miércoles, 15 de enero de 2020

A Secretaría Xeral para o Deporte recomenda suspender a partir de mañá as actividades deportivas ao aire libre no litoral galego


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro que afectará desde esta madrugada ao litoral da Coruña e Pontevedra, e tamén por vento nestas dúas provincias e en Lugo, ademais de por chuvias na Coruña

Santiago, 15 de xaneiro de 2020.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro que afectará desde esta madrugada ao litoral da Coruña e Pontevedra, e tamén por vento nestas dúas provincias e en Lugo, ademais de por chuvias na Coruña. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espéranse ventos do sur ou do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir de mañá ás provincias da Coruña e Pontevedra e na Mariña de Lugo. No resto da comunidade o nivel de alerta será amarelo con refachos de ata 95 quilómetros por hora.

A AEMET tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur ou do suroeste que poden acadar forza oito. Ademais, activarase a alerta laranxa por chuvias intensas e persistentes durante toda a xornada de mañá no oeste, no interior e no suroeste da provincia da Coruña, onde se esperan precipitacións acumuladas en 12 horas de ata 90 mm. Por este motivo, desde a Secretaría Xeral para o Deporte ínstase á suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas.

A Secretaría Xeral para o Deporte pretende deste xeito preservar a seguridade dos deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces, afeccionados, operarios e garantir que non se produza incidencia algunha nas instalacións.

No caso de precisar información máis puntual ou detallada, débese chamar ao Centro integrado de Atención de Emerxencias 112 Galicia, ou consultar a páxina web da AEMET: www.aemet.es., do CAE 112: www.axega112.gal e de Meteogalicia: www.meteogalicia.es