O grupo publica este venres 5 o tema, no que colaboran Fer Peleteiro e Iago Pico,
e que se acompaña dun videoclip cos bailaríns Fran Sieira, Xisco Feijoó e Artur Puga.
“Midas é unha peza empoderada e motivadora coa que queremos chegar ás novas
xeracións, que van seguir coa tradición e termar dela”, apuntan as músicas.
4 de febreiro de 2021.-
Este venres, 5 de febreiro, Tanxugueiras presenta o seu novo tema,
Midas, unha enérxica peza na que o trío marca un punto de inflexión na súa traxectoria ao
explorar a fusión da música de base tradicional con sonoridades e estilos máis modernos. A
peza, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural e que estará dispoñible nas
principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip marcado pola pegada das
cantareiras e a posta en valor do baile do país.
“Midas é un single empoderado, motivador e con moito carácter; e que define moi ben tanto
o son actual de Tanxugueiras como a falta de medo que temos hoxe en día, como músicas,
a explorar novas sonoridades”, sinala o grupo. Con Midas, as cantareiras despéganse dos
seus anteriores traballos e da pandeireta para dar un maior protagonismo as súas voces, á
vez que empregan estruturas máis contemporáneas e apostan por un retrouso pegadizo e
con forza. Neste sinxelo avanzan na procura da fusión da tradición con estilos máis
modernos e electrónicos, pero sen perder o contacto coa orixe e a base tradicional. Para
iso, sérvense da colaboración de Fer Peleteiro -tanto no apartado musical coma na
produción- e de Iago Pico, de Pouland Studios -na produción, gravación, mestura e
masterización- . O resultado, a ollos das creadoras, é “unha proposta redonda”.
”Quen escoite a peza atopará conexións co tradicional, alén dos ritmos, nas coplas e no
carácter das mesmas”; sinala o grupo, que con Midas tamén afonda na súa vertente
creativa a través do desenvolvemento de textos propios que conectan con outras líricas da
creación colectiva galega. “Non é a nosa pretensión situarnos na proa da reformulación,
pero si que queremos dar un pasiño máis na evolución e achegar a música tradicional a
outros públicos máis novos”, expoñen. Neste sentido, as cantareiras destacan a importancia
de poñer en valor a creación popular galega entre as novas xeracións, “xa que é a
poboación que vai seguir coa tradición e van termar dela, tamén desde a evolución.”
Videoclip con baile tradicional
O lanzamento deste venres 5 de febreiro acompáñase dun videoclip producido por Trece
Amarillo e PlayPlan Cultural no que, precisamente, as músicas queren visualizar o baile
tradicional. O teaser está dispoñible desde o martes 2 en Youtube.
Se no 2019 o tema Desposorio, de corte tradicional, atopaba o seu contrapunto no baile
contemporáneo, nesta ocasión, cun vídeo moderno e rompedor, as cantareiras
acompáñanse do baile do país coa colaboración de Xisco Feijoó, Fran Sieira e Artur Puga,
membros de Fran Sieira Compañía de Danza. “Escollimos tres bailadores que nos gustan
moitísimo, cada un co seu propio estilo e que transmiten moitísima forza. Ao cabo, falamos
dun tema con moito carácter e que non deixa indiferente, que é o que sempre pretendemos
desde Tanxugueiras”, sinalan. O vídeo, no que avaricia é protagonista, poderase ver tamén
este venres na canle de Youtube do grupo.
Precisamente o bailador e músico Xisco Feijoó, que vén de lanzar o seu proxecto Peixe,
será o vindeiro convidado do Mira unha cousiña..., as conversas virtuais que as creadoras
manteñen con figuras do mundo da cultura e do lecer e que se emiten os luns, a partir das
21.00 horas, a través da web de Tanxugueiras e no seu perfil en Facebook.