Luar Na Lubre, o grupo máis emblemático do folk de Galicia e un dos máis importantes de Europa, actuará por primeira vez a Kazajstán, un país de Asia Central e de antiga república soviética, que se estende desde o mar Caspio no oeste, ata o macizo de Altái e ten o seu límite oriental con China e Rusia.
Co apoio da Embaixada Española en Kazajstán, os sons celtas de Luar Na Lubre, chegarán o xoves, 7 de novembro, ao escenario principal do Teatro de Almaty, en Kazajstán.
A República de Kazajstán, con case 19 millóns de habitantes, é o noveno país máis grande do mundo e no que conviven máis de 130 nacionalidades, como kazakos, rusos, uigures, uzbekos, ucraínos e tártaros.
Luar Na Lubre, a formación galega máis internacional, atópase inmersa na promoción do seu traballo ‘Luar Na Lubre XX. Encrucillada’, que recolle algúns dos temas máis emblemáticos do seu amplo repertorio, coa participación de diferentes voces que pasaron polo grupo, ademais dunha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada historia, con testemuños de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo en Galicia.
En case 40 anos de andaina musical, Luar Na Lubre vendeu máis de 350.000 exemplares e recibiu dous Discos de Ouro, 9 Premios da Música e outros recoñecementos, dentro e fóra de Galicia. Luar Na Lubre ofreceu máis de 2.500 concertos en máis de 40 países, onde participou en festivais destacados na música folk, nos que actuou xunto a artistas internacionais, como Mike Oldfield, The Waterboys, o lendario grupo The Corrs ou Bob Geldof e españois, como Víctor Manuel, Miguel Rios, Luz Casal, Ismael Serrano, Pedro Guerra ou Diana Navarro.
Luar Na Lubre está formado por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos), Xan Cerqueiro (frautas), Brais Maceiras (acordeón) e Cristina López (cantante).