participación de figurantes na Cabalgata de Reis 2023, que terá lugar o 5 de xaneiro, desde as 18.00 horas.

O número de prazas ofertadas como figurantes é de 235, e poden optar ás mesmas as persoas menores de idade que, a día 1 de xaneiro de 2023, teñan unha idade comprendida entre os 6 e 11 anos.

O período de solicitude de participación dará comezo o luns 19, ás 8.00 horas, e finalizará o mércores 21, ás 14.00 horas. As solicitudes en cuestión poderán formalizarse a través do formulario que estará habilitado na web do Concello, e ao que as persoas interesadas poderán acceder nesta ligazón.

O sorteo final de prazas, o día 29 de decembro

A publicación da listaxe provisional de persoas solicitantes terá lugar o día 23, na web do Concello. Abrirase entón un prazo de alegacións ata o día 26, ás 23.59 horas.

A listaxe definitiva emitirase o día 28. Será o paso previo á asignación das prazas ofertadas, que serán adxudicadas a través dun sorteo que se realizará o día 29, ás 12.00 horas, nas dependencias municipais da área de Cultura, na avenida da Mariña.

As persoas que obteñan praza no sorteo deberán presentar a inscrición cuberta e asinada, xunto coas normas de obrigado cumprimento, o día 4 de xaneiro no Coliseum da Coruña (en horario de 10.00 a 14.00, e de 16.30 a 21.30 horas).

Xa o día 5, xornada da Cabalgata de Reis, os menores participantes deberán presentarse, acompañados pola nai, pai ou titor legal, na entrada do IES Sardiñeira, ás 15.30 horas, onde quedarán ao cargo das persoas responsables da organización da Cabalgata.