viernes, 27 de marzo de 2020

Luar Na Lubre publica Benvido, o primeiro single que abre o seu novo disco, e que conta coa colaboración de Miguel Ríos


O tema de apertura de Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos, o 19º traballo discográfico do grupo, conta coa colaboración do artista andaluz 

Luar Na Lubre avanza tamén un segundo corte, Mártiros e o vákner, no que recupera unha das lendas do Camiño de Santiago ao seu paso polos montes de Dumbría 

Desde hoxe os singles están dispoñibles para a súa escoita nas plataformas dixitais iTunesDeezerTidalSpotify e Amazon.

A Coruña, 27 de marzo de 2020.- Os dous primeiros cortes do novo disco de Luar Na Lubre, Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos, xa están na rúa. O grupo vén de publicar este venres, 27 de marzo, Benvido e Mártiros e o vákner nas plataformas iTunes, Spotify, Amazon, Deezer e Tidal. O lanzamento supón un adianto dun álbum no que a agrupación explora os escritos, as sonoridades e as pegadas que os viaxeiros deixaron ao seu paso polos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago. Este novo traballo discográfico, o 19ª da traxectoria artística da banda, conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo.


"Benvido"



Benvido abre o novo disco de Luar Na Lubre coa colaboración do cantante Miguel Ríos, quen pon voz a un tema que pretende dar a benvida a todas as persoas que percorren o itinerario xacobeo, a través dos seus diversos vieiros, no momento de chegar a Galicia. “Benvido é un canto de acollida, unha carta de presentación do que é esta terra, do que é Galicia“, sinala Bieito Romero, fundador de Luar Na Lubre.

“Dende o medievo até a actualidade, milleiros de persoas percorreron un camiño de peregrinación impulsados por motivacións relixiosas, culturais e artísticas, inquedanzas viaxeiras ou mesmo de negocios. A procura da tumba do Apóstolo e a meta da Compostela, ou a experiencia persoal da realización deste itinerario por mar ou terra, seguindo a antiga vía das estrelas, teñen en común a chegada a unha terra única, dotada dun patrimonio material e inmaterial rico e diverso, aberta a recibir e acoller a influencia de quen veña”, expón Romero. Benvido, que tamén conta coa colaboración de Nani García nos teclados, é a carta de presentación dun disco no que Luar Na Lubre “leva moitos anos traballando e no que o relato se tece singularmente, de xeito natural, a través das historias humanas que percorren a ruta xacobea ao longo de diferentes épocas e contextos”, explica Bieito Romero. Un traballo no que Luar Na Lubre “quere pór en valor as historias que recompilamos a través de diferentes vías pero que, todas elas, conforman o imaxinario popular do Camiño”, apunta o músico.

"Mártiros e o Vákner"



Así, o grupo lanza tamén este venres 27 un segundo single, Mártiros e o vákner, que recupera unha das lendas vinculadas ao Camiño de Santiago no seu remate natural, nas terras de Muxía e Fisterra, e que se inspira na viaxe que o bispo armenio Mártiros de Arzendjan realizou no século XV a Compostela. Durante o seu percorrido, logo de recibir a beizón do apóstolo en Santiago, o armenio atisbou nos montes de Dumbría unha besta grande e maligna á que chamou o vákner. Neste single, Luar Na Lubre narra o encontro entre Mártiros e a a besta misteriosa, e de como o peregrino puido escapar dela. Con este novo tema, a sonoridade de Luar Na Lubre non só evoca as lendas e sons do ancestral camiño das estrelas na Costa da Morte, senón que regresa á beira atlántica logo da publicación, no ano 2018, de Ribeira Sacra.


Máis plataformas dixitais onde escoitalos: