miércoles, 9 de agosto de 2023

O Concello solicita a colaboración cidadá para reducir o consumo de auga ante o estado de prealerta por sequía no encoro de Cecebre


Este mércores remitiuse unha comunicación aos concellos da área, que se abastecen de Cecebre, para limitar os usos non prioritarios de auga

A Coruña, 9 de agosto de 2023.- Ante a declaración de prealerta por escaseza de auga moderada no sistema de abastecemento dos ríos Mero e Anllóns, e da ría da Coruña, activada pola Oficina Técnica da Seca da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña remitiu este mércores unha comunicación a todos os concellos da área metropolitana aos que se suministra auga desde o encoro de Cecebre (Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada), con medidas de concienciación cidadá nos fogares e empresas.

A declaración de prealerta no sistema de explotación do encoro de Cecebre, na cunca do río Mero, prodúcese debido á súa ocupación por debaixo da media nos últimos anos, situándose actualmente nun 61,3 %.

Ante esta coxuntura, e dado que a Xunta de Galicia solicitou a implicación dos concellos galegos para a posta en marcha de medidas de concienciación cidadá sobre a escaseza de auga e a necesidade de aforro, o Concello da Coruña, a través da Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa), en cumprimento do Plan de Emerxencias e Xestión do Risco de Seca no sistema de abastecemento da Coruña, recomenda diversas medidas para o estado de prealerta vixente. Son as seguintes:

● Concienciación cidadá nos fogares e empresas.
● Limitación dos usos non prioritarios que se detallan a continuación:
    ○ Redución de baldeos e limpeza de edificacións.
    ○ Redución do rego en zonas públicas e privadas ao estrictamente necesario.
    ○ Limitación á hora de encher as piscinas.
    ○ Peche de instalacións ornamentais e decorativas: peche de fontes.
    ○ Prohibición do lavado de coches fóra dos establecementos autorizados.

O Plan de Emerxencias e Xestión do Risco de Seca fai fincapé na necesidade de facer extensivas as medidas ao aforro voluntario en fogares e empresas, así como as recomendación de restrición de usos non prioritarios, aos concellos usuarios, para que as medidas en si acaden o efecto agardado.

Ditas medidas entrarán en vigor esta noite do mércores 9 ao xoves 10 de agosto, ás 00.00 horas.