martes, 20 de febrero de 2024

Mondra, Sila Lua, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo súmanse ao Atlantic Pride 2024


A nova escena musical galega convértese en protagonista do festival, que celebrará a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo

No programa do Atlantic Pride está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez e Nebulossa, o dúo que representará a España no Festival da Canción de Eurovisión 2024 este mes de maio con Zorra

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Global Grafic

A Coruña, 20 de febreiro de 2024.- A nova escena musical galega incorpórase ao cartel do Atlantic Pride 2024. Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo súmanse ao programa do festival, que celebrará a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo.

Deste xeito, o Atlantic Pride será testemuña este verán da FOLĪA das ARDENTES de Mondra, unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega; unha proposta íntima e irreverente a un tempo, da man dunha das voces máis celebradas da escena musical actual e o seu relato de resistencia e celebración. Os Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina bailarán tamén ao ritmo de Sila Lua e o seu singular son, una mestura libre de xéneros a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea. Pola súa banda, O Rabelo e Nenaza convidarán ao público a non deixar de bailar coa súa proposta conxunta, que mestura a música tradicional galega con ritmos como o reguetón, o tecno, o neoperreo e o funk favela. Pola súa banda, Catuxa Salom dará boa conta da súa experimentación coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, mentres que Lontreira, de novo viaxando da electrónica á música tradicional, sorprenderá cun caleidoscopio estilístico de sons variados, que van do speak-word ao dream-pop ou mesmo do tecno-folk a un vangardista reguetón. Finalmente, a efervescencia de Amoebo convertirá o Atlantic Pride nunha auténtica verbena galega de sons urbanos contemporáneos, bailes desmedidos, humor e moita diversión.

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Global Grafic. No seu cartel, ademais destes novos nomes recién anunciados, está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Rosa López, Las Ketchup, Lucía Pérez e Nebulossa, o dúo de electropop formado por María Bas e Mark Dasousa, que representará a España no Festival da Canción de Eurovisión este 2024 co seu tema Zorra.

O ORGULLO DO NORTE

A Coruña volverá ser a sede do Orgullo do Norte entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular, que moi pronto desvelará novos nomes e actividades. O Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia con toda a forza, enchendo A Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito xornadas. En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano.

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 como un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo Coruña, e conta co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Global Grafic. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.

SOBRE AS NOVAS BANDAS E ARTISTAS CONFIRMADAS

Mondra

Mondra é artista, cantareiro e bailador. Medra vencellado á música e ao baile tradicional galego, así como ao teatro e ao audiovisual. Desde 2021 forma parte, como como vocalista e bailador, de DeMente, a compañía de danza Fran Sieira, responsable dunha das pezas con maior percorrido na historia da danza galega. No 2024, recibirá o Premio Alfredo Iglesias, da Revista Coralia, a artista revelación. En setembro de 2023, publica ARDĒN (Altafonte Music Spain), o seu primeiro traballo discográfico, producido por Berto. O álbum presenta unha experiencia musical, visual e performativa, en diálogo coa música tradicional galega. É unha proposta íntima e irreverente a un tempo, un relato de resistencia e celebración.

Os primeiros avances do álbum, SACOdePULGAS e beijos de LK, superan as 50.000 escoitas no Spotify, plataforma na que o artista acumula máis de 17.000 oíntes mensuais. PUNHETA!, en colaboración coas Fillas de Cassandra, supera as 240.000 reproducións na plataforma e máis de 40.000 visualizacións no YouTube, sendo un dos temas máis escoitados no verán do 2023 na Galiza. RUANDO, a carón de AIDA (Tanxugueiras), aglutina preto de 100.000 reproducións no compendio das plataformas.

