viernes, 7 de febrero de 2020

A Xunta, a Fundación María José Jove e INGADA levan formados preto de 1.300 docentes na abordaxe educativa do TDAH


O acordo de cooperación, en marcha desde o curso 2014/2015, renovouse hoxe nun acto no que se galardoaron os proxectos gañador e finalistas da VI Bolsa Ingada- María José Jove

A Coruña, 7 de febreiro de 2020.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA), levan formados desde o curso 2014/2015 preto de 1.300 docentes en 38 actividades formativas para a abordaxe educativa do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), ao abeiro do convenio de colaboración subscrito para este fin. A conselleira, Carmen Pomar; a presidenta da devandita Fundación, Felipa Jove; e o presidente de Ingada, Ángel Carracedo; asinaron hoxe a addenda a este acordo, nun acto no que se deron a coñecer os proxectos gañador e finalista da VI Bolsa Ingada-María José Jove.

Durante a súa intervención a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, sinalou como un dos principais obxectivos do seu departamento o impulso da calidade de resposta educativa fronte á diversidade.

Pomar explicou que a Xunta de Galicia leva anos traballando no desenvolvemento dun sistema educativo inclusivo e equitativo, tarefa na que sinalou como fito o Decreto 229/2011 de atención á diversidade do alumnado, “que situou a Galicia como pioneira no conxunto de España, e cambiou tamén o concepto da atención á diversidade, deixando atrás a noción de discapacidade para contemplar unha realidade máis ampla, na que todos e cada un de nós somos diferentes e diversos”.

“Con esta base –explicou– desenvolvemos distintos protocolos a partir da colaboración con asociacións para a atención á diversidade na aula, profesionais do mundo sanitario e universitario e outras institucións”, dos que un dos primeiros foi o Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e na adolescencia nos ámbitos educativo e sanitario. Así mesmo lembrou que se creou na Consellería o Servizo de Inclusión e Orientación Educativa, centrado nas medidas para o fomento da equidade e a inclusión, o impulso á orientación educativa, o asesoramento ás familias e á coordinación dos axentes da comunidade educativa.

A conselleira quixo agradecer o compromiso dos docentes, como os recoñecidos no acto de hoxe, e reafirmou a aposta decidida do seu departamento pola formación do profesorado, na que se enmarca o convenio de colaboración que se asina anualmente coa fundación María José Jose e Ingada para a abordaxe do TDAH. Así mesmo, destacou a contribución destas dúas entidades á formación continua e á actualización do profesorado. “Todos estamos inmersos no proceso de educar aos cidadáns da Galicia do século XXI. E nese proceso non podemos permitirnos o luxo de deixar a ninguén detrás”, dixo.

Curso de formación

Os cursos de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) impartidos ao abeiro da colaboración entre as tres devanditas entidades están dirixidos a docentes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. Trátase de formación impartida por neuropsicólogos, psiquiatras, logopedas, médicos e pedagogos co obxectivo de achegarlles aos asistentes o coñecemento necesario sobre o TDAH, para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento do alumnado e a súa integración.