viernes, 14 de abril de 2023

Sesión de curtametraxes do Norte Cinema Diverso, O festival traerá á cidade quince títulos para cativar todo tipo de público


Unha Coruña “cada vez máis diversa e respectuosa” en palabras de Fernando Cayazzo, codirector do festival Norte Cinema Diverso, terá a posibilidade de gozar de cine LGTBIQ+ de calidade os días 21 e 22 de abril na primeira edición do Norte Cinema Diverso, que organizan a asociación Palestra, o Concello da Coruña e a Cinemateca da Fundación Pedro Zerolo. “Queremos achegar as nosas realidades a toda a cidadanía, contando historias bonitas e dignas dun colectivo que quere empatizar coa sociedade”, comenta Fito Ferreiro, codirector da mostra.

O certame abrirase o venres 21 de abril ás 19,00 horas cunha curtametraxe e un documental: Tarek, con testemuños de varios adolescentes de distinta orientación sexual que coñecen nunha festa un rapaz chamado Tarek, e Canela, que narra a historia dunha muller transexual e as súas dúbidas sobre operarse ou non.

As entradas para as distintas sesións do festival están á venda na web do teatro Colón a un prezo de tres euros, agás o sábado pola mañá, que será de balde.

O alumnado de centros escolares da cidade será o protagonista da xornada matutina do sábado 22 de abril. As portas do teatro abriranse para os máis novos e para todas aquelas persoas interesadas nas seis curtametraxes que se proxectarán na pantalla do Colón. O obxectivo é prender a atención de públicos alleos ao colectivo. “Os mozos son o futuro. Se se lles mostra a diversidade, a aceptarán como o que é, algo natural. Aqueles que se sintan identificades terán referentes. O resto respectará e comprenderá mellor o que ten arredor”, asegura Cayazzo.

Pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase un coloquio entre o público e algúns dos protagonistas dos traballos que se programarán no festival. Entre os asistentes estarán Carla Antonelli, unha das protagonistas de Triángulos Rosas (un documental sobre a represión das persoas trans durante a dictadura); Nucebeade, formado pola madrileña Quiela Nuc e a coruñesa Andrea Beade, directoras de Una dedicatoria a lo bestia, e João Maia, director da película Variações, que protagonizará o derradeiro pase do festival o sábado ás 21.15 horas.