Mondra estrea o seu primeiro espectáculo, a FOLĪA das ARDENTES, en abril do 2023, dando inicio a unha xira de máis de trinta concertos ao longo de todo o territorio galego. Aclamado pola crítica, o espectáculo foi acollido por grandes festivais galegos como as Revenidas, o Festival da Luz ou o Agrocuir. A FOLĪA das ARDENTES é un espectáculo de gran formato que tende unha man á percusión tradicional galega e á electrónica, e outra ás danzas urbanas. O espectáculo, baixo a dirección artística do bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez, abre unha porta á terra ARDENTE. Son ARDENTES Artur Puga e Julia Sánchez-Biezma, ás percusións; e Sabela Domínguez, Julia Laport, Jandros Rodríguez e Daniel Valde, na danza. Na presentación do álbum ARDĒN, nas salas Capitol e Rebullón, Mondra esgotou todas as entradas días antes dos concertos.

Sila Lua

Sila Lua, artista e produtora galega, leva desde 2017 desenvolvendo o seu son, algo a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea; una mistura libre de xéneros froito da súa crianza española e dos seus anos vivindo e estudando produción musical en Londres. As súas cancións, de forte mensaxe lírico, producións detalladas e unha elegancia misteriosa, valéronlle o título de “diva marciana do novo pop escuro europeo” por parte da prensa especializada.

Este talento emerxente logrou o ano pasado un éxito viral cos seus temas Nada e Quiero llorar, parte da banda sonora oficial da cuarta temporada da serie Élite, de Netflix, e que acumula xa +4M streams combinados e +200k Shazams (Nada alcanzou o posto #160 nas listas globais de Shazam na primeira semana da estrea da serie). Isto brindoulle a oportunidade de escribir a encargo Tanta vida, canción orixinal da serie de Atresplayer Premium La edad de la ira.

Agora presenta o seu primeiro álbum, ROMPE, un traballo conceptual que xira en torno ao mar, os seus símbolos, os seus mitos e a súa inmensidade, e que está composto por 11 cortes. Unha mestura moi coidada de música urbana, electrónica e pop na que a artista estivo traballando o pasado ano e medio xunto ao produtor Mumbai Moon e onde contou con varios músicxs, productorxs e colaboradorxs invitadxs de España, Brasil e Ecuador.

O Rabelo e Nenaza

O Rabelo é un animal humano que gusta de xogar, estar “tranqui” e rir. É antifascista, transfeminista, anarquista a favor da tenrura, os coidados e a violencia reactiva. Nos seus concertos fai música ao xeito en que se facían as festas de antes, as rúas, mesturando a música tradicional galega con xéneros como o reguetón ou o tecno, para convidar á xente a bailar. Xoga coa identidade a través da arte escénica para cuestionar o que é normal e o que facemos co malestar. Explora a mitoloxía, a marxinalidade e o normativo a través da mestura e das expresións artísticas. Da obradoiros de regueifa, fai charlas e debates en centros de ensino e desenvolveu proxectos artísticos arredor da escrita e a música, con publicacións como El libro de Iarnal, Tenruras e raivas, Betadine ou os discos Suor e Silva, entre outros.

Nenaza é unha artista drag galega que reivindica a feminidade a través do imaxinario da mitoloxía galega. É un ser fantástico que mestura o etéreo e protector das fadas cun mundo escuro, violento e punk, froito das violencias exercidas sobre as persoas que viven o xénero de forma feminina. Na súa performance utiliza o corpo, o movemento e o son. Máis aló do seu proxecto performativo, en 2022 comeza a súa carreira como DJ mesturando ritmos de neoperreo e funk favela con electrónica e deconstructed, trallando en festas e clubs, ademais de en galerías de arte e museos.

Catuxa Salom

Catuxa Salom é unha artista galega de raíces arxentinas e unha das voces máis potentes da escena folk electrónica do momento. No seu debut discográfico experimenta coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, conseguindo unha sonoridade que nos conecta co noso lado máis salvaxe. De Aimogasta ás montañas de Lugo, a artista constrúe un relato cargado de simbolismo, onde a natureza e o movemento están en primeiro plano. O seu directo magnético e vibrante promete ritmos de baile.

Lontreira

Adriana Cores, Héctor Rodríguez (Rotce) e Iván Barral son os tres compoñentes de Lontreira, grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación. Desde os seus inicios no verán 2022, Lontreira non deixa de dar pasos de xigante na industria musical, compoñendo sen descanso novos temas e argallando directos que logren sorprender ao espectador, converténdose nunha prometedora banda emerxente galega. O seu tema Corazón de toxo foi elixido canción do verán en Galicia en 2022 pola CRTVG e, con ela, visitaron citas tan imprescindibles como o Surfing The Lérez, o Atlantic Fest ou o 17º, entre moitos outros festivais. No ano 2023 foi elixida finalista na categoría de banda emerxente nos 10º Premios Martín Códax da Música, e foi, tamén, unha das 14 bandas seleccionadas entre máis de 300 para participar no MUMI Músicas do Minho 2023.

Lontreira presentou en 2023 o seu primeiro traballo discográfico, Apnea, que intercala poemas e cancións para ir narrando singraduras da vida a través das conexións especiais cos espazos naturais que lles rodean. Para Héctor Rodríguez, teclista e compositor do grupo, a música é unha vocación que quere transformar en profesión. Para Adri, a música é unha afección “herdada polo ambiente cultural no que me criei na casa” coa que quere transmitir a súa paixón polo medio natural. Pola súa parte, Iván Barral, guitarrista autodidacta e último en incorporarse a Lontreira, é o encargado de lanzar as “balas guitarreiras” que envolven de melodía ao público. Xuntos crean arte, unha arte que queren compartir na terra que a inspira, Galicia, e a complicidade co seu público. Sen dúbida, a troupe pode presumir de cargar cada directo con novidades e postas en escena que pouca xente agarda ver.

Amoebo

Amoebo é efervescencia, unha reconstrución da verbena galega, unha proposta de música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop dos anos 80. Amoebo é festa e diversión sen tapuxos, bailes desmedidos e moito humor, todo isto reflectido en temáticas que tocan o costumismo galego, o amor, o sexo e o día a día da xuventude galega, desde unha visión do neto que mira con nostalxia ao rural desde un entorno máis urbano.

A banda propón directos cunha alta intensidade que incitan a mover as cadeiras e a chorrear de suor. Amoebo imita o formato orquestra a pequena escala, con interacción co público, bailes e escenografía sen fin. A súa síntese de sons que evocan ao pasado -como o funk pop, as cumbias, as bachatas e os merengues- con sons máis actuais -como o autotune e os drums agresivos- forman un cóctel explosivo que non deixa indiferente a ninguén. A súa é unha proposta interxeneracional e inclusiva, que busca romper estereotipos, con cancións como medicina para a presión da vida cotiá, para crear un espazo de reconciliación coa diversión, o baile, a verbena e o rural galego. En Amoebo no hai cabida para las vergoñas e os complexos. Todos somos libres de gozar do que somos e do xeito que queiramos.

Amoebo foi ideado e creado en 2022 por Aaron Valle (frontman, cantante e músico), a quen non tardaron en sumarse David Fernández (músico e produtor) e Gloria Campello (produtora e responsable de audiovisuais). Lanzaron o seu primeiro sinxelo, "Primeiro pase”, no mes de abril de 2022, avanzando a súa síntese de sons e dando as primeiras pistas do que sería seu enérxico directo. En verán de 2022 gañaron o concurso Sonidos Mans e participaron no Festival de la Luz, xirando desde entón por múltiples puntos de Galicia. No 2023 avanzan novos singles do que será o seu primeiro LP, Cada vez mellor. Neste traballo, con influencias de artistas como Dua Lipa ou Lali, mesturan o disco, o pop-funk, a electrónica e os ritmos latinos e urbanos actuais, nun cóctel explosivo para non deixar de bailar.