jueves, 6 de febrero de 2020

Deputación e Concello de Bergondo reclamarán a Patrimonio que levante a protección dunha finca para poder rematar a ampliación da DP-0810


A maior parte da vía, que vai de Guísamo a Guiliade, xa se levou a cabo hai anos pero non se puido actuar nun tramo debido á protección especial que aplica Patrimonio á totalidade da finca

O peche, que sería afectado pola expropiación, data dos anos 90 e non está incluído dentro do conxunto orixinal do inmoble

José Manuel Pequeño solicita á Xunta de Galicia que reconsidere a súa decisión xa que “consideramos que é necesario modificar ese punto para mellorar a seguridade viaria”

Alejandra Pérez Máquez argumenta que “a seguridade viaria é máis importante que un peche que para nós non ten ningún valor a efectos patrimoniais”

A Coruña, 06 de febreiro de 2020. A Deputación da Coruña e o Concello de Bergondo acordaron hoxe reclamar á Secretaría Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que levante a protección especial que aplica á totalidade da finca ‘Valdeameno’, situada na DP-0810 para poder rematar a ampliación da vía que vai de Guísamo a Guiliade.

A Deputación xa levou a cabo a ampliación da maior parte da vía nunha primeira fase dos traballos pero non puido actuar nese tramo concreto debido á existencia dunha finca, coñecida como ‘Valdeameno’, que conta cunha protección especial de Patrimonio para a súa totalidade.

Desde o organismo provincial coñécese a existencia deste punto negro de tráfico desde hai moitos anos e conta cun proxecto para melloralo que considera totalmente necesario pero que está paralizado debido ás restricións que aplica Patrimonio tamén sobre o peche da finca, que sería necesario expropiar para poder acometer a ampliación da vía.

Tanto a Deputación da Coruña como o Concello de Bergondo consideran que o único ben protexido debería ser o inmoble e non o peche deste xa que este é unha construción dos anos 90 e non está incluído dentro do conxunto orixinal do inmoble ao igual que as ampliacións que se fixeron.

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, aclarou que “desde a Deputación vamos a insistir para que a Xunta reconsidere esa decisión que tomou porque é totalmente necesario actuar nese punto para mellorar a seguridade viaria. É moi triste que se teña que agardar a que pase unha desgracia como a de onte para que se valoren estas cousas”.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, argumenta que “a seguridade viaria é máis importante que un peche que para nós non ten ningún valor a efectos patrimoniais”.