A medida foi adoptada por unanimidade de todos os grupos políticos na
Xunta de Voceiros que se realizou esta mañá en María Pita.
O próximo 4 de maio, as bandeiras ondearán a media hasta no pazo
municipal e realizarase unha declaración oficial
A Coruña, 27 de abril de 2020.- O concello decretará loito oficial o luns 4 de maio
polas vítimas do coronavirus. As bandeiras do pazo municipal ondearán a media hasta, en lembranza das persoas falecidas polo Covid-19. A medida foi adoptada por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación. Así o anunciou esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, tras a Xunta de Voceiros que se desenvolveu en María Pita e na que, ademais da rexedora e do portavoz do Goberno local, José Manuel Lage, estiveron presentes as/os voceiros de Marea Atlántica e do Partido Popular, María García e Roberto Rodríguez, o voceiro do Bloque Nacionalista Galego, Francisco Jorquera, e a voceira de Cidadáns, Mónica Martínez.
“Acordouse por unanimidade declarar loito oficial en recordo de todas as persoas
que faleceron nesta crise sanitaria, pola terrible traxedia que supón perder a un ser querido sen poder choralo nin despedilo”, anunciou a alcaldesa. Todas as voceiras e voceiros, dixo, cremos necesario e xusto gardar dó polas veciñas e veciños coruñeses que faleceron nesta pandemia, que suman na área sanitaria da Coruña un total de 114 persoas. A Xunta de Voceiros tamén acordou asinar unha declaración institucional que recolle a dita medida.
Por outra banda, o Concello da Coruña ten previsto adherirse ao loito oficial se así o
decretaren o Goberno do Estado ou a Xunta de Galicia.