miércoles, 30 de agosto de 2023

Inauguración da exposición fotográfica "A invasión galega da movida madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola" na Casa Museo Casares Quiroga


A Casa Museo Casares Quiroga acolle a exposición fotográfica “A invasión galega da Movida Madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola” desde mañá 31 de agosto ata o 4 de outubro.

Esta exposición, encadrada na sexta edición do Ciclo Metropolitano, e en colaboración co Concello da Coruña, reúne unha combinación das imaxes das bandas e artistas máis coñecidas dese importante movemento cultural e social.

Elas Son Artistas continúa este mes de setembro enchendo de arte en clave feminina os concellos de Betanzos, Culleredo e Sada coas actuacións de Carolina Rubirosa e Aüdra; o humor de Reinas Malas; e Nuria Vil e Pamela Rodríguez, respectivamente.

Poida que o nome de Marivi Ibarrola non soase tanto como o dos seus colegas Alberto García-Alix, Miguel Trillo ou Ouka Leele; sen embargo, esta artista periodista e fotógrafa tamén posúe un gran legado fotográfico sobre o Madrid dos anos 80. O seu arquivo, que se compón duns 30.000 negativos, é un tesouro no que aínda queda moito por descubrir. De momento, “A invasión galega da Movida Madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola” reúne unha combinación das imaxes das bandas e artistas máis coñecidas dese importante movemento cultural e social. que transmiten o ruído, a enerxía e a actitude de entón. A Casa Museo Casares Quiroga convértese así nunha parada imprescindible dentro da programación da sexta edición do Ciclo Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade, Elas Son Artistas.

Elas Son Artistas, en colaboración co Concello da Coruña, ofrece a posibilidade de viaxar 40 anos atrás. A exposición fotográfica “A invasión galega da Movida Madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola” amósanos unha combinación das imaxes das bandas e artistas máis coñecidas dese importante movemento cultural e social xunto coa presenza da comunidade artística galega que viviu tamén aquela etapa na capital de España. Artistas de diversas disciplinas artísticas que influiron en cancións e tiveron tamén un importante protagonismo.

A inauguración, coa presenza da autora, será este xoves 31 de agosto ás 19.30 horas na Casa Museo Casares Quiroga, onde estará a exposición ata o día 4 de outubro, sempre con entrada gratuita. Silvia Penide interpretará dúas cancións ben coñecidas daquela etapa para pechar o acto.

Marivi Ibarrola é unha fotoxornalista de La Rioja que chegou a Madrid a finais dos anos 70 para estudar e tamén para empaparse do que estaba a suceder. Decidiu aportar a visión dende a súa cámara con intención de documentar algo que sabía que tería repercusión máis alá das paredes de lugares como a sala de concertos Rock-Ola.

Na exposición poderase contemplar imaxes de Joaquín Sabina, Mecano, Radio Futura, Alaska, Parálisis Permanente, Derribos Arias, Kike Turmix. Tamén de artistas internacionais como David Bowie, Andy Warhol ou Joe Strummer. E, por suposto, representantes diso que denominamos "A invasión galega": Siniestro Total, protagonistas da imaxe promocional da exposición disparando a Marivi, Germán Coppini, Antón Reixa, Victor Aparicio, Antón Patiño, Menchu Lamas (a única muller galega que veremos na expo)...

Nunca está de máis adicar uns minutos a mirar con pausa cómo eran artistas que, en moitos casos, seguen actuando e traballando, fai xa catro décadas.

ELAS SON ARTISTAS

Elas Son Artistas é moito máis que un festival ou un ciclo de espectáculos artísticos. É unha reivindicación pola igualdade, unha homenaxe á muller creadora, que como sempre, será en todo momento protagonista.

Un festival que celebra a súa sexta edición este 2023 grazas ao apoio institucional dos concellos que participan do mesmo, pero tamén grazas un ano máis á suma a nivel patrocinio de empresas privadas como Gadis o e colaboradores como AIE - Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España, Alma Atlántica e Coca-Cola, ademais de entidades sen ánimo de lucro como a República Musical Mardi Gras e Grupo Esperto.

Eventos enmarcados dentro da sexta edición de Elas Son Artistas:

- 15 de setembro - Carolina Rubirosa e Aüdra - Sala Xulio Cuns, Concello de Betanzos.
- 22 de setembro - Reinas Malas - Auditorio do Edificio usos múltiples do Burgo, Concello de Culleredo
- 30 de setembro - Nuria Vil e Pamela Rodríguez - Casa da Cultura Pintor Llorens - Concello de Sada
- 4 de outubro - The Dirty Denims - Sala Mardi Gras, Concello da Coruña - Entradas
- 13 de outubro - Mercedes Ferrer e Aurora Beltrán - Sala Garufa, Concello da Coruña
- 21 de outubro - The Niftys - Sala Mardi Gras, Concello da Coruña
- 24 de novembro - Alice Wonder - Teatro Colón, Concello da Coruña