viernes, 1 de diciembre de 2023

Aberto o prazo de preinscrición nos Campamentos Deportivos de Nadal, que terán lugar entre os días 26 de decembro e 5 de xaneiro

 

Ofértanse 144 prazas para a rapazada de entre 6 e 12 anos. As nenas e nenos poderán aprender e gozar con disciplinas deportivas como atletismo, escalada, patinaxe e xogos acuáticos, entre outras

A Coruña, 1 de decembro de 2023.- O Concello da Coruña abriu o prazo de presentación de solicitudes para optar ás 144 prazas que se ofertan nos Campamentos Deportivos de Nadal, unha iniciativa promovida polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de achegar a mocidade ao deporte e a hábitos de vida saudables, á vez que se lles facilita ás familias unha ferramenta de conciliación no contexto das vacacións escolares de Nadal.

Os campamentos están ideados para a rapazada de entre 6 e 12 anos —coa idade cumprida a 31 de decembro de 2023—, á que se implicará no desenvolvemento de actividades deportivas que inclúen disciplinas como atletismo, escalada, defensa persoal, bádminton, esgrima, xadrez, carreira de orientación, patinaxe e xogos acuáticos, entre outras.

A meirande parte das actividades levaranse a cabo na Cidade Deportiva de Riazor, aínda que tamén haberá sesións ao aire libre, en contornos naturais, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

Dúas quendas de campamentos

Os Campamentos Deportivos de Nadal terán lugar entre os días 26 de decembro e 5 de xaneiro, nun formato de dúas quendas: a primeira, do 26 ao 29 de decembro; e a segunda, do 2 ao 5 de xaneiro. Para cada quenda habilitaranse 72 prazas, cun custo de 34 euros.

Haberá un horario xeral, das 9.00 ás 14.00 horas, mais tamén se prevé habilitar un horario ampliado de conciliación —sen custo engadido—, con entrada entre as 8.00-9.00 h e dúas opcións de saída —para escoller entre unha ou outra—, ben ás 14.00 ou ás 14.30 horas.

En canto ás prazas, terán preferencia as persoas empadroadas no concello da Coruña.

A preinscrición, aberta ata o vindeiro martes 5 de decembro

Neste sentido, o prazo de preinscrición para solicitar praza nos Campamentos Deportivos de Nadal xa está aberto. Pecharase o vindeiro martes 5 de decembro, ás 14.00 horas.

A formalización da solicitude de praza deberá tramitarse en liña, a través da páxina web daConcellaría de Deportes. Cada persoa poderá presentar só unha única solicitude, indicando a orde de preferencia das quendas, de ser o caso. Para poder ter en conta as necesidades de conciliación das familias, no caso de irmáns ou irmás deberán facerse as solicitudes de forma continuada no tempo e co mesmo orde nas quendas solicitadas.

Toda a información sobre os Campamentos Deportivos de Nadal 2023-24 pode consultarse a través desta ligazón.