miércoles, 21 de febrero de 2024

A CRTVG retransmitirá en directo, de xoves a domingo, as catro etapas da volta ciclista O GRAN CAMIÑO


Os espectadores poderán ver, desde as 15:30 h, a primeira etapa, unha contra o reloxo de 15 quilómetros que se desenvolverá na cidade da Coruña

Os espectadores galegos poderán seguir en directo, desde este xoves ata o vindeiro domingo, a terceira edición de O Gran Camiño, a proba que recolleu o testemuño da histórica Volta Ciclista a Galicia, que se ofrecerá a través da primeira canle da TVG e tamén de AGalega, a nova plataforma dixital dos medios públicos galegos, e da Radio Galega.

A rolda contará con catro etapas, unha por cada provincia, que se retransmitirán en directo de 15:30 a 17:30 h (o domingo, de 13:30 a 14:30 h). A participación das figuras máis importantes do pelotón internacional garante unha edición de O Gran Camiño chea de competitividade e espectáculo, mantendo a Galicia no foco do ciclismo internacional.

O danés Jonas Vingegaard volve encabezar unha lista de aspirantes en que destacan tamén o ecuatoriano Richard Caparaz, os colombianos Egan Bernal e Rigoberto Urán, o francés David Gaudu e o español Carlos Rodríguez. Todos eles aspiran a arrebatarlle o triunfo ao dobre gañador e vixente campión do Tour de Francia, que buscará revalidar o título nunha proba que supón a súa estrea na temporada.

O Gran Camiño arrancará hoxe na cidade da Coruña cunha contra o reloxo de 15 quilómetros que se desenvolverá na contorna do paseo marítimo e que rematará ao pé da Torre de Hércules.

O venres, a rolda galega desprazarase ao corazón da Ribeira Sacra lucense para disputar a segunda etapa, de 151 quilómetros, que discorrerán entre Taboada e Chantada. Ao día seguinte, será a quenda para a provincia de Ourense, cunha etapa de 173 quilómetros con saída en Xinzo de Limia e final no castelo de Ribadavia. O Gran Camiño rematará o domingo en Pontevedra, que acollerá a etapa raíña entre Ponteareas e Tui, coa subida ao Monte Aloia como un dos momentos cumio.