Oito emisoras da Coruña volven unir as súas voces no programa solidario 'A Radio
Conta'. Esta iniciativa chega á súa oitava edición o sábado, 26 de decembro de 2020 de
17h a 20h. Será unha retransmisión especial, dedicada ás persoas e entidades que
deixaron a pel polos demais debido á pandemia do coronavirus.
O xornalista Moncho Viña conducirá unha vez máis esta homenaxe á radio más próxima,
única en Europa. A elaboración corre pola conta dunha redacción que conforman
profesionais de Radio Galega, Radio Nacional de España, Radio Coruña-Cadena Ser,
RadioVoz, Radio Marca, Onda Cero, COPE e Intercoruña.
Unha chea de convidados aparecerán nestas tres horas de radio coa ollada posta nas
persoas que o deron todo na crise sanitaria. Nesta edición especial, poderanse oír voces
desde a Garda Civil, a investigación sanitaria, as entidades sociais, as residencias de
maiores, o empresariado, o deporte e mesmo a propia radio. Cada unha, co seu
compromiso e a súa experiencia marcada polo coronavirus, que tamén deixa historias
cotiás entrañables dignas de contar.
De novo, non faltará o humor. David Perdomo, Xosé Antonio Touriñán, Fede Pérez,
Marcos Pereiro, Pedro Brandariz e Oswaldo Digón estarán nesta oitava A Radio Conta
e lembrarán os momentos nos que animaron o confinamento de moitas persoas.
Contaremos coa gaiteira Susana Seivane e co actor Tamar Novas, e estará tamén unha
habitual dos concursos televisivos, Victoria Folgueira.
O radioteatro terá un especial protagonismo nesta edición da Radio Conta. O guionista
Óscar Cruz escribiu e dirixiu tres pezas dedicadas a falar, de xeito nada habitual, da
pandemia da gripe española ou da Real Expedición Filantrópica da Vacina. Contará coas
voces de Paco Lodeiro, Carlos Jiménez, Suso Martínez e os xornalistas das diferentes
radios. Darán primicias inéditas e ofrecerán entrevistas exclusivas relacionadas co eido
sanitario.
Esta oitava edición de ‘A Radio Conta’ poderá seguirse exclusivamente polas ondas das
radios participantes, debido ás restricións sanitarias obrigadas pola COVID-19. Nas
redes sociais poderanse ver imaxes e sons dos convidados e dos profesionais
participantes, a tempo real, co cancelo #aradioconta2020.