As Festas de Santa Cruz comezan hoxe e terán lugar ata o martes 26 de agosto, e inclúen propostas gastronómicas e culturais como a Festa do Chourizo, a Festa do Langostino e a Sardiñada, xunto con diversas actividades para diferentes públicos.
O luns 25 de agosto, ás 23:30 horas, a Praza Esther Pita acollerá o concerto de The Rapants, o conxunto muradán que sacudiu a escena musical do país, onde seguirán a presentar o seu traballo La máquina del buen rollo xunto con outros temas do seu repertorio nun formato ao aire libre con acceso de balde. O grupo caracterizase por mesturar estilos como o pop, o garage e ritmos bailables, e esta actuación supón unha oportunidade para escoitar en directo esta combinación sonora nun lugar habitual das festas.
Ademais do concerto de The Rapants, o programa musical das festas inclúe outras actuacións repartidas ao longo da semana: hoxe xoves 21, arrancan as actividades musicais con unha foliada no Torreiro de Pita con Ailá e Unto Vello. O venres 22 destaca o festival Son do Xaco, coa presenza de Delgao, María Escarmiento, La Banda de Ayer e PRAAA. A meirande parte das verbenas estará animada por orquestras como Fuego, Los Satélites, Finisterre e o concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, o martes 26 ás 21:00 horas, para pechar estes días de celebración.
Alsa - Cal Pita anunciou que haberá buses especiais todos os días ás 03h30 entre Santa Cruz e Entrexardíns na Coruña.

