lunes, 11 de marzo de 2024

Sílvia Abril, Antonio Resines, Jordi Moltó, Juan Herrera, Raquel Martos, Dani Alés e David Perdomo, entre outras grandes figuras da comedia e da comunicación, protagonistas do programa de actividades paralelas gratuítas do EMHU 2024

 


O Encontro Mundial de Humorismo, que suma máis de 18.400 entradas vendidas cando queda un mes e medio para a súa celebración, ofrecerá en directo e en aberto para todos os públicos os podcast de entrevistas ‘El nicho’ e ‘El sentido de la birra’, ademais dun ‘Match de Impro’ da Escola de Impro Coruña

Sílvia Abril, que actuará na gala ‘Humoris Causa’, presentará e asinará o seu libro ‘Pérdidas de risa’ nunha charla xunto ao director artístico do EMHU, Luis Piedrahita

Así mesmo, os fans do EMHU poderán gozar das conversas ‘O negocio do humor’, na que participará Juan Herrera -creador de ‘Humor Amarillo’, entre outros-, e ‘Coidado coas bromas: unha mesa redonda sobre os perigos da comedia’ 

Pola súa banda, Jordi Moltó aterrará no Teatro Colón coa súa escachante proposta para todas as idades ‘Lo que me han enseñado los mayores’, e á que o público poderá asistir solicitando a súa invitación a través dos centros cívicos municipais 

As invitacións para as actividades paralelas do EMHU 2024 que requiren reserva previa (‘El sentido da birra’ e ‘Lo que me han enseñado los mayores’) poderanse retirar a partir das 12.00 horas do luns 18 de marzo en www.ataquilla.com

A Coruña, 11 de marzo de 2024.- O Encontro Mundial de Humorismo presentou esta mañá a programación completa da súa esperada cuarta edición, que se celebrará na Coruña do 25 de abril ao 5 de maio de 2024. Un potente programa de actividades paralelas en aberto para toda a cidadanía súmase deste xeito ao cartel do EMHU, con grandes figuras do mundo do humor e da comunicación como Sílvia Abril, Antonio Resines, Juan Herrera, Jordi Moltó ou Raquel Martos, entre outras moitas.

Este 2024, o EMHU, a cita humorística máis relevante de España polo número de actividades e público, bateu o seu récord con máis de 18.400 entradas vendidas cando aínda queda un mes e medio para a súa celebración (superando así as 15.000 de 2023). O encontro está impulsado pola produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e Estrella Galicia. Na súa cuarta edición, o EMHU reunirá na Coruña, durante 11 xornadas, ás figuras máis destacadas da comedia galega e estatal, como Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dalia Gutmann, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé A. Touriñán e o trío As R(h)umorosas (conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro).

Serán case unha ducia de días nas que o humor e a improvisación provocarán o sorriso e o deleite do público da man dalgúns dos espectáculos máis seguidos do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas o Esto no es un show; pero tamén de producións propias como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, galas nas que o EMHU reúne en cada edición un elenco de grandes figuras que se atopan por primeira vez nun mesmo escenario.


ACTIVIDADES PARALELAS DO EMHU 2024

David Perdomo abandonará o salón da súa casa para desembarcar no EMHU 2024 con El nicho, o seu novo podcast de entrevistas que, como el mesmo afirma, “cheiran a xofre”, e no que xa se abriron en canle, con moito humor e retranca, figuras como Melania Cruz, Dani Rovira ou Lúa Mosquetera, por mencionar tan só algunhas. Nesta ocasión tan especial, que suporá, ademais, a inauguración do EMHU, Perdomo non podería elixir un mellor convidado: o seu gran cómplice sobre os escenarios Xosé A. Touriñán. Será o xoves, 25 de abril, ás 20.00h, no auditorio de Sede Afundación.

O sábado, 27 de abril, ás 12.30h, tamén na Sede Afundación, o EMHU acollerá, por segundo ano consecutivo, a cita humorística-deportiva máis divertida da nosa escena: o Match de impro da Escuela de Impro Coruña. Unha mestura entre deporte e espectáculo teatral na que dous equipos se enfrontan, durante un tempo definido, interpretando escenas improvisadas no momento, baixo as directrices marcadas nunha tarxeta, cumprindo co regulamento que marca o xogo e, o máis importante, coa participación activa do público.

Pola súa banda, un dos cómicos televisivos do momento, Jordi Moltó, visitará por primeira vez o EMHU con Lo que me han enseñado los mayores, unha escachante proposta para reverter ese tráxico sentimento que pode provocar cumprir anos, na que aborda algúns dos seus vídeos máis virais, unha sorte de emotivos experimentos sociolóxicos protagonizados por avós, cos que nos lembra que “a idade non é máis que un estado mental”. O seu parladoiro, apto para todos os públicos, terá lugar no Teatro Colón o martes 30 de abril ás 19.30h; e a entrada será gratuíta, previa retirada de convite a través de www.ataquilla.com. Para facilitar o acceso tanto de maiores coma de pequenos á proposta, o EMHU e o Concello da Coruña reservarán entradas para as persoas usuarias dos Centros Cívicos. Estas poderán solicitar a súa invitación nos propios centros, a través das canles habituais presenciais que a Concellería de Benestar Social pon ao seu dispor.

Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia é o título da charla que o mesmo martes, 30 de abril, ás 20.00h, reunirá na Sede Afundación a Dani Alés, Luis Álvaro, Alberto Olmos e José María Rodríguez Santos. Deste xeito, un prestixioso columnista, un teórico da comedia e dous dos máis refinados cómicos de stand-up nacionais daranse cita na Coruña para falar sobre algúns dos asuntos máis polémicos e delicados do mundo da comedia.

O EMHU 2024 terá espazo, tamén, para a presentación e firma do último libro dunha das cómicas máis grandes do noso país: Sílvia Abril descubrirá de primeira man “as historias dunha muller imperfecta”, e o público “terá que controlarse se non quere sufrir perdas da risa”. E é que Pérdidas de risa é o título do novo traballo de non ficción da artista, quen conversará coas asistentes e co director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, o venres 3 de maio, ás 19.00h, na Libraría Santos Ochoa (r/ Teresa Herrera, 3).

Ao día seguinte, o sábado 4 de maio, ás 12.30h, chegará a quenda de Juan Herrera -creador de formatos como Humor Amarillo, El Hormiguero e guionista na primeira etapa do Club de la Comedia-, Álex Clavero, Luis Piedrahita e Raquel Martos, protagonistas dalgúns dos proxectos máis exitosos e creativos da radio, da televisión e do teatro das últimas décadas. Ao redor dunha mesa redonda no auditorio de Sede Afundación, e baixo o título O negocio do humor, os catro debaterán sobre a comedia como unha actitude ante a vida, expoñendo as súas experiencias, os seus éxitos e, como non, algúns dos seus fracasos.

O peche do programa de actividades paralelas deste EMHU 2024 virá da man dun dos podcast máis seguidos do momento: El sentido de la birra. O seu condutor, o músico, cómico e youtuber Ricardo Moya, entrevistará, con público en directo, de forma relaxada, intimista e sen guion, a unha das figuras imprescindibles do audiovisual: Antonio Resines. Será o domingo, 5 de maio, ás 12.30h, no Teatro Colón.


ENTRADAS E INVITACIONES

As entradas aínda dispoñibles do EMHU 2024 están á venda na web oficial www.ehmu.es e na plataforma en liña www.ataquilla.com. As invitacións das actividades paralelas que requiren reserva previa (Lo que me han enseñado los mayores e El sentido de la birra) poderanse retirar a través destas dúas plataformas a partir das 12.00 horas do luns 18 de marzo.


PROGRAMACIÓN EMHU 2024

25/04, 20h | Sede Afundación
El nicho. Con David Perdomo e Xosé A. Touriñán (entrada libre ata completar capacidade da sala).

26/04, 21h | Coliseum
La capital del pecado 2.0. Con Juan Dávila.

27/04, 12.30h | Sede Afundación
Match de impro. Con Escuela de Impro Coruña (entrada libre ata completar capacidade da sala).

27/04, 19 e 22h | Palexco
Mentes peligrosas. Con Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez.

28/04, 17.30 e 22h | Teatro Colón
Celebreixon. Con Roberto Vilar.

30/04, 19.30h | Teatro Colón
Lo que me han enseñado los mayores. Con Jordi Moltó (entrada gratuíta previa retirada de convite nos centros cívicos municipais ou a partir das 12h do 18/03 en www.ataquilla.com)

30/04, 20h | Sede Afundación
Coidado coas bromas: unha mesa redonda sobre os perigos do humor. Con Alberto Olmos, Dani Alés, José María Rodríguez Santos e Luis Álvaro (entrada libre ata completar capacidade da sala).

01/05, 19.30h | Teatro Colón
Go Home. Con David Amor e Josito Porto.

02/05, 20 e 22.30h | Teatro Colón
Esto no es un show, de Galder Varas.

03/05, 19h | Sede Afundación
Tengo cosas para hacer, de Dalia Gutmann.

03/05. 19h | Librería Santos Ochoa
Presentación e firma ‘Pérdidas de risa’. Con Sílvia Abril e Luis Piedrahita (entrada libre ata completar capacidade do recinto).

03/05, 21h | Teatro Colón
La nueva normalidad, de Álex Clavero.

04/05, 12.30h | Sede Afundación
O negocio do humor. Con Álex Clavero, Juan Herrera, Luis Piedrahita e Raquel Martos (entrada libre ata completar capacidade da sala).

04/05, 12.30 e 18h | Teatro Colón
La ruina. Con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes.

04/05, 19 e 22h | Pazo da Ópera
Humoris Causa. Con Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril.

05/05, 12.30h | Teatro Colón
El sentido de la birra. Con Ricardo Moya e Antonio Resines (entrada gratuíta previa retirada de convite a partir das12h do 18/03 en www.ataquilla.com)

05/05, 20h | Teatro Colón
Fantastic Colofon. Con As R(H)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro), David Cepo, Javier Veiga e Xosé. A. Touriñán